Río de Galicia, marca do Grupo Lence, reforza o seu compromiso coa innovación en produtos saudables e nutritivos, adaptados ás necesidades do consumidor actual, cada vez máis consciente da importancia dunha alimentación equilibrada, pero con pouco tempo para coidala. Co lanzamento de OptiMilk GO, a marca ofrece unha solución práctica: un alimento completo on the go que pode tomarse como snack ou mesmo substituír unha comida.
OptiMilk GO é unha bebida completa de leite e avea, sen graxa e sen lactosa, elaborada cunha base de leite ultrafiltrado que achega naturalmente máis calcio e proteínas. O seu alto contido proteico, 16 gramos por envase, combinado cos beneficios da avea, é tan saciante como unha comida, á vez que proporciona unha nutrición equilibrada e saudable.
Dispoñible en tres sabores
OptiMilk GO preséntase en tres sabores: fresa e plátano, chocolate, e café con leite. Estes sabores foron seleccionados coidadosamente para satisfacer unha ampla variedade de gustos e facer de OptiMilk GO unha opción ideal para consumir en calquera momento do día, xa sexa como almorzo, comida, cea ou snack entre horas.
Está dispoñible en tres sabores: fresa e plátano, chocolate e café con leite e xa está á venda no ecommerce da compañía
Segundo Carmen Lence, CEO do Grupo Lence, “OptiMilk GO está pensado tanto para o adolescente que sae de casa sen tempo para almorzar, como para o executivo con apenas uns minutos para comer, ou para quen desexa unha cea nutritiva sen necesidade de cociñar. O seu alto contido en proteínas, xunto coa avea, proporciona unha sensación de saciedade duradeira, mentres te nutres de forma completa e saudable”.
Do mesmo xeito, a CEO do Grupo Lence sinalou que “esta combinación é ideal para quen necesita enerxía sostida sen recorrer a opcións pouco saudables. OptiMilk GO é para todos eles: un alimento completo que pode gozarse en movemento ou nos teus momentos de descanso”.
Este novo produto é parte da gama OptiMilk, onde tamén se atopan o leite OptiMilk e os batidos OptiMilk Pro
OptiMilk GO forma parte da liña OptiMilk, caracterizada pola súa base de leite ultrafiltrado, que ofrece un achegue superior de nutrientes esenciais. Ademais de OptiMilk GO, a gama inclúe o leite OptiPlus e os batidos OptiMilk PRO, todos dispoñibles para a súa compra na tenda en liña da compañía.
Os produtos desta liña son desnatados e aptos para persoas con intolerancia ao glute e á lactosa, facendo de OptiMilk unha gama inclusiva e adaptada a diversas necesidades alimenticias.
Espíritu de superación e aposta por novos produtos de máis valor engadido
O Grupo Lence é nestes momentos a terceira empresa por volume de recollida de leite en Galicia. Aínda que a compañía está especializada no envasado de leite líquido para consumo (a marca branca representa máis da metade do seu volume), nos últimos anos a empresa está apostando por lanzar ao mercado novos produtos de maior valor engadido.
Río de Galicia é unha marca do Grupo Lence, nacida do espírito de superación do seu fundador, Jesús Lence, quen adoita dicir que comezou no sector lácteo “por unha casualidade do leite”. Ao bordo da quebra, Jesús aceptou como pagamento uns camións para transportar leite. O que parecía o final da súa carreira empresarial converteuse no inicio do seu maior éxito.
O emblemático deseño dos envases de Río de Galicia, un cántaro de leite volcado do que xorde un río que rega un campo ao amencer, simboliza ese espírito de superación: o cántaro caído representa o fracaso, pero o leite que verte alimenta un campo con flores que florecen co novo día. A mensaxe é clara: cada amencer é unha nova oportunidade para alimentar os teus soños e facelos florecer.