Ricardo Durán, director da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, novo presidente da Asociación Europea de Mercados de Gando

Ricardo Durán, director da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, novo presidente da Asociación Europea de Mercados de Gando

O director da Fundación Semana Verde de Galicia e a Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, Ricardo Durán, foi nomeado onte presidente da Asociación Europea de Mercados de Gando (AEMB)

O director da Fundación Semana Verde de Galicia e a Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, Ricardo Durán, foi nomeado onte presidente da Asociación Europea de Mercados de Gando (AEMB).

A elección, que tivo lugar en Bruxelas na Asemblea Xeral desta entidade, produciuse a proposta do presidente saínte, o francés Gilles Rousseau, e a través de votación a man alzada dos representantes das asociacións nacionais membros.

Estivo enmarcada na renovación da xunta directiva da Asociación, a cal se leva a cabo cada dous anos e supón que Durán estarán no cargo ata finais de 2024. Ata entón acompañarano na xunta directiva da AEMB o neerlandés Andries Kingma como vicepresidente primeiro e o francés Debray como vicepresidente segundo, ademais de contar como vogais con Joseph Jouant, de Bélxica; Hommelhoff, de Dinamarca; Williams, de Irlanda, e Harisson Boyd, de Irlanda do Norte.

Durán acudiu á reunión tanto en calidade de vicepresidente primeiro da AEMB como de vicepresidente da Asociación Nacional de Mercados de Gando (ASEMGA), cuxos datos deu a coñecer na asemblea. Así, informou de que os mercados españois en 2021, ano no que se produciu aínda unha apertura graduada debido á pandemia, rexistraron 418.144 cabezas de gando, un 22,32% máis que en 2020. Así mesmo, trasladou que para este exercicio de 2022 a previsión é que se recuperen cifras de asistencia de 2019, cando concorreran 487.498 reses. Respecto ás cotizacións, destacou os altos prezos que están a acadar en todos os mercados os bovinos adultos e en xeral aqueles animais presentados en boas condicións de carne, ademais das cotizacións récord dos becerros de sacrificio inferiores a 1 ano, debido á escaseza deste tipo de animais nas ganderías de proximidade.

Ademais, tamén como representante de ASEMGA, propuxo que a Asociación Europea de Mercados de Gando non permaneza na Unión Europea do Comercio de Gando e Carne (UECBV), da que forma parte, se non se produce unha mellora nos servizos que vén prestando esta última. Unha postura que foi apoiada polos representantes de Francia e Irlanda do Norte e sobre a que os mercados asociados manterán a semana que vén unha reunión telemática na que se decidirán as liñas para seguir de forma unida respecto aos servizos que debería prestar a UECBV e as cotas anuais a pagar a esta entidade, que se entende deberían ser en función dos volumes de asistencia actuais dos mercados asociados.

Nesta asemblea xeral Durán estivo acompañado do secretario administrativo de ASEMGA e coordinador da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, Julio Pérez, ademais dun delegado do Mercado de Santiago de Compostela, Antonio Barreira, e un acompañante do mesmo, Antonio Cudeiro.

Visita ao mercado de Ciney

Esta mañá os participantes na asemblea xeral da AEMB visitaron o mercado de gando de Ciney. Construído en 1985 e cunha concorrencia de 104.115 animais no ano 2019, é o maior de toda Bélxica e céntrase na raza Branco Azul Belga.

Ademais de contar con mercado de recría os mércores, os venres celebran mercado de vacún maior, rexistrando hoxe un volume de asistencia duns 2.000 animais. A venda lévase a cabo a través do trato directo entre comprador e vendedor, sen que o mercado interfira. Os acordos realízanse por golpes na man ata que ambas as partes chegan a un acordo que pechan cun forte golpe na palma da man.

Ademais de coñecer o funcionamento deste mercado e as súas instalacións, fixeron o propio na Association Wallonne de L´évage, un centro de testaxe de touros de Branco Azul Belga.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información