“Ribeiro, o teu mellor camiño”, a campaña para recuperar o enoturismo na DO máis antiga de Galicia

Publicidade
“Ribeiro, o teu mellor camiño”, a campaña para recuperar o enoturismo na DO máis antiga de Galicia

Juan Manuel Casares, presidente da asociación Ruta do Viño do Ribeiro

Esta mañá presentouse no Centro Cultural Marcos Valcárcel, centro dependente da Deputación Provincial de Ourense, a campaña “Ribeiro, o teu mellor camiño”, unha iniciativa promocional da Ruta do Viño do Ribeiro que busca potenciar o territorio vitivinícola coma destino enoturístico.

Esta acción encádrase no programa de actividades que a Ruta do Viño do Ribeiro vén desenvolvendo dende o ano 2019 amparado baixo a marca enoturística “O CAMIÑO DO VIÑO. RUTA DO VIÑO DO RIBEIRO”.

“Ribeiro, o teu mellor camiño” é unha aposta decidida por potenciar o territorio do Ribeiro; revitalizar unha comarca vitivinícola histórica e potenciala coma destino enoturístico. Para iso poñerase en valor o territorio, a paisaxe, os recursos arquitectónicos culturais e outros coma o termalismo, utilizando o viño Ribeiro, a paisaxe e o seu patrimonio histórico como fíos condutores. A campaña, segundo o presidente da Ruta do Viño do Ribeiro, Juan M. Casares, “valerase dunha coidada selección fotográfica e dun spot enoturístico que amosen todos os nosos recursos e potencialidades.”

A campaña desenvolverase nas redes sociais Facebook e Instagram durante os meses de xullo e agosto e centrarase na captación de potenciais visitantes das sete grandes cidades da comunidade autónoma de Galicia. O público obxectivo achégase ao millón de persoas e fará un especial fincapé nos perfis de clientes con máis de 25 anos e interesados no viño e o turismo rural.

Segundo o presidente da Ruta do Viño do Ribeiro, Juan M. Casares, “o obxectivo desta acción no curto prazo consiste en atraer visitantes ao territorio do Ribeiro para, cando menos, recuperar as cifras que se manexaban denantes da crise sanitaria.”

Outras accións da Ruta do Viño no ano 2021

Durante o mes de xullo desenvolverase outra acción en redes cun instagramer de especializado en temas de turismo e termalismo ao abeiro dun convenio coa Deputación Provincial de Ourense e Turismo de Galicia.

A Asociación Ruta do Viño do Ribeiro celebrará tamén, no mes de outubro, a X edición da Xornada de Portas abertas das Rutas do Viño de Galicia que promove a Axencia de Turismo de Galicia.

En derradeiro lugar estase pechando unha acción promocional directa en Madrid dirixida a prensa especializada e posibles operadores turísticos.

Ruta do Viño. Datos

Neste sentido, no período 2008/2019, pasaron polo Ribeiro preto de 120.000 persoas, tendo en conta os datos que se rexistran nas adegas. O mellor dato rexistrouse no ano 2018 onde os visitantes chegaron ás 14.277 persoas. O incremento medio de visitantes por ano sitúase no 12-14% tendo en conta que o incremento é ascendente desde o 2012, ano no que houbo o menor número de visitantes de toda a serie rexistrada.

Actualmente integran esta entidade un total de 50 socios repartidos da seguinte forma: dez concellos, dezasete adegas, once aloxamentos, sete restaurantes, dúas empresas de servizos e as oficinas de turismo de Ourense e Ribadavia, ademais de o Consello Regulador da D.O Ribeiro que ostenta a presidencia.

No tocante aos perfís dos visitantes, o Ribeiro é destino preferente en colectivos de 45 a 65 anos que supoñen o 47% dos visitantes, aínda que é certo que nos últimos anos, a franxa de idade que comprende os 30-45 vai aumentando ata situarse no 28%.

Ata o momento da crise sanitaria, os nosos enoturistas viaxaban en parellas ou en grupo de non máis de 4 a 6 persoas cun nivel de renda medio, e proveñen sobre todo, no 90% de Galicia, un 8% do resto de España e un 2% de países europeos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información