O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución da Axencia Galega da Calidade Alimentaria que aproba unha modificación no prego de condicións da Denominación de Orixe Ribeiro. O obxectivo é reforzar a calidade e identidade dos viños incluídos nesta denominación.
Entre as principais novidades está a inclusión de catro variedades como principais: dúas tintas (Merenzao e Espadeiro) e dúas brancas (Branco Lexítimo e Albilla do Avia). Estas castes levan séculos cultivándose na comarca e representan un importante patrimonio vitícola. A súa incorporación enriquecerá a oferta de viños e mellorará a súa posición no mercado.
A variedade Albilla do Avia, propia do Val do mesmo nome, fora durante anos confundida coa Albillo, que non se cultiva na zona. En 2021, a súa identidade foi recoñecida oficialmente. Por iso, retirouse a Albillo da lista de variedades autorizadas e engadiuse a Albilla do Avia como principal.
Tamén se introducen restricións no uso de certas variedades. As castes Palomino, Garnacha tintorera e Tempranillo non poderán utilizarse en novas plantacións nin en replantacións. Non obstante, poderán substituírse cepas fallidas con exemplares da mesma variedade en viñedos existentes.
No que respecta ao rendemento, mantéñense os límites máximos actuais para as principais: 13.000 kg/ha nas brancas e 12.000 kg/ha nas tintas, sen importar o tipo de viño. Para as secundarias, as brancas seguen cun máximo de 19.000 kg/ha, mentres que as tintas pasan de 19.000 a 18.000 kg/ha.
Elimínase tamén a excepción que permitía superar estes límites cando as castes principais se destinaban a viños como Ribeiro castes, barrica, espumoso ou tostado. A partir de agora, os límites aplicaranse en todos os casos. Estes valores tamén se axustarán segundo a densidade de plantación.
Por último, nas campañas excepcionais cun incremento de ata o 25 % debido a condicións meteorolóxicas, esta posibilidade quedará restrinxida ás variedades principais. As secundarias non poderán beneficiarse deste aumento.