O pleno do Consello Regulador Ribeira Sacra, reunido coa presenza do director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, Martin Alemparte Vidal, aprobou unha serie de medidas coas que subliñan que avanzan no camiño da calidade dos produtos amparados pola DO Ribeira Sacra.
Os acordos van na liña de buscar solucións aos stocks estruturais de viño tinto que vén sufrindo a denominación de orixe nos últimos anos. Estes son os acordos:
– Solicitar unha modificación de prego de condicións en canto ó rendemento máximo de kg por hectárea en variedades tintas, pasando do 9.500 kg por hectárea actuais a 7.500 kg/ h.. Esta aprobación remitiráselle a Consellería do Medio Rural para a súa tramitación diante do Ministerio de Agricultura, co obxectivo de modificar o prego de condicións. Esta medida entrará en vigor para a colleita 2025.
Este acordo é, en palabras do presidente Antonio Lombardía Crespo, “un punto de inflexión dentro da estratexia de maximizar a calidade dos nosos viños para poder situalos nunha gama de prezos que fagan posible converter as explotacións vitícolas en rendibles”.
O mantemento dos rendementos nas variedades brancas pode facer máis atractivo o sobreenxertado destas variedades en zonas chairas máis óptimas para elas, reducindo a cantidade de uvas tintas na DO e axudando desta maneira para preservar as viñas de variedades tintas en socalcos.
– Aprobada a limitación de novas plantacións, co obxectivo de que non se poida aumentar o viñedo en chaira, e priorizar a Ribeira como eixo da nosa identidade. Nas zonas de bancais só se permitía inscribir novas plantacións en zonas que foran zonas de viñedo tradicional.
– Instar a Consellería do Medio Rural a solicitar a colleita en verde para a campaña 2025. De aprobarse esta medida, cremos que pode ser útil a calquera viticultor que o ano que vén non consiga un contrato de compravenda.
“O importe da axuda é do 50 % da produción e do custo de eliminación do acio, o que unido á axuda de mantemento da paisaxe, e tendo en conta que non se incorren en gastos de vendima, redúcese moito o traballo e o gasto en tratamentos é menor, pode ser unha opción moi atractiva para aqueles viticultores que non atopen comprador mentres non se dá axustado oferta e demanda”, valora o consello regulador.