A DO Ribeira Sacra entrega ás súas adegas os certificados de ENAC

Publicidade
A DO Ribeira Sacra entrega ás súas adegas os certificados de ENAC

Foto de familia dos adegueiros da DO Ribeira Sacra en Portomarín, tras recibir a acreditación de ENAC

Este venres celebrouse no Pazo Xeral Paredes en Portomarín, o acto oficial de entrega das certificacións de calidade ENAC a todas as adegas do D.O. Ribeira Sacra.

O presidente do Consello Regulador, José Manuel Rodríguez González,  inaugurou o acto destacando “a importancia do territorio en Ribeira Sacra, que grazas á implicación de varios entes como a Xunta de Galicia, a Entidade Nacional de Acreditación (ENAC), a Universidade de Vigo e sobre todo as adegas e o persoal de Consello Regulador, conseguiuse esta certificación que sitúa ao D.O. Ribeira Sacra no máis alto”.  En Galicia as outras denominacións de orixe vitivinícolas que teñen esta acreditación son Rias Baixas e Monterrei.

Pola súa banda, Elisa Gredilla Zazo, xefe do Departamento Agroalimentario de ENAC, agradeceu ás adegas e ao persoal do Consello Regulador “o gran traballo realizado neste proceso longo e complexo, que deu como froito que o Consello Regulador sexa capaz de cumprir e facer cumprir unha esixente norma europea, pero totalmente necesaria, para obter o recoñecemento dun produto apto e de calidade, como os viños acollidos á Denominación de Orixe Ribeira Sacra”.

Coa acreditación ENAC a DO. Ribeira Sacra únese a Monterrei e Rías Baixas

“A acreditación é un recoñecemento sobre a etiquetaxe do produto que se certifica con precinto de garantía tras cumprir a esixente lexislación europea e axuda tamén, como ferramenta na promoción exterior, xa que os certificados outorgados por ENAC son recoñecidos en máis de 70 países”, engadiu.

A responsable de ENAC tamén subliñou que “non só se trata de cumprir co Prego de Condicións de Ribeira Sacra e o Regulamento Europeo, senón que tamén se trata dunha importante ferramenta de promoción, xa que en España cóntase con 166 pregos de condicións acreditados, dos que 93 son de viño e en Galicia hai 3, así que se pode dicir que Ribeira Sacra está á vangarda, no pelotón de cabeza”.

O Consello Regulador da Denominación de Orixe comezaba no ano 2010 a súa andaina para conseguir a Acreditación para a certificación de Produtos Agroalimentarios baixo a norma UNE-EN 45011:1998 que en España concede unicamente a Entidade Nacional de Acreditación (ENAC).

O 08 de Xullo de 2016, ENAC outorga á Denominación de Orixe Ribeira Sacra esta acreditación internacional cumprindo coas esixencias derivadas da OCM do viño para todas as indicacións de calidade europeas, despois das Denominacións de Orixe Vitivinícolas galegas Rías Baixas e Monterrei.

Ribeira Sacra empezou a traballar para lograr a acreditación ENAC no ano 2010

Para conseguir a acreditación na norma UNE-ESO/IEC 17065 Ribeira Sacra contou desde o mes de xullo de 2015 ata a actualidade co asesoramento do Grupo de Enxeñaría de Organización da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo, D. José Carlos Prado Prado, director do Proxecto e D. Arturo José Fernández González.

Na actualidade o Consello Regulador atópase na fase de adestramento e formación do Panel de Cata do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra aos requisitos da norma UNE-EN ESO/IEC 17025:2005.

Ao finalizar o acto os asistentes puideron degustar tres singularidades gastronómicas, a parva, a anguía e a torta do Camiño mentres gozaron observando a exposición composta de 5 cubos que conmemora os 25 anos da creación do D.O. Ribeira Sacra e que se poderá visitar no Pazo Xeral Paredes desde o día 17 en diante.

O acto de hoxe estivo presidido polo presidente do Consello Regulador, José Manuel Rodríguez, acompañado da Directora Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias: Dna. Belén María do Campo Piñeiro, o Delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo: D. José Manuel Balseiro Orol, a xefa do Departamento Agroalimentario de ENAC, Dª. Elisa Gredilla Zazo e o alcalde do Concello de Portomarín, D. Juan Carlos Serrano López.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información