“Ribeira Sacra débese centrar en viños novos de Mencía, o outro son experimentos”

Entrevista a José Manuel Rodríguez, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Lembra que “a ninguén en Borgoña ou en Champaña se lle ocorre plantar Mencía, sen embargo en Galicia acúsante de retrógrado se defendes manternos fieis á tradición”.

Publicidade
“Ribeira Sacra débese centrar en viños novos de Mencía, o outro son experimentos”

José Manuel Rodríguez

José Manuel Rodríguez forma parte da historia viva da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, impulsando o seu recoñecemento dende o ano 1991. Reparte o seu tempo entre a presidencia do Consello Regulador e o seu modo de vida, unhas 2,5 hectáreas de viñedo na subzona do Amandi que posiblemente xa cultivaban os romanos.

Apaixonado pola súa terra e polo seu modo de vida, lembra que “na Ribeira Sacra a viticultura permite manter unha paisaxe excepcional e fixar poboación no rural”.

Cales son as previsións da vendima deste ano?
No conxunto da Denominación a uva está sá e en moi bo estado e se todo vai ben nas próximas semanas poderíamos superar os preto de 5 millóns de quilos de uva do pasado ano ata chegar aos 6 millóns.

A metereoloxía foi moi boa ata o de agora, o que reduciu moito os problemas fitosanitarios. Na subzona do Bibei si que houbo problemas coa saraiba, que afectou gravemente a algúns viñedos.

Como se está a comportar o mercado cos viños da Ribeira Sacra?
Volvemos aumentar as vendas arredor dun 10% este ano, despois do estancamento dos anos da crise. O mercado exterior tamén está medrando e estamos a recibir cada vez máis visitas de importadores e prescriptores. O obxectivo é que o viño se venda cada vez a un mellor prezo.

Cal foi a clave deste éxito?
O sector no seu conxunto foi capaz de non entrar nas modas e ser fieis á personalidade do viño da Ribeira Sacra: un viño tinto, xoven e agradable de beber.

A unidade do sector e ser fieis e serios nunha estratexia e nunha liña de traballo penso que foi a clave para que os nosos viños estean ben posicionados no mercado.

Cales son os vosos mercados prioritarios?
Preferentemente o mercado galego e despois o mercado español, sobre todo de Madrid para arriba. E logo o mercado da Unión Europea e dos Estados Unidos e os mercados emerxentes.

Que obxectivos vos plantexades para os próximos anos?
O reto prioritario é manter a rendibilidade, porque cultivar viño nestas ladeiras da Ribeira Sacra ten uns altos custos de produción e o prezo de venda do viño ten que facer rendible o cultivo. Case todo se ten que facer a man e iso aumenta os custos de produción.

“Pódese ampliar a DO aos concellos de Coles, Pereiro de Aguiar e Negueira de Muñiz”

Ao viticultor e ao adegueiro tenlles que ser rendible a viticultura na Ribeira Sacra para poder continuar.

Como vedes a nova normativa de dereitos de plantación?
Penso que non deixa moita marxe nas zonas de Denominación de Orixe e non permite o medre sen control porque, senón, poríamos en perigo a rendibilidade. Neste sentido, paréceme positiva ao non permitir a liberalización dos dereitos de plantación de viñedo, polo menos ata o ano 2030.

Como afrontades o reto dunha viticultura cada vez máis sostible e con menos fitosanitarios?
A viticultura na Ribeira Sacra estaría dentro da agricultura integrada, preto da viticultura ecolóxica. Todo o que sexa reducir tratamentos fitosanitarios paréceme ben pero penso que os lexisladores deberían estar máis en contacto co sector.

Por exemplo, dende a Comisión Europea prohibíronse os produtos contra a armillaria, pero agora resulta que hai fortes ataques de yesca e de armillaria e temos moitos problemas para combatelos. Ao mesmo tempo, a Unión Europea permite a importación de viños doutros países nos que eses mesmos produtos si que están autorizados.

O mesmo sucede co xofre, que era utilizado dende a época dos romanos e que agora está moi limitado.

Hai posibilidades de ampliación da DO Ribeira Sacra a outras zonas de Lugo e de Ourense?
Agora mesmo sería posible se esas zonas cumpren as mesmas condicións que a Ribeira Sacra, pero a partir do 1 de xaneiro de 2016 sería moi difícil porque aumentarán as esixencias por parte da Comisión Europea.

Aínda así, dentro da OCM deixa lugar para ampliar o 1% de superficie en denominacións en forte pendente.

A DO empezou abranguendo a 11 concellos e hoxe somos 20 concellos. Hai viñedos dos concellos ourensáns de Coles e de Pereiro de Aguiar, e outra zona na zona en Lugo, en Negueira de Muñiz, nas abas do Río Navia, que poderían entrar na DO Ribeira Sacra. Pero ten que haber unha solicitude deses territorios e ser aprobada polo Pleno do Consello Regulador.

Como vos está a afectar na Ribeira Sacra os ataques ao viñedo da fauna salvaxe?
Estanos a afectar moito porque a poboación de corzo e de xabarín está descontrolada, sen depredadores naturais que manteñan un equilibrio. Ten que haber, polo tanto, unha regulación para reducir a súa poboación.

Sobre todo nas partes altas da Ribeira Sacra estamos a ter uns estragos enormes nas viñas por parte dos corzos, xa que comen todos os gromos. Ademais, está eliminando moitas árbores novas o que provocará problemas de erosión.

 “As grandes denominacións do mundo teñen unha ou dúas variedades que as identifican”

Cal é a clave para que haxa relevo xeneracional na viticultura?
Estase incorporando xente nova tanto como viticultores como como traballadores nos viñedos das adegas. A clave está en que a viticultura sexa rendible na Ribeira Sacra, se é así a xente moza incorporarase a este medio de vida.

Vendima na Ribeira Sacra

Vendima na Ribeira Sacra

Incluso para a xente interesada que non teña terras aquí, hai moita xente maior que xa non pode traballar as viñas e que as cede ou as aluga a quen as queira traballar.

Hai posibilidade de introducir novas castes de vide?
O Mencía supón máis do 85% do viño da Ribeira Sacra. É a variedade que nos diferencia. Despois hai experiencias con Brancellao, Caíño, Albarello ou Garnacha, que son positivas, pero minoritarias.

De todas formas, as grandes Denominacións de Orixe do mundo caracterízanse por teren dúas ou tres variedades de vide, e a veces só unha que as identifica. A identidade dunha DO márcase porque hai unha liña ao longo do tempo.

A ninguén na Borgoña ou na Champaña se lle ocorre facer experiencias con Mencía ou con novas variedades, e aquí parece que es un retrógado se te mantés fiel á tradición e á identidade da DO: viños tintos, novos e afroitados que é o que nos demanda o mercado e sustenta o 99% da DO.

Debe irse a unha diferenciación da calidade e da orixe dos viños dentro dunha mesma Denominación de Orixe?
Penso que hai que camiñar cara unha diferenciación de pendentes e de ladeiras. O Consello Regulador establece un límite na Ribeira Sacra de 9.500 kilos por hectárea, pero hai pendentes moi acusadas nas que non producen máis de 6.000 kilos.

 “Na etiqueta e no prezo da uva deben diferenciarse os distintos tipos de ladeiras”

Iso debe diferenciarse na etiqueta e tamén no prezo da uva, porque é positivo para toda a DO que se manteña o cultivo do viño nas ladeiras de máis pendente, as máis difíciles de traballar e de menor rendemento, pero que son a postal e a imaxe da Ribeira Sacra.

Hai xa unha proposta para camiñar nese sentido pero debe ser aprobada polo Consello Regulador.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información