Ribas de Sil pon en valor os días 9 e 10 de xuño as súas cereixas e o seu aceite

A festa, que se celebra na praia fluvial de San Clodio, cumpre 16 anos e supuxo un incentivo para a recuperación destas dúas producións tradicionais neste concello do sur da provincia de Lugo

Ribas de Sil pon en valor os días 9 e 10 de xuño as súas cereixas e o seu aceite

Aceite e cereixas de Ribas de Sil.

No val formado polos ríos Sil e Bibei as oliveiras e as cerdeiras producen desde hai centos de anos aceite e cereixas dunha calidade dificilmente lograda en ningún outro lugar. Estas dúas producións tradicionais estanse a recuperar nos últimos anos na zona e os días 9 e 10 de xuño serán as protagonistas da dezaseis edición da Festa da Cereixa e do Aceite de Ribas de Sil.

A praia fluvial de San Clodio é o marco onde se desenvolve esta celebración, que cada ano conta con máis visitantes. No evento participarán 30 expositores, que porán á venda 2 toneladas de cereixas e uns 500 litros de aceite. Tamén haberá dispoñibles nos stands outros produtos típicos da comarca, coma o mel, marmeladas, os derivados da cantaña, viños e licores ou queixos. O programa da festa inclúe ademais actividades para todos os gustos como música, pintura, títeres, demostración de artesanía ou fútbol.

Pero os principais reclamos son sen dúbida os dous produtos agrícolas tradicionais deste concello lucense, que conta cunhas 500 hectáreas adicadas a estes cultivos de froiteiras e oliveiras. Nesta época do ano, cando a maduración das cereixas chega ao seu momento óptimo para ser recollida, os colleiteiros de Ribas de Sil apañan o froito e aproveitan a festa organizada polo Concello para darlle unha saída ao excedente. Poranse á venda, coma cada ano, uns 2.000 quilos de cereixas producidos en distintos lugares do concello, como Casares, Peites ou Figueiredo.

cereza aceite ribas sil apaisado

Na festa comparte protagonismo coas cereixas o aceite, elaborado de xeito artesanal nesta zona desde hai máis de 2.000 anos. A produción mantívose para autoconsumo nas casas durante séculos até que desde fai uns anos produtores coma Miguel Ángel Rodríguez apostaron pola recuperación das abandonadas oliveiras centenarias da zona. Logo de anos analizando o comportamento das distintas variedades autóctonas e de abrir camiño en canto aos aspectos técnicos da produción, elaboración e comercialización, hoxe Miguel ten 8 hectáreas de olivares das variedades brava e mansa e 2 de cerdeiras onde tamen predominan as variedades autóctonas (napoleónica, da onza ou blanca). A súa produción está certificada polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia e comercialízaa baixo a denominación CentoxCento Figueiredo. O seu zume de oliva e as esferificacións elaboradas a partir del causaron sensación na última feira Alimentaria de Barcelona e entre as perspectivas de crecimento da súa empresa está o de triplicar a facturación nos vindeiros anos, a medida que as novas plantacións feitas comecen a producir.

Recuperación da produción
Coma Miguel, outros veciños de Ribas de Sil animáronse nos últimos anos a recuperar as súas oliveiras e cerdeiras, apostando por un produto diferenciado e de calidade que tamén se reflicte no prezo. Entre os incentivos á recuperación destas actividades está sen dúbida a celebración da propia Festa da Cereixa e do Aceite como ferramenta de potenciación e posta en valor dos produtos e as produccións locais.

Desde o Concello de Ribas de Sil, Roberto Castro, tenente alcalde e organizador da cita do 9 e 10 de xuño, destaca que “despois de quince edicións desta festa o noso concello é máis coñecido e os nosos productores e artesáns teñen unhas datas nas que poden comercializar os froitos do seu traballo”. “Levamos un longo camiño percorrido nesta festa de exaltación dos nosos productos, en especial da cereixa e do aceite, que queremos seguir potenciando como recurso económico da zona e como fonte de ingresos ou complemento económico da poboación local”, explica.

Desde o Concello afrontan “con forza e ilusión” esta nova edición da Festa da Cereixa e do Aceite, tentando aportar o seu gran de area para sacar adiante a economía local, e invitan a todas aquelas persoas que queiran probar unhas cereixas únicas e ecolóxicas que medran no microclima de Ribas de Sil, a achegarse á localidade na segunda fin de semana de xuño para disfrutar de dous días cheos de actividades na fermosa praia fluvial de San Clodio.

Praia fluvial de San Clodio, que acolle parte dos eventos da Festa da Cereixa e do Aceite.

Praia fluvial de San Clodio, que acolle parte dos eventos da Festa da Cereixa e do Aceite.

Xeocamping a carón do Sil
Ademais da potenciación da actividade agraria e a produción local, a Festa da Cereixa e o Aceite ten tamén como obxectivo dar a coñecer o fermoso paraxe natural da praia fluvial de San Clodio, onde se celebra a festa. Este lugar constitúe un fermoso espazo de lecer que ofrece moitas actividades para realizar en familia durante as tardes de primavera e verán e o enfoque lúdico da cita dos días 9 e 10 de xuño busca potenciar este enclave, que representa o reclamo turístico máis importante do municipio.

Entre os plans do Concello para a potenciación da praia fluvial de San Clodio como referente turístico da zona sur da provincia de Lugo está a construción neste lugar dun Xeocamping municipal nun espazo de máis de 7.000 metros cadrados, con capacidade para dar aloxamento a perto de 100 persoas en tendas de campaña e nos oito bungalows cos que contará. Será o primeiro camping da Ribeira Sacra e dará servizo tanto aos visitantes tanto desta comarca como da do Courel e prestará aloxamento tamén aos peregrinos do Camiño de Inverno, unha variante do Camiño de Santiago recoñecida recentemente como ruta xacobea, así como aos visitantes do futuro territorio do Xeoparque da comarca de Quiroga unha vez finalice o actual proceso e sexa recoñecida como tal pola Unesco esta zona cunha importante riqueza xeolóxica e mineral explotada xa na época dos romanos.

O inicio das obras de construción do Xeocamping de Ribas de Sil conta cun investimento total de 700.000 euros, aportados na súa meirande parte polo Concello con cargo a fondos propios. A súa ubicación permitirá ampliar ademais disfrutar de multitude de actividades á beira do río Sil, ampliando deste xeito o espazo de lecer actual da praia fluvial de San Clodio e ofrecendo instalacións complementarias. Este é o marco inmellorable no que se desenvolve a Festa da Cereixa e do Aceite.

Programa completo da XVI Festa da Cereixa e do Aceite de Ribas de Sil

cartel ribas de sil vertical

SÁBADO DÍA 9
► Pola mañá:
– Pasarrúas a cargo do Grupo de Gaitas de Ribas de Sil.
– Apertura do recinto feiral. Degustación de cereixas.
► Pola tarde
-17:00h Instalación do stand da campaña “Separa con Xeito”, de Ecoembes- Xunta de Galicia.
-18:00h Na Aula de Pesca, apertura da exposición de pinturas a cargo dos alumnos da Escola Municipal. Xornada de pintura ó aire libre.
-19:00h Presentación do libro adicado á aldea de Vilardomato “Loyda” de Loyda López Pérez.
-19:30h Fútbol 11º Trofeo da Cereixa na Área Deportiva da Praia Fluvial.
-20:30h Festa a cargo dun grupo musical.

DOMINGO DÍA 10
► Pola mañá:
– Apertura do recinto feiral. Degustación de cereixas e productos típicos.
– Exposición de Pintura na aula de pesca.
-11:00h Pasarrúas do grupo de Gaitas da Escola de Música de Ribas de Sil.
-12:00h Actuación da Banda de Música da Deputación de Lugo (Programa Musiqueando).
-13:00h Pregón a cargo de Fidel Fernán Bello, xornalista e director de Radio Principal-Cadena Ser, .
► Pola tarde:
-17:00h Demostración de TALLA DE MADEIRA, a cargo do artesán Marcos Ladra Sanjurjo no anfiteatro. Centrad (Deputación de Lugo)
-19:00h Actuación de TÍTERES ALAKRÁN (Espectáculo musical con marionetas de fío).
– Clausura da Festa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información