Ribadeo repoboa as faixas de prevención contra os lumes con árbores autóctonas e froiteiras

Publicidade
Ribadeo repoboa as faixas de prevención contra os lumes con árbores autóctonas e froiteiras

A Área de Medio Rural da Deputación de Lugo e o Concello de Ribadeo colaboran na campaña de sensibilización sobre prevención de incendios que a administración municipal ven desenvolvendo nos últimos anos, a través de axudas para a repoboación de faixas de protección fronte aos lumes con árbores autóctonas ou froiteiras.

A área provincial financia o programa de achegas que o concello convocou este ano, no que se establecen axudas entre os 50 e os 500 euros para a adquisición de especies como bidueiros, freixos, castiñeiros, cerdeiras, carballos, nogueiras, maceiras ou pereiras, cun importe total de 13.900 euros.

A medida axuda ás persoas propietarias de terreos situados en franxas de protección contra os lumes a repoboar con estas especies, adaptándose á normativa contra incendios forestais vixente.
A deputada provincial Mónica Freire sinalou que “ao longo destes anos, desde a área de Medio Rural, artellamos diferentes mecanismos para colaborar tanto cos concellos como con asociacións agrogandeiras e particulares nesta materia, entre eles o programa O que non arde”.

Lembrou ademais “que a colaboración entre administracións locais ven sendo a única vía para levar a cabo estas iniciativas de sensibilización e prevención de incendios ante a inacción da Xunta de Galiza que, a través da normativa, xenera obrigas tanto para concellos como para propietarios sen poñer os recursos e medios para o seu cumprimento”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información