Ribadeo contará o vindeiro ano cun ciclo medio de FP dual de Técnico en Traballos Forestais

Por primeira vez, o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias oferta para este curso 2020-2021 un ciclo enfocado ao sector da madeira, de grande importancia na comarca da Mariña. O prazo de inscrición remata o vindeiro martes

Instalacións do centro Pedro Murias de Ribadeo

Instalacións do centro Pedro Murias de Ribadeo, que conta con residencia para o alumnado

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias, de Ribadeo, oferta por primeira vez para este curso 2020-2021 un ciclo medio de Formación Profesional Dual de Técnico en Traballos Forestais e de Conservación do Medio Natural, para o que aínda hai prazas dispoñibles. 

O ciclo buscará formar a alumnas e alumnos de máis de 18 anos, sen cualificación profesional. Para o acceso a esta formación, será preciso que conten co título de ESO ou equivalente, e que non tiveran un contrato de formación e aprendizaxe anteriormente.

Trátase dunha formación fundamentalmente práctica, na que ao longo de 2 anos, se realizarán prácticas por 2.480 horas en empresas locais. Por esa aprendizaxe práctica, os alumnos e alumnas recibirán un salario de 500 euros e cotizarán á Seguridade Social.

Os alumnos e alumnas compatibilizarán a formación con prácticas remuneradas durante dous anos en empresas locais do sector da madeira

Nesta iniciativa participan a Asociación Provincial de Empresas de Transformación da Madeira de Lugo e as empresas Tojeiro y Vidal SL, Maderas Míguez de Burela SL, Maderas Díaz Ramos SL, Maderas Villapol SA, Centro Técnico de Maquinaria Forestal SL, Viveros Mañente SL e Edelmiro López SL.

Intercambio con Finlandia

Un dos maiores atractivos desta oferta de formación atópase no programa Erasmus+ de prácticas en Finlandia, un intercambio no que poderán participar tanto alumnado como profesorado, e que contará ademais con formación continúa no centro Pedro Murias a cargo de técnicos finlandeses e doutros países nos que o sector forestal ten moita importancia.

O centro Pedro Murias dispón de residencia para o alumnado que curse este ciclo formativo

O centro Pedro Murias dispón de residencia para o alumnado que curse este ciclo formativo. Ubicado nunha das comarcas con maior potencial forestal de toda Galicia, trátase dun centro de formación adicado á experimentación e á difusión de técnicas agropecuarias. 

O prazo de inscrición para a admisión está aberta ata o 8 de xullo e os interesados poden obter máis información a través dos teléfonos 981546664 ou 639884945 ou na web da Xunta de Galicia.

Importantes saídas laborais nunha das comarcas con máis produción de madeira de Galicia

Microsoft Word - 2020_AEF_Cap8

Cortas de eucalipto no ano 2019 por distritos forestais

A Mariña constitúe unha das principais comarcas produtoras de madeira de Galicia. O ano pasado cortáronse 1.271.573 metros cúbicos de madeira en montes pertencentes a este distrito forestal, que foi tralo de Ferrol e o de Bergantiños-Mariñas Coruñesas o de maior volume de cortas da comunidade.

O 84% do que se corta na Mariña é madeira de eucalipto, máis dun millón de metros cúbicos o ano pasado, seguido de piñeiro (195.000 metros cúbicos). Con todo, o volume total de madeira cortada descendeu un 12,71% en 2019 nesta comarca con respecto a 2018, no que se alcalzara unha cifra total de cortas de madeira de 1.456.725 metros cúbicos (1.220.491 deles eucalipto), liderando entón este distrito forestal o territorio galego.

As cortas de madeira no distrito forestal da Mariña supuxeron 1,2 millóns de metros cúbicos no 2019

Os distritos forestais costeiros do norte de Galicia, con maior presenza de eucalipto, (A Mariña Lucense, Bergantiños-As Mariñas Coruñesas e Ferrol) son os que acumulan o maior volume de cortas, sumando entre os tres preto do 45% do total de metros cúbicos producidos no conxunto de Galicia.

O monte actúa tamén en amplas zonas de Galicia como caixa de aforros das familias da que botar man en momentos de dificultades económicas, polo que as cortas de madeira na nosa comunidade poderían mesmo incrementarse no curto prazo como consecuencia da crise económica xerada polo coronavirus. 

O 58% do volume de madeira que sae dos montes galegos son eucaliptos e o 39% piñeiros e só o 3% procede de montes baixo xestión pública

No conxunto de Galicia, o volume de aproveitamento total, sumando montes de xestión pública e de xestión privada, acadou o ano pasado os 9.703.423 metros cúbicos de madeira, xerando uns 300 millóns de euros para os seus propietarios, segundo os datos do Anuario de Estatística Forestal de Galicia. Os distritos forestais costeiros do norte de Galicia, con maior presenza de eucalipto, son os que acumulan o maior volume de cortas de madeira.

Un sector punteiro necesitado de man de obra

Traballos forestais de extracción de madeira na comarca da Mariña

Traballos forestais de extracción de madeira na comarca da Mariña

A metade da madeira cortada cada ano en España sae de Galicia, cun potente sector formado por case 3.000 empresas que dan traballo a máis de 8.000 persoas de xeito directo e indirecto, cun volume de facturación total de máis de 2.200 millóns de euros. Así pois, xunto ao agrogandeiro, o sector forestal é sen dúbida un dos piares de creación de emprego en moitas comarcas de Galicia. Nos dous casos, existe unha importante falta de man de obra, que accións formativas coma a que vai poñer en marcha o centro Pedro Murias tentan corrixir. 

En Galicia hai 1.382 empresas de aproveitamento e transformación de madeira, 450 de traballos silvícolas e 113 viveiros

No ano 2018 estaban inscritas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal de Galicia (Resfor) 1.382 empresas adicadas ao aproveitamento e transformación de madeira na nosa comunidade. Na provincia de Pontevedra están inscritas un terzo delas (462), na Coruña o 26% (361), en Lugo o 24% (326) e en Ourense o 17% (233). Un total de 327 destas empresas adícanse á extracción de madeira dos montes, 235 son aserradeiros e 396 carpintarías.

En canto ao número de empresas de servizos forestais, na nosa comunidade existen 473, das que 450 adícanse a traballos silvícolas e 23 son enxeñarías e actividades profesionais relacionadas co asesoramento técnico, segundo os datos do Resfor. Outras 113 son viveiros forestais repartidos polas catro provincias.

Una idea sobre “Ribadeo contará o vindeiro ano cun ciclo medio de FP dual de Técnico en Traballos Forestais

  1. Emma Iglesias

    A comarca da Mariña xa conta con outro centro onde se imparten eses estudos, nas mesmas condicións que o publicado en Ribadeo. Coido que igual se podería ampliar a oferta educativa propoñendo uns estudos distintos cos que complementar ós xa existentes nos centros da comarca, en vez de facerlles competencia.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información