A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Rías Baixas, un ano para lembrar

Rías Baixas, un ano para lembrar

Hai 35 anos, a Denominación de Orixe Rías Baixas iniciaba a súa andaina no mundo do viño a nivel rexional, e en pouco tempo comezou a súa traxectoria no mercado internacional. Co seu albariño Rías Baixas foi abrindo portas e eliminando barreiras para dar unha importante proxección ao viño branco español de calidade. Tanto é así, que hoxe en día o seu primeiro país importador é Estados Unidos, onde estes viños atlánticos son un referente de calidade e, progresivamente, van atopando o seu oco no nicho premium.

Evolución memorable
Os viños acollidos por esta Denominación de Orixe ampliaron a súa gama a partir do recoñecido albariño Rías Baixas, pasando polos viños blends -combinación de diversas variedades-, as elaboracións en barrica, en leas, ata os seus cada vez máis coñecidos tintos.

A eles súmanse os Rías Baixas Espumosos de Calidade, que desde a súa aparición no 2012, non paran de medrar. Nadal é unha das datas craves para os viños con burbulla, que no 2022 suman 146.038 botellas nesta denominación. Unha cifra nunca vista ata o momento, pola que apostan 20 adegas de Rías Baixas con 25 marcas.

Rías Baixas chegou no 2022 a 146.000 botellas de espumosos, unha cifra nunca vista

Resultados de vertixe
Pero non son as únicas cifras récord en Rías Baixas, pois as súas exportacións non teñen teito. Presentes en máis de 70 países dos cinco continentes, alcanzaron unha facturación histórica de 59.108.083 €. Un prestixio a nivel mundial que queda patente coas 12.302.942 botellas, en base aos últimos datos da campaña 2021-2022.

Xa no noso país, as cifras tamén son moi alentadoras, pois atopámonos ante o segundo viño branco con Denominación de Orixe máis vendido en España, cunha das cifras de valor máis altas dentro da clasificación das denominacións de orixe españolas.

Este ano acadou o seu récord de exportacións, en tanto en España sitúase como o segundo branco con denominación máis vendido, á vez que mantén un dos valores máis altos

De menos a máis
A súa traxectoria aséntase nun sólido sector empresarial, que non só mostra músculo no profesional, con viños Premium, ou no laboral, coa rendibilidade como piar da sustentabilidade, senón tamén na súa aposta decidida polo I+D+i con proxectos en marcha, que non paran de crecer, por preto de 7 millóns de euros.

A proxección de Rías Baixas é tal que algunhas das 179 adegas amparadas no Consello Regulador, ademais de mostrar a súa aposta por todo o relacionado co mundo do viño e o enoturismo, tamén se distinguien noutros ámbitos, como poden ser o da cultura ou o deporte.

Parada obrigada
Por iso, esta Denominación de Orixe é un lugar de visita obrigada para as persoas máis influentes do mundo do viño, que se achegan a ela para coñecer en primeira persoa o proceso de elaboración dos Rías Baixas e así compartilo co seu público. E aqueles que veñen sempre repiten. Algúns dos profesionais que pasaron ultimamente por esta rexión son o galardoado escritor de viños e Master of Wine, Tim Atkins; o primeiro Master of Wine Español, Pedro Ballesteros, ou o programa ‘V is for Viño’, por nomear algúns.

Rias Baixas viñedos mar

Tim Atkins, procedente de Reino Unido, puido empaparse o pasado maio de toda a cultura do viño de Rías Baixas. A súa visita a esta Denominación de Orixe coincidiu cun momento tan importante e belo como é a floración. Atkins coñeceu a excelente materia prima, baseada nas súas variedades autóctonas, coas que traballa este sector para elaborar uns “viños dos mellores de España e do mundo”, dos que “me sorprendeu a calidade dos seus tintos e gustáronme moitísimo os blends, elaborados a partir de diferentes variedades“, afirmou o Master of Wine inglés, quen se comprometeu a volver pronto á Denominación de Orixe, onde queda moito que descubrir.

Tampouco faltou á súa cita con esta denominación o primeiro Master of Wine Español, Pedro Ballesteros, quen non perde oportunidade para visitar Rías Baixas. Nesta ocasión estivo na subzona do Rosal coincidindo coa súa Festa do Viño, viaxe que aproveitou para poñerse ao día dos traballos que na actualidade realizan as adegas da denominación nesta subzona.

Gravación do programa 'V is for Wine', líder en Amazon Prime en Estados Unidos.

Gravación do programa ‘V is for Wine’, líder en Amazon Prime en Estados Unidos.

O programa ‘V is for Viño’, número 1 de Amazon Prime en Estados Unidos, tamén dedicou un programa á Denominación de Orixe Rías Baixas, demostrando así o crecente interese que teñen estes viños atlánticos no devandito país, o seu primeiro destino de exportación.

Viños xenuínos
Se algo caracteriza aos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas é a súa localización, maioritariamente na provincia de Pontevedra, a súa climatoloxía atlántica con temperaturas suaves e abundantes choivas, así como as súas variedades autóctonas. Estes factores outorgan aos viños de Rías Baixas un magnífico potencial de crianza e evolución das súas variedades nativas.

Así se demostrou este decembro no Primeiro Salón Viños de Colección Rías Baixas, celebrado en Madrid. Unha exitosa cita que congregou a máis de 400 prescritores do sector da capital e a 90 profesionais que encheron as tres masterclasses sobre a mocidade e complexidade, a madurez e evolución, así como a lonxevidade sen límites dos viños de Rías Baixas.

Tras unha vendima cuantiosa e de gran calidade, na que se recolleron 40.904.676 quilos e que se prolongou durante 51 días, as adegas ultiman a súa anada 2022, que seguro nos deparará moitas alegrías. Así o farán este Nadal os Rías Baixas Espumosos de Calidade, cada vez máis presentes no mercado galego e nacional.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *