O mercado mexicano volve demostrar o seu interese polos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas. Se en 2024 o destino elixido era Ciudad de México, nesta ocasión foi Guadalajara a cidade que albergou un showroom organizado polo Consello Regulador e no que participaron 21 adegas da denominación.
O evento reuniu a máis de cen profesionais do sector do viño e a gastronomía de Guadalajara, capital do estado de Jalisco e un dos centros económicos, turísticos, económicos, sociais e culturais máis importantes do país. Entre eles figuraban importadores e distribuidores de viños, chefs, responsables de compras, restauradores e sommeliers, así como prensa especializada mexicana e influencers, lifestylers e winelovers mexicanos.
Masterclass
A delegación desta denominación estivo encabezada polo seu secretario xeral, Ramón Huidobro, quen estivo acompañado por Rosa Martínez, técnico de márketing do Consello Regulador. Ambos participaron nun seminario exclusivo dirixido por Andrés Amor, sommelier embaixador da DO Rías Baixas México, ao que asistiron unha vintena de profesionais.
Un seminario no que Andrés Amor realizou un percorrido detallado da denominación, abordando temas como as distintas subzonas, o clima, o terroir e todas as particularidades que dan identidade a esta rexión vitivinícola. Pola súa banda, Ramón Huidobro aproveitou para achegar unha mirada vivencial sobre a vida dentro da denominación de orixe, compartindo a súa experiencia e enriquecendo así o seminario, que terminou cunha cata de sete marcas.
Showroom
Tras o seminario, realizado nas instalacións do restaurante Bruna Guadalajara, tivo lugar un showroom no que participaron un total de 21 adegas da denominación, dúas máis que na acción promocional do ano pasado en Ciudad de México. Un evento no que as adegas de Rías Baixas presentaron unha selección de sesenta das súas marcas máis representativas para mostrar ao público especializado a diversidade e a calidade que caracteriza a esta rexión vinícola.
Os profesionais asistentes mostráronse encantados coa experiencia, coincidindo en destacar a elegancia, frescura e versatilidade dos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas.
México ocupa a quinta posición entre os mercados internacionais preferidos pola Denominación de Orixe Rías Baixas e, como tal, conta cun plan promocional propio que adoita desenvolverse coincidindo co inicio da primavera. En 2024, importou un total de 285.156 litros, un 7,61% máis que no exercicio anterior. Ademais, estes viños víronse revalorizados durante os últimos doce meses, crecendo un 13,87% ata alcanzar un valor de vendas de 2.535.000 euros.