A DO Rías Baixas prevé vendimar ata un 15% máis que o ano pasado

O Consello Regulador agarda chegar ós 37,5 millóns de quilos de uvas nesta campaña. Estiman que a vendima comezará a primeira quincena de setembro

Publicidade
A DO Rías Baixas prevé vendimar ata un 15% máis que o ano pasado

Estado actual de viñedos na DO Rías Baixas.

A Denominación de Orixe Rías Baixas estima que esta vendima se recollan 37,5 millóns de quilos de uvas, o que suporía un incremento do 15% con respecto á colleita do 2019. Esas son as cifras que manexa o Consello Regulador no Informe de Estimación de Colleita 2020, que presentou no pleno celebrado a finais de xullo.

Tamén estiman que a vendima comece a primeira quincena de setembro, aínda que esta previsión está condicionada á evolución meteorolóxica do mes de agosto. Así, cada adega valorará o momento óptimo para o comezo dos traballos en función dos controis de maduración que realicen nos seus viñedos.

As estimacións foron realizadas polo Departamento Técnico do Consello Regulador en base á información recollida no 49% das 4.064 hectáreas de superficie produtiva da denominación. Realizouse unha enquisa ós técnicos de campo durante a primeira semana do mes de xullo, unha vez superado o momento máis crítico do ciclo vitícola. Ditos datos foron logo ponderados estadisticamente co obxectivo de unificar criterios.

O aumento da produción débese, segundo indican dende o Consello Regulador, a unha elevada taxa de brotación, arredor dun 90%, e uns acios maiores que outros anos. As minguas durante o período de brotación, cuxa media é dun 12%, atribúenas, sobre todo, a problemas xeralizados de fungos, en especial ó mildio, que resultaron máis problemáticas naqueles viñedos sen un axeitado asesoramento técnico.

Adianto da vendima

O informe elaborado por persoal do Consello Regulador apunta a que o ciclo da colleita 2020 está a presentar un adianto fenolóxico duns 10 -15 días, polo que se prevé un inicio da vendima para a primeira quincena de setembro. “A esta situación chégase tras un inverno e unha primavera moi cálidos, con abundantes precipitacións e, en ocasións, días tormentosos. De feito, a brotación comezou moi cedo, concretamente o 10 de marzo”, detallan os técnicos.

O feito de que a segunda quincena de xullo resultase moi seca, con altas temperaturas e nalgunhas xornadas con ventos do norte e do nordés, demorou o desenvolvemento do ciclo da vide. “Se se mantivese esta meteoroloxía, podería supor algunha mingua na produción durante a vendima por deshidratación da uva”, indican dende o Consello Regulador.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información