Rías Baixas prevé unha gran vendima con 50 millóns de quilos de uva, un 20% máis

O rendemento da variedade albariño manterase nas súas cifras habituais, cun máximo de 12.000 kg/ha

Publicidade

RIAS BAIXAS EMPARRADO PARRAO Pleno do Consello Regulador reuniuse a semana pasada e hoxe para avaliar o Informe de Estimación de Colleita 2025, elaborado por Órgano de Control e Certificación da Denominación de Orixe Rías Baixas, e para decidir unha posible ampliación do rendemento máximo da variedade albariño que se manterá na súa cifra habitual, un máximo de 12.000 kg por hectárea, que é o que establece o Prego de Condicións.

Pola súa banda, o Informe de Estimación de Colleita 2025 recolle a situación do viñedo ata principios de xullo superada a purga, momento moi crítico do ciclo vitícola. O informe estima que este ano a colleita “podería achegarse aos 50 millóns de quilos de uvas, o que significa ao redor dun 20% máis que a colleita do ano pasado e un rendemento máis alto de produción, de 10.546 kg por hectárea”. Explicouse ao Pleno que este ano, aínda que a taxa de brotación é inferior a 2024, o índice de fertilidade e o tamaño dos acios é maior, polo que o rendemento de vendima, sempre que as condicións meteorolóxicas de agosto o permitan, influirá positivamente no peso final.

En canto á data de inicio da vendima, o informe prevé que se produza a finais de agosto en viñedos puntuais e a principios de setembro en xeral “dependendo de como se desenvolva o mes de agosto e dos controis de maduración, que determinarán o momento óptimo de inicio”. Como sinalan desde o Departamento Técnico, o envero comezou a semana do 22 ao 28 de xullo. Na produción prevista para esta campaña inflúe unha taxa de brotación do 90,1%, algo inferior ao ano pasado, aínda que o índice de fertilidade foi superior, con 2,3 acios xema/ brotados. Polo momento, as diminucións de produción non son significativas, sendo o valor medio do 5,5% e repartidas en corremento de flor, pragas ou enfermidades e por xeadas, saraiba e vento.

Dito documento describe como foi o ciclo vitícola en 2025, con “un inverno e primavera moi cálidos e húmidos; cun mes de xuño extremadamente cálido, o máis cálido desde que existen rexistros, e moi seco”.

Para a elaboración deste documento, o Departamento Técnico do Consello Regulador baseouse na información proporcionada por técnicos de campo das adegas da Denominación de Orixe, que supervisan o 47,7% da superficie produtiva. En total realizáronse 41 enquisas a 27 técnicos que asesoran viñedos nas distintas subzonas. Unhas enquisas moi detalladas, unha vez superado o momento máis crítico do ciclo vitícola, cuxa información foi posteriormente contrastada en campo e ponderada estatisticamente co fin de unificar criterios.

Na actualidade, este Consello Regulador conta con 176 adegas rexistradas. A superficie desta Denominación de Orixe abarca 4.796 hectáreas, repartidas entre 24.182 parcelas nas que traballan 4.970 viticultores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información