O pleno do Consello Regulador de Rías Baixas avaliou o Informe de Estimación de Colleita 2026, que recolle a situación do viñedo ata principios de xullo, unha vez superada a purga, un momento moi crítico do ciclo vitícola. O informe afirma que, “á espera do que poida acontecer ata o momento da vendima, o dato resultante da previsión para a colleita 2026 poderá achegarse aos 49,9 millóns de quilos de uva, o que supón arredor dun 5,05 % máis do recollido na colleita de 2025, que foi de 47,5 millóns de kg”.
Ademais, no devandito Pleno explicouse que a taxa de brotación (90,03 %) é lixeiramente superior á do ano pasado, a de fertilidade (2,3 xemas) é semellante á de 2025 e o tamaño medio do acio é medio-grande. De feito, segundo o informe, prevese un rendemento medio sen ponderar de 9.343 kg/ha, un valor inferior ao rendemento da vendima de 2025, que foi de 9.881 kg/ha.
En canto á data de inicio da vendima, o informe prevé que podería producirse nalgúns viñedos puntuais durante a segunda quincena de agosto, igual que o ano pasado, e xeneralizarse a finais de agosto: “dependendo de como se desenvolva este mes de agosto, de como evolucione o viñedo e dos controis de maduración, que determinarán o momento óptimo de inicio”. Como sinalan desde o Departamento Técnico, o viñedo atópase na fase de envero, que comezou nas subzonas do Condado do Tea e do Rosal.
Polo momento, as perdas de produción non son significativas, cun valor medio do 10,6 % (o ano pasado foron do 5,5 %), e repártense entre corremento da flor, xeadas, sarabia e vento, así como pragas e enfermidades.
Para a elaboración deste informe, o Departamento Técnico do Consello Regulador baseouse na información proporcionada polos técnicos de campo das adegas da Denominación de Orixe, que supervisan o 49,7 % da superficie produtiva. En total realizáronse 47 enquisas a 34 técnicos que asesoran viñedos nas distintas subzonas. Trátase dunhas enquisas moi detalladas, realizadas unha vez superado o momento máis crítico do ciclo vitícola, cuxa información foi posteriormente contrastada sobre o terreo e ponderada estatisticamente co fin de unificar criterios.
Na actualidade, este Consello Regulador conta con 174 adegas inscritas. A superficie desta Denominación de Orixe abrangue 5.027,64 hectáreas, distribuídas en 24.813 parcelas nas que traballan 4.886 viticultores.
Preocupación entre os viticultores
Entre tanto, as organizacións agrarias están a amosar a súa preocupación pola probable caída dos prezos da uva esta campaña. A última en pronunciarse foi Asaga.
A Asociación Agraria de Galicia (ASAGA) súmase ao chamamento realizado polas principais asociacións de viticultores da Denominación de Orixe Rías Baixas para extremar a vixilancia durante a campaña de contratación de uva e garantir que as operacións comerciais se desenvolvan dentro do marco establecido pola Lei da Cadea Alimentaria.
ASAGA considera fundamental protexer a viabilidade económica das explotacións vitícolas galegas e comparte a preocupación do sector ante a posibilidade de que o desequilibrio entre a oferta dispoñible e as necesidades de compra das adegas poida xerar unha presión sobre os prezos que derive en operacións por baixo dos custos de produción.
A organización agraria entende que as adegas deben poder axustar as súas compras ás súas necesidades empresariais, pero advirte de que esta situación pon de manifesto un problema estrutural que require planificación, diálogo e a adopción de medidas que permitan adaptar o potencial produtivo da denominación á evolución do mercado.
Desde ASAGA lembran que a normativa vixente prohibe expresamente a compra de produtos agrarios por baixo dos custos de produción e defenden que calquera indicio de incumprimento debe ser comunicado aos organismos competentes. Neste sentido, a organización colaborará cos viticultores que poidan verse afectados e facilitará orientación sobre os mecanismos existentes para presentar as correspondentes denuncias ante a Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA).
Así mesmo, ASAGA considera necesario avanzar na elaboración de estudos oficiais que permitan determinar de forma obxectiva os custos reais de produción da uva na Denominación de Orixe Rías Baixas, achegando maior transparencia, seguridade xurídica e equilibrio ás relacións comerciais entre produtores e compradores.
Galego









Control OJD