Rías Baixas prevé iniciar a mediados de setembro unha vendima récord de case 44 millóns de quilos

Publicidade
Rías Baixas prevé iniciar a mediados de setembro unha vendima récord de case 44 millóns de quilos

O Órgano de Control e Certificación da Denominación de Orixe Rías Baixas presentou o pasado 23 de xullo ao Pleno do Consello Regulador o Informe de Estimación de Colleita 2021. Este documento calcula para este ano unha recollida de 43,7 millóns de kg. de uvas, un 27% máis que na colleita de 2020, e cuns posibles rendementos medios de 10.455 kg. por ha. Unhas cifras que se traducirían en 29,7 millóns de litros. Sería a maior colleita da historia da DO, superando a anterior marca: 41 millóns de quilos de uva vendimiados en 2011.

Para a elaboración deste documento, o Departamento Técnico do Consello Regulador baseouse na información proporcionada por técnicos de campo das adegas da Denominación de Orixe, que supervisan o 47% da superficie produtiva. Dita información solicitouse mediante unha enquisa moi detallada realizada durante a primeira quincena do mes de xullo, unha vez superado o momento máis crítico do ciclo vitícola. Eses datos foron posteriormente ponderados estatisticamente co fin de unificar criterios.

En canto á data de inicio da vendima, o mencionado informe prevé que será a mediados do mes de setembro. Iso si, sempre en función de como evolucione meteorológicamente o mes de agosto e os primeiros días de setembro. En calquera caso, o momento óptimo virá dado polo resultado dos controis de maduración que cada unha das adegas inscritas realicen nos seus viñedos.

O documento presentado xustifica este aumento de produción debido a unha taxa de brotación elevada e homoxénea, cunha fertilidade media-alta, unha media en valores do 91,3 %. Así mesmo sinala que as diminucións deste ano foron pouco significativas, con valores medios do 10%, que se atribúen nun 5% ao corremento de flor, un 2,8% á meteoroloxía (xeadas) e un 2,4% a pragas.

En termos xerais, o ciclo da colleita 2021 en Rías Baixas, tendo en conta o momento no que se realizou este informe, presentábase con “un atraso dunha semana e media con respecto a 2020, aínda que o ciclo vitícola iniciouse cuns 10-15 días de adianto as condicións meteorolóxicas adversas do último período retardárono”. Unha situación á que se chega tras “un inverno normal e moi húmido; unha primavera algo cálida e seca, así como un mes de xuño cunha primeira quincena cálida e unha última borrascosa e fría, de feito, foi un mes con precipitacións por riba do normal”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información