Rías Baixas pecha a vendima con máis de 40 millóns de quilos, a terceira máis abundante da súa historia

Destaca a gran calidade da uva e o seu excelente estado sanitario. A colleita prolongouse 51 días e participaron máis de 4.600 viticultores

Publicidade
Rías Baixas pecha a vendima con máis de 40 millóns de quilos, a terceira máis abundante da súa historia

Traballos de recollida da uva en viñedos da DO Rías Baixas.

Vendima cuantiosa e de gran calidade na Denominación de Orixe (DO) Rías Baixas con 40.904.676 quilos recollidoos, un 6,62% menos que a campaña anterior, considerada a máis abundante da súa historia. Aínda así, as cifras converten á vendima de 2022 na terceira de maior cantidade ata a data nesta Denominación de Orixe. Unha campaña que se prolongou durante 51 días e na que participaron 167 adegas e 4.690 viticultores.

A vendima na DO Rías Baixas comezou o pasado 25 de agosto coa uva destinada á elaboración de espumosos e finalizou o 14 de outubro. “No período comprendido entre o 7 e o 21 de setembro, de 15 días, recolleuse o 80% da colleita, resaltando o 10 de setembro cunha cifra récord de 5 millóns de quilos”, explica o informe do Departamento Técnico. Dito informe tamén dá conta de que se tratou “dunha vendima tranquila cunha entrada da uva en adega cunha elevada calidade, perfecto estado de madurez e unha boa gradación alcohólica”.

O rendemento medio por hectárea nesta campaña foi de 9.466 q/ha, moi parecido á colleita de 2018. Trátase dun valor superior á media dos últimos 10 anos, que foi de 8.600 quilos por hectárea. As expectativas para os viños da anada 2022 son moi boas.

As cifras por variedades

A vendima comezou coa recollida das variedades destinadas á elaboración dos viños espumosos de calidade, logo seguíronlle as uvas brancas, especialmente a Albariño, cuxo ciclo vexetativo é máis curto e a súa maduración máis temperá. Finalmente deuse paso ás tintas e vendimas tardías.

Na DO Rías Baixas, as variedades brancas representan o 99,10% da uva recollida, abandeiradas pola Albariño que chegou aos 39.322.747 quilos, seguida pola Caiño Blanco, a Loureira e a Treixadura. As variedades tintas representan o 0,90% do total, coa variedade Sousón como principal, seguida pola Mencía e, moi próxima, a Caiño Tinto.

En canto á produción por subzonas, o Val do Salnés continúa sendo a de maior produción cun 63,5% do total, seguida polo Condado do Tea cun 21,3% e O Rosal co 10,3%.

Na presente campaña de vendima participaron 167 adegas elaboradoras. Un total de 4.690 viticultores recolleron uva nas 4.321,40 hectáreas de superficie produtiva rexistradas na Denominación de Orixe Rías Baixas, o que supuxo un aumento de 137,22 hectáreas, un 3,27%, con respecto á vendima de 2021.

 

Produción por variedades e subzonas da DO Rías Baixas. // Fonte. Consello Regulador.

Produción por variedades e subzonas da DO Rías Baixas. // Fonte. Consello Regulador.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información