
A Denominación de Orixe Rías Baixas rematou a vendima 2025 cunhas cifras históricas en canto a produción xa que recolleron un total de 47.512.786 quilos de uva, é dicir, un 12,74 % máis ca na anterior. Dende as adegas e o Consello Regulador da DO destacan a alta calidade e bo estado sanitario de todas as castes de uva.
As primeiras estimacións apuntan a que a produción de viño das 161 adegas inscritas se situará na contorna dos 32.800.000 litros, o que permitirá aumentar as vendas nos mercados nacional e internacional. Estas cifras achéganse ás previstas no Informe de Estimación da Colleita 2025, presentado polo Órgano de Control e Certificación, que se cifraban en 50,5 millóns de quilos.
O rendemento medio foi de 9.881 quilos/hectárea, algo superior á media dos últimos dez anos, que se situou en 9.072qu/ha. Na vendima, realizada de xeito totalmente manual participaron un total de 4.960 viticultores inscritos e contouse coa intervención de 25 auditores/vedores.
O 99% da uva recollida corresponde a castes brancas, destacando a ratiño por ser esta a primeira campaña na que estaba incluída no listado de castes autorizadas e recoñecidas polos órganos rectores da DO; desta caste recolléronse 901 quilos. Rías Baixas conta na actualidade cunha superficie produtiva de 4.808 hectáreas.
A vendima comezou o pasado 20 de agosto e prolongouse ata o 8 de outubro. As primeiras uvas recolléronse na subzona do Condado do Tea, en Salvaterra do Miño, e foron destinadas á elaboración de viños escumosos.

A caste Albariño volveu ser a protagonista, con case o 97% da uva recollida
O director técnico da DO, Agustín Lago, destacou “o bo estado sanitario e de maduración da uva, así como a súa gran calidade”, e cualificou a vendima como “tranquila, agás algúns trastornos que se viviron polas choivas uns poucos días de setembro”.
Variedades e subzonas
As variedades brancas representan o 99,50% da uva recollida. O Albariño chegou aos 46.086.340 kg (o 96,99% do total), seguida pola Caíño Branco (0,90%), a Loureira Branca (0,64%) e a Godello, que este ano supera á Treixadura. As variedades tintas supoñen o 0,50% do total, coa variedade Sousón como principal, seguida polo Caíño Tinto e a Espadeiro.
Respecto das cifras de produción de uva dividida por subzonas, o Val do Salnés continúa sendo a de maior produción, cun 65% do total, seguida polo Condado do Tea, cun 18,36%, e O Rosal, co 8,77%. No seguinte cadro amósase a recollida por castes e subzonas:

Galego









Control OJD