Rías Baixas organiza a próxima semana unha ruta de catas

As degustacións celebraranse do 13 ao 15 de xaneiro en Pontevedra e serán guiadas polo catador Nacho Costoya. Degustaranse viños espumosos, elaboracións especiais e tintos amparados pola Denominación de Orixe

Publicidade
Publicidade
Rías Baixas organiza a próxima semana unha ruta de catas
Data inicio: 13/01/2021
Data fin: 15/01/2021
Lugar: Pazo Mugartegui, Praza da Pedreira, Pontevedra, España

A Ruta do Viño Rías Baixas estrea o ano lanzando o programa Ruta de Catas. Esta acción constará de tres sesións que se celebrarán a próxima semana no Pazo de Mugartegui, en Pontevedra.

O catador Nacho Costoya será o encargado de dirixir as tres catas onde se degustarán viños Rías Baixas elaborados por adegas asociadas. Ofreceranse tres temáticas distintas. Así, a primeira cata, que terá lugar o vindeiro mércores 13 de xaneiro, centrarase nos viños espumosos, servindo como colofón ás celebracións do Nadal. O xoves 14 será a quenda das elaboracións especiais. O programa pechará o venres cunha degustación comentada de tintos amparados pola Denominación de Orixe Rías Baixas. Todas as catas darán comezo ás 20.00 horas.

“Con esta proposta queremos resaltar que o enoturismo é unha actividade segura. É por iso que tomamos tódalas medidas de prevención contra a expansión da COVID-19 e aplicamos tódolos protocolos necesarios para o desenvolvemento das distintas sesións”, explica a xerente da Ruta do Viño Rías Baixas, Lorena Varela.

As entradas atópanse xa á venda a través do portal de Ataquilla.com. O prezo é de 5 euros. Para poder asistir a algunha das tres catas programadas, as persoas interesadas deberán asinar unha declaración responsable (dispoñible a través da propia web de venda de billetes ou en www.rutadelvinoriasbaixas.com), dando conta de que non presentan síntomas compatibles coa Covid-19 nin no momento de participar na actividade nin nos días previos á mesma.

Do mesmo xeito, e co fin de garantir a seguridade das persoas participantes, estableceuse un aforo máximo de 10 persoas por cata. “Tódolos postos estarán distribuídos respectando en todo momento as medidas de distancia interpersoal. Ademais, disporemos de hidroxeles para a limpeza de mans e todos os postos contarán con material personalizado, de modo que non se compartirá nada entre os asistentes. Ademais, todas as persoas que participen deberán usar máscara, excepto no momento da degustación”, concreta Lorena Varela.

A xerente da asociación sen ánimo de lucro aclara que a celebración da Ruta de Catas podería variar se as circunstancias derivadas da situación sanitaria así o requirisen. Dende a Ruta do Viño Rías Baixas animan a tódalas persoas amantes do enoturismo a participar nesta proposta.

CartelRutaDeCatas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información