Rías Baixas logra unha das súas mellores vendimas con 33 millóns de quilos de uva

No que vai de ano as vendas da Denominación de Orixe incrementáronse en máis dun 15%. Desde este luns Rías Baixas celebra un túnel do viño en Santiago de Compostela dirixido ao sector profesional

Publicidade
Rías Baixas logra unha das súas mellores vendimas con 33 millóns de quilos de uva

Ramón Huidobro e Juan Gil de Araújo

A que se agardaba como unha mala vendima, cunhas previsións de descenso da colleita de ata un 20%, converteuse finalmente nunha das mellores campañas da Denominación de Orixe Rías Baixas, tanto en calidade como en cantidade, con 33 millóns de quilos de uva recollida, a mesma cantidade que en 2015.

Así o anunciaron esta mañá en Santiago o secretario do Consello Regulador, Ramón Huidobro, e o presidente do Consello, Juan Gil de Araújo, nunha rolda de prensa na que presentaron o túnel do viño que desde este luns Rías Baixas celebrará no hotel NH Collection de Santiago de Compostela.

“A anada 2016 vai ser memorable pola súa calidade”

En concreto, a vendima de 2016 na Denominación de Orixe Rías Baixas, desenvolvida entre o 6 de setembro e o 14 de outubro, sitúase como a terceira maior na historia da DO, superando os 33,3 millóns de quilos de uvas. Con esta cantidade espérase poder elaborar uns 22 millóns de litros de viño certificado, unha cantidade que permitirá ás adegas de Rías Baixas atender á crecente demanda tanto nos mercados nacional como internacional.

A clave desta colleita inesperadamente boa deunas o presidente do Consello Regulador: “Aínda que é certo que a primavera fría e chuviosa ata o mes de xuño e o verán inusualmente seco facíanos prever un descenso da colleita, as choivas do comezos de setembro rehidrataron a uva, que se atopaba nun excelente estado fitosanitario”, explicou Juan Gil de Araújo.

Desta forma, as análises realizadas polos técnicos da DO revelan “uns parámetros de calidade moi elevados, un excelente equilibrio entre grao e acidez, así como uns perfís moi aromáticos”.

 “As choivas de setembro rehidrataron a uva e a maduración foi excelente”

“A maduración da uva foi excelente e creo que a anada do 2016 vai ser unha colleita memorable, para lembrar como unha das mellores”, destacou Juan Gil de Araújo.

Por variedades, a uva albariño volve representar máis dun 95% da colleita, mentres que outras variedades autóctonas brancas (Loureiro, Caíño Branco, Treixadura…) supoñen un 4% e, as diversas variedades tintas alcanzan preto do 1% nesta vendima. En canto ás subzonas, o 60% da produción -máis de 20 millóns de quilos- concéntranse na subzona do Salnés.

Incremento das vendas nun 15% no que vai de ano

En canto á evolución das vendas, o secretario do Consello Regulador, Ramón Huidobro, adiantou que os datos do exercicio que vai do 1 de agosto de 2015 ao 31 de xullo de 2016 “revelan que este ano superamos xa a barreira dos 6 millóns de litros vendidos, un 15% máis que os 5,1 comercializados no mesmo período do ano pasado”.

As exportacións, que representan o 28% da produción de Rías Baixas seguen a bo ritmo, con Estados Unidos como principal mercado exterior, con preto do 50% das vendas exteriores, seguido do Reino Unido e de Alemaña. O prezo medio dos viños de Rías Baixas no exterior está en 5,15 euros, un dos máis altos dos viños españois con DO, que se sitúan nunha media de 2,30 euros a botella, e ao mesmo nivel que os viños franceses.

No relativo ao mercado español, que representa algo máis do 20% das vendas da DO, Ramón Huidobro avanzou que “estamos a medrar por encima dos dous díxitos en vendas, algo que poucas Denominacións de Orixe se puden permitir”.

Túnel do Viño de Rías Baixas en Santiago de Compostela

Por outra banda, os representantes de Rías Baixas presentaron o Túnel do Viño que a DO celebrará en Santiago, no Hotel NH Collection. En sesión de mañá e tarde, os participantes nesta iniciativa terán a ocasión de degustar 79 marcas de viños de Rías Baixas pertencentes a un total de 27 adegas. Esta actividade mostrará viños da anada 2015, aínda que tamén se poderán degustar anadas comprendidas entre 2010 e 2014, así como elaboracións especiais, como espumosos e viños tintos.

Esta é a segunda vez -a primeira foi en 2006- que a D.O. Rías Baixas celebra un Túnel do Viño en Santiago de Compostela, “capital gastronómica de Galicia e sede de centros de formación de futuros hostaleiros e catadores como a Escola Superior de Hostalería de Galicia ou o Instituto Lamas de Abade”, destacou Ramón Huidobro.

Este Túnel do Viño está dirixido a prescriptores (hostaleiros, distribuidores, catadores, viñotecas, tendas especializadas…) co obxectivo de que incorporen os viños de Rías Baixas nos seus negocios.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información