Rías Baixas incrementou nun 7,7% o valor das súas exportacións en 2017

Publicidade
Rías Baixas incrementou nun 7,7% o valor das súas exportacións en 2017

Rolda de prensa desta mañá en Pontevedra.

A Denominación de Orixe Rías Baixas incrementou as súas exportacións nun 2,64% durante o exercicio 2017, cun total de 6.571.532,64 litros vendidos a 71 países, o que representa 8.762.043 botellas. As exportacións xa supoñen o 26% das vendas da DO.

Estes datos foron presentados hoxe nunha rolda de prensa na que o presidente do Consello Regulador, Juan Gil de Araujo, e o secretario, Ramón Huidobro, estiveron acompañados pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez.

A senda do incremento maniféstase dunha forma máis acusada no valor das exportacións desta denominación que se cotiza á alza, concretamente nun 7,72% máis con respecto ao exercicio 2016, cun total de 36.066.349,14 € facturados. Unha tendencia que sitúa o prezo medio dos viños de Rías Baixas en 5,49 € o litro, moi por riba dos prezos medios do viño Español nos mercados de exportación.

Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou o vigor exportador de Rías Baixas e lembrou que, en comercialización de viños brancos con DO, esta denominación de orixe ocupa o segundo lugar en España, só superada por Rueda, tal e como se indica no informe do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente sobre comercio interior na campaña 2016/2017. No que a comercialización no exterior de viño branco con Denominación de Orixe se refire, Rías Baixas atópase no terceiro lugar, superando ás DO´s Rioxa e Rueda e por detrás de Cataluña e Valencia.

A titular de Medio Rural sinalou ademais que Rías Baixas produciu case 25 millóns de litros de viño cualificado no ano 2017, cun valor económico estimado que superou os 124 millóns de euros, consolidándose como a primeira DO de Galicia, con diferenza, e felicitou aos responsables do Consello Regulador, viticultores e adegueiros por este éxito.

Evolución moi positiva

Os Rías Baixas mostran unha evolución moi positiva durante o último quinquenio no que aumentaron as súas exportacións en máis de 1.000.000 litros e máis de 6 millóns de euros, o que mostra o gran valor engadido destes viños. Na actualidade, estas representan o 26,43% das vendas desta Denominación de Orixe. Un posicionamento que vén reforzado pola aposta clara do Consello Regulador por aumentar a súa notoriedade, por iso é polo que destina o 70,01% do seu orzamento a promoción, mercadotecnia e comunicación.

Malia o Brexit, as vendas ao Reino Unido medran un 37%

As adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas incrementaron as súas vendas en mercados como Canadá (+88,37%), país que entra a formar parte do dez primeiros destinos de Rías Baixas. Tamén Reino Unido (+37,7%), a pesar da incerteza que xeraba o Brexit, consolídase como segundo mercado en relevancia. Igualmente destacan os crecementos de Suíza (+15,26%), Irlanda (+20,46%) e Rusia (+143%). En cambio obsérvase un retroceso en Alemaña, posiblemente debido á suba do prezo medio, e tamén en Porto Rico, motivado polas secuelas do desastre natural sufrido a finais do pasado ano.

A estes datos positivos tamén hai que engadir que medra o número de adegas que xa venden ao exterior, son concretamente 102 das 184 inscritas na actualidade, o que representa máis do 56% das empresas inscritas.

Plans promocionais

Co obxecto de seguir apoiando a internacionalización dos viños, o Consello Regulador ten previsto desenvolver oito plans promocionais específicos en diferentes mercados, concretamente en Estados Unidos, Reino Unido, Alemaña, Irlanda, Países Baixos, Xapón, México e Polonia, aos que hai que engadir accións puntuais noutros países como son Suíza e Canadá, ou a participación en feiras internacionais Hong Kong e Singapura.

Desde o Consello Regulador destacan que “hoxe, á vista destes datos, parece que todo está consolidado, pero non é así, hai que seguir traballando e non baixar a garda, cada vez hai máis produtores no mundo que ofrecen viños de altísima calidade”. “É por iso que debemos manternos atentos aos acontecementos e pedirlles ás administracións que sigan apostando pola internacionalización abrindo o o camiño con acordos internacionais e axudas para compensar os esforzos”, engaden.

EXPORTACIÓNS POR DESTINOS: 

País

Volumen 2017

1

Estados Unidos

2.413.126,25 litros

2

Reino Unido

1.469.954,75 litros

3

Puerto Rico

277.469,30 litros

4

Alemania

257.877,26 litros

5

Holanda

224.648,00 litros

6

México

219.815.00 litros

7

Irlanda

210.566,25 litros

8

Suiza

167.185,00 litros

9

Canadá

165.942,50 litros

10

Noruega

116.410,00 litros

Resto de países

1.048.538,33 litros

TOTAL

6.571.532,64 litros

A Xunta anuncia que a próxima semana publicaranse as axudas para reestruturación e reconversión do viñedo

A nova convocatoria de axudas para plans de reestruturación e reconversión da viña contará cun orzamento total de 1,4 millóns de euros para este ano 2018 e publicarase a próxima semana no Diario Oficial de Galicia, tal e como destacou esta mañá en Pontevedra a titular de Medio Rural, Ángeles Vázquez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información