Rías Baixas cualificou un 12% máis de viño en 2014

As exportacións xa representan o 28% das vendas de Rías Baixas, aínda que en 2014 se estancaron.

Publicidade
Rías Baixas cualificou un 12% máis de viño en 2014

Túnel do viño organizado por Rías Baixas.

Os viños de Rías Baixas manteñen o seu posicionamento tanto no mercado nacional como internacional. Así o demostran os incrementos rexistrados tanto no número de litros cualificados coma nas vendas ao exterior durante o exercicio 2014.

A Denominación de Orixe Rías Baixas pechou o exercicio 2014 cun total de 19.390.727 litros cualificados, un 12% máis que o ano anterior. Unha cifra que se traduciu nun total de 25.854.302 contraetiquetas/botellas, xa que “todo o viño que vende a D.O. Rías Baixas está embotellado”, segundo recorda o presidente do CRDO Rías Baixas, Juan Gil de Araujo.

As exportacións mantivéronse estables en 2014

Esta tendencia de crecemento constante e consolidación tamén se rexistra nas vendas no exterior. Durante 2014, Rías Baixas exportou un total de 5.387.284 litros (7.183.045 botellas), que en valor alcanzaron 28.340.946 euros. O presidente da D.O. Rías Baixas explica que “tratamos sempre de apoiar ás adegas nos seus esforzos exportadores. Grazas a iso, 2014 foi un ano de esperanza, no que o sector se afianzou na estabilidade e o crecemento”.

O mercado exterior xa representa o 28% das vendas en Rías Baixas. Unhas vendas que manteñen os seus niveis, pois en valor crecen un 1,07% mentres que en volume retroceden un 1,18%.

Aumentan as exportacións ao mercado europeo

En canto a destinos, os Top 10 representan o 83,43% do total exportado. Á cabeza continúa Estados Unidos, con 2.189.258 litros; seguido de Reino Unido, con 735.679 litros. O terceiro posto é para Alemaña, que incrementa as súas compras nun 14,67%, seguida por Holanda, que crece un 78,68%. Completan o ranking Puerto Rico, México, Irlanda, Suíza, Noruega e Suecia. O secretario xeral da denominación, Ramón Huidobro Vega, destaca “unha basculación das exportacións cara ao mercado europeo, onde as vendas crecen nos principais destinos e onde tamén hai un maior número de países que se interesaron polos nosos viños”.

Así mesmo, tamén son significativas as cifras rexistradas en destinos como Xapón, cun incremento do 23,35% (94.642 litros); ou Australia, que aumenta as súas vendas en case o 65% (94.238 litros). “Este é o froito do esforzo que dende o Consello Regulador se está a realizar a través de novos plans de promoción en Xapón, Irlanda, Holanda ou México, que se suman a outros xa existentes como Estados Unidos ou Reino Unido e que durante os últimos anos foron dando os seus froitos”, matiza Ramón Huidobro.

EXPORTACIONES_RIAS_BAIXAS_2014

Obxectivo para 2015: apoiar a exportación das pequenas adegas

Para 2015 preséntanse novos retos para a DO Rías Baixas, que pasan por seguir avanzando en todos os mercados. “Dende este Consello Regulador queremos dar o noso apoio a todas e cada unha das adegas que o integran. Somos conscientes de que as de menor tamaño tamén deben ter a súa oportunidade para poder exportar. Nesa liña estamos a traballar e por iso renovamos o convenio coa Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Vilagarcía de Arousa, co ánimo de estender ese apoio a todas as adegas de Rías Baixas na súa expansión nos mercados internacionais”, apunta Juan Gil de Araujo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información