Na D.O. Rías Baixas xa se pode afirmar que o conxunto das súas adegas están inmersas nos labores de recollida da uva.
As primeiras vendimas iniciáronse iniciaron o 20 de agosto en Salvaterra do Miño, subzona do Condado do Tea; un día máis tarde na Ribeira do Ulla; o 22 de agosto en Tomiño, O Rosal; para dar paso ao 23 de agosto no Salnés. Así foron uns inicios que nos traen ata o ecuador da vendima 2025, momento no que xa se recolleron “a man” 31.400.000 kg de uvas autóctonas.
Colleitar todas estas variedades autóctonas require dunha engranaxe ben engraxada. Baixo a batuta do Departamento Técnico traballan 25 auditores/veedores, cuxa labor é controlar a orixe e a calidade da uva que entra en adega esta campaña 2025.
“Destaca a gran calidade da uva, grazas a un agosto caloroso, que permitiu a súa óptima maduración, que se pode resumir nun bo estado hixiénico sanitario”, indica Agustín Lago, director técnico da Denominación de Orixe Rías Baixas, quen asegura que “o grao alcohólico e de acidez son correctos e podemos dicir que esta vendima está a cumprir con todas as expectativas que xa se anunciaron no Informe de Estimación da Colleita 2025, presentado polo Órgano de Control e Certificación”.
Por unha cuestión de climatoloxía as subzonas do sur de Galicia, as de Condado do Tea e O Rosal, volveron ser as máis madrugadoras. Ata a data, as adegas da denominación recolleron en variedades brancas 31.380.168 quilos. Logo darase paso ás tintas, cuxo ciclo vexetativo é máis longo e das cales ata o de agora se colleitaron 19.832 kg.
A vendima na D.O. Rías Baixas caracterízase por realizarse a man na súa totalidade, polo que require de numerosa man de obra en momentos puntuais. Ademais, as normas de vendima tamén obrigan aos viticultores para depositar as uvas en caixas de plástico alimentario de menos de 30 quilos para preservar a calidade das mesmas ata a súa entrada na adega.
O ciclo vitícola na campaña 2025 estivo caracterizado por un inverno e unha primavera moi cálidos e húmidos; un mes de xuño extremadamente cálido, o máis cálido desde que existen rexistros, e moi seco.
E agora, viticultores e adegas esperan que o mes de setembro acompañe coa menor choiva posible, para así poder seguir a vendima de forma ordenada e tranquila.
Galego









Control OJD