Os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas estarán presentes na Barcelona Wine Week, o salón de referencia do viño español de calidade que se levará a cabo na Fira de Barcelona do 3 ao 5 de febreiro.
O martes 4 realizarase unha sesión monográfica inédita con dez viños de Rías Baixas, de 12:00 a 13:30 horas, na sala Príncipe do Pavillón 8 do recinto de Montjuic.
“A mar de viños atlánticos” é o nome dunha cata exclusiva que estará dirixida polo catador e xornalista Ramón Francás. A ela asistirán o presidente e o secretario xeral do Consello Regulador, Isidoro Serantes e Ramón Huidobro, e intervirán os representantes das adegas de cada un dos dez viños escollidos.
A mellor cata en Barcelona
A selección dos dez viños protagonistas realizouse en setembro no Pazo de Mugartegui. Ramón Francás, xunto a Céline Pérez e Marta Macías, directora e project manager da Barcelona Wine Week respectivamente, avaliou 50 viños entre os que seleccionaron os 10 que estarán na sesión do próximo martes.
“Nunca avaliaramos tantas marcas para esta cata exclusiva. Tivemos que deixar algún fóra porque só tiñamos dez prazas. Foi moi difícil”, comentou Francás.
A selección final inclúe oito viños brancos, un tinto e un espumoso de calidade Rías Baixas. “Será a mellor cata dos viños Rías Baixas realizada nunca en Barcelona”, asegurou.
Presenza destacada na Barcelona Wine Week
Ademais, a DO Rías Baixas contará cunha caseta propia na Barcelona Wine Week. Alí organizará un túnel do viño con 40 marcas de anadas entre 2012 e 2022.
Esta quinta edición do evento será a máis grande ata a data, cun crecemento do 38% en superficie feiral e un 33% máis de adegas participantes. En total, 1.266 empresas de 81 Denominacións de Orixe mostrarán os seus mellores viños e buscarán novas oportunidades comerciais.
Para impulsar os negocios, o salón fortaleceu o seu programa Hosted Buyers co apoio do ICEX. Convidaron a 770 grandes importadores e distribuidores internacionais, procedentes de mercados crave como Estados Unidos, Canadá ou Alemaña. Tamén asistirán máis de mil compradores nacionais do sector.