Rías Baixas activa un protocolo fronte ó coronavirus para o seu persoal e vedores na vendima

Tódolos axentes do Consello Regulador realizarán tests serolóxicos e adoptarán pautas específicas para garantir o cumprimento das medidas de seguridade durante o desenvolvemento das auditorías en viñedos e adegas

Publicidade
Rías Baixas activa un protocolo fronte ó coronavirus para o seu persoal e vedores na vendima

Vendima en viñedos da DO Rías Baixas. // Foto de arquivo.

O Consello Regulador da Denominación de Orixe (DO) Rías Baixas acaba de poñer en marcha un protocolo e unhas normas de prevención específicas para esta vendima por mor do coronavirus. Ditas directrices aplícanse aos 24 auditores e ao persoal técnico da entidade que supervisarán o proceso de recollida da uva nas distintas adegas da demarcación e ás adegas e viticultores implicados.

Segundo explica o secretario do Consello Regulador, Ramón Huidobro, “estas medidas adoptáronse en coordinación coas Consellerías de Sanidade, a través do Sergas; e de Medio Rural co fin de garantir as actuacións hixiénico-sanitarias e de prevención contra a Covid-19 no desenvolvemento das distintas auditorías”. Ademais dos tests serolóxicos que estes días se realizan aos vedores implicados na presente campaña de vendima, o Consello Regulador porá a disposición dos mesmos máscaras cirúrxicas, xel hidroalcohólico e luvas con obxecto de facilitar a protección persoal.

A maiores, desde o Consello Regulador, en cumprimento coa petición formulada pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) e o Sergas, trasladáronlle ás adegas e asociacións do sector a información remitida pola Xunta de Galicia para maximizar a seguridade nas explotacións agrícolas que empregan a traballadores estacionais.Entre as medidas que neles se reflicten, figura a realización por parte do Sergas, e previo ao comezo desta campaña, de test serolóxicos de detección de anticorpos anti-SARS-CoV-2 para todas as persoas involucradas na vendima.

Novas pautas 

O protocolo do Consello Regulador tamén establece unha serie de pautas a seguir, incluídas na documentación entregada a todos os profesionais involucrados nesta vendima. Estas implican que cada vedor deberá realizar todos os días un breve recoñecemento da súa saúde persoal que rexistrarán no documento Verificación síntomas compatibles con COVID-19 e que reportarán ao Consello Regulador antes de comezar a xornada laboral. En caso de notar algún síntoma (tose seca, febre, dificultades respiratorias ou malestar, perda de gusto e/ou olfacto), deberán informar inmediatamente e pórse en contacto coas autoridades sanitarias.

Ademais das medidas xerais, como o uso obrigatorio de máscara, hixiene de mans e distancia mínima de seguridade interpersoal, estableceron unha serie de especificidades relativas ás auditorías a realizar nas adegas inscritas e no viñedo. Vedores e adegas deberán de informar dos seus respectivos protocolos de actuación co fin de que ámbalas partes respecten as directrices que neles se reflicten, optimizando, deste xeito, o seu labor.

As reunións entre auditores e persoal responsable de adega concertaranse sempre previamente de mutuo acordo, facilitando a flexibilidade horaria. Segundo se especifica no protocolo do Consello Regulador, os encontros realizaranse co menor número de participantes posible.

Tamén indican que á hora de realizar as comprobacións, o auditor realizaraas coa máxima precaución e acompañado por unha única persoa da adega ou explotación. No caso da recollida de evidencias, deben evitar o contacto co material de adega. Debe facilitarse o traslado de datos vía telemática, solicitando, ademais, permiso para tomar fotos que axilicen a recollida de achados.

En canto á redacción de informes e levantamento de actas, os vedores deberán realizalas a soas. A continuación, leraas e explicará o seu contido antes da súa firma polo responsable de adega, co obxectivo de minimizar o tempo das reunións.

Mostraxes constantes

Mentres tanto, desde o Consello Regulador e as propias adegas están a levarse a cabo mostraxes constantes en campo co fin de comprobar o estado da uva de cara a establecer o momento óptimo para a súa recollida. Aínda que se mantén a previsión de comezo da vendima de maneira xeneralizada para a primeira quincena de setembro, tal e como se recolle no informe de estimación de vendima, todo vai depender da evolución que se rexistre nos próximos días e das condicións meteorolóxicas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información