Rey Martínez SC: Robotización para garantir o relevo xeneracional

Rey Martínez SC introduciu o robot de muxido e o arrimador de comida motivado pola falta de man de obra, os cales lle trouxeron un aumento de produción e maior benestar

Rey Martínez SC: Robotización para garantir o relevo xeneracional

Iván xunto aos seus pais Celia e Ramón son os propietarios da gandería Rey Martínez SC

A falta de man de obra é un dos graves problemas que padece o sector agrogandeiro nestes intres. Esta problemática tamén a sufre a gandería Rey Martínez SC (Mazaricos, A Coruña) onde hai dous anos que empezaron a traballar co robot de muxido por non contar con man de obra, ademais de introducir outras tecnoloxías.

“Tiñamos unha sala de muxido que xa estaba vella e necesitábamos facer un cambio. Valoramos entre incorporar unha sala máis grande ou robots, e decantámonos pola segunda opción”, indica un dos propietarios, Ivan Rey. Así, no 2022 empezaron a traballar con estas máquinas de GEA, as cales escolleron porque lles ofrecían un foso para atención dos animais e a separación por cuartos. “Tamén fai un selado con selador e son moi silenciosos, ademais de que o consumo de electricidade non é dos que máis gasta”, salienta. 

Vista do interior da granxa onde están colocados os robots de muxido

Vista do interior da granxa onde están colocados os robots de muxido

Unha das vantaxes que notaron foi que a produción aumentou e chegaron aos tres muxidos. A maiores, antes da chegada dos robots observaban leite nas camas e dende que se empezaron a muxir nestas máquinas “este problema desapareceu”. En canto aos cambios, o gandeiro aclara que coa chegada da robotización tamén mudaron de nutrólogo o cal aplicou unha nova ración ás vaca. “O aumento da produción foi derivado dun conxunto de factores”, puntualiza.

Fixen dous ciclos, electricidade e electrónica, e traballei diso, pero todos os ocos libres dediqueillos a gandería ata dar o paso de incorporarme

A maiores, xunto co robot incorporaron un arrimador de comida e unha amamantadora para a recría. A primeira máquina en chegar foi o arrimador de comida, que “era moi necesario, principalmente para as noites. Os animais apartaban moita comida e polas noites non había man de obra para poder achegarlla, así que con esta máquina evítanse problemas”.

Coa amamantadora tamén se aforran tarefas de atender á recría e deixaron de percibir problemas de saúde nos becerros. Anteriormente, dábanlle dúas tomas ao día e na actualidade maman moito máis, chegando aos 9 litros diarios. “Están mellor, sen esta ferramenta sería complexo ofrecerlles máis de dúas tomas ao día”.

O arrimador de comida achegándolle a comida aos animais

O arrimador de comida achegándolle a comida aos animais

Crecemento da granxa

Iván xa é a terceira xeración da explotación e actualmente traballa xunto aos seus pais Ramón e Celia. No 2004 crearon a SC e decidiron empezar co proxecto da nova explotación, pero “por causa da burocracia” non foi ata o 2008 que xa estivo dispoñible. En 2013 incorporouse Iván, no 2018 ampliaron e no 2022 empezaron cos trámites para a última ampliación de secas, xovencas e recría.

O gandeiro estivo sempre vinculado á gandería, pero a súa formación orientouse á electricidade e electrónica. “Fixen os dous ciclos e traballei diso durante uns anos, pero todos os ocos libres llos dedicaba á gandería”, lembra. Así, cando a explotación fixo as novas instalacións no 2008 xa empezou a valorar deixar o traballo e dedicarse de pleno á gandería e así o fixo no 2013.

En xenética buscan animais medianos e que se adapten ao robot, cun ubre axeitado para esta máquina

Actualmente, Rey Martínez SC ten 350 cabezas e 150 en muxido e 170 animais son recría. Actualmente, a produción media chega aos 41 litros/vaca/día, cun 3,8 % de graxa e 3,31 % de proteína nunha media de 3,2 muxidos diarios. Cabe puntualizar que antes do robot, a media estaba nuns 36 litros en dous muxidos.

A venda do leite fana a Lactalis a 41 céntimos máis primas. “No momento actual estamos algo mellor”. Explica que baixou sobre 15 céntimos o prezo do leite, pero tamén diminuíu o concentrado. Porén, hai produtos que chegaron a un prezo elevado e non volveron baixar, como poden ser os materiais de construción, “co cal a situación é complexa”.

Xenética adaptada ao robot

En canto á xenética, nesta gandería de Mazaricos buscan touros americanos e canadienses, para iso traballan con marcas como Semex ou Alta Genetics, entre outras. As características principais que buscan son: animais medianos, “porque para este tipo de explotacións son os que mellor funcionan, que sexan anchos pero non moi altos”. Por suposto, que teñan un ubre axeitado para o robot, é dicir, tetos longos e ben separados. Na maioría dos casos, empregan seme sexado.

A idade media ao primeiro parto está entre os 24 e os 25 meses e produce case todo carne. “Emprego Angus porque ten facilidade de parto, as vacas non atrasan e arrancan bastante ben sen dar problemas”.

Animais na amamantadora que incorporaron tras a construción da nova nave

Animais na amamantadora que incorporaron tras a construción da nova nave

Para toda a recría seguen o mesmo protocolo. Así, dende que nacen danlle costro o máis rápido posible en varias tomas. Logo xa pasan ao leite en po e, á semana, van para un lote nun box duns 20 metros cadrados para ensinalos a mamar en tetinas. Unha vez se defenden, pasan á amamantadora.

Falta de base territorial

Actualmente, a ración das vacas en produción está composta de 34 kg de millo, 11 kg de herba, 0,4 kg de palla e 7 kg de penso. Do reparto da ración encárgase unha empresa privada que pasa a primeira hora da mañá. Ademais desta ración, os animais tamén comen no robot dende a súa incorporación. “O robot xa adapta a ración que lle achega a cada animal segundo a avaliación que fai el. Creo que esta sería a principal vantaxe, xa que lle dá o concentrado axeitado”.

Silos da produción da última campaña

Silos da produción da última campaña

Para proporcionarlle estas racións, en Rey Martínez SC contan con 55 ha, das cales 40 son en propiedade e as restantes están en aluguer. Nestes terreos, sementan unhas 40 ha a millo, que rotan con herba, e as 15 ha restantes están a herba permanentes. Para realizar os traballos agrícolas, “case facemos todo nós a non ser momentos puntuais da campaña. Este ano contratei algún servizo para botar millo e tamén as praderías, porque non daba feito”.

Para o millo, soe sementar da casa Pioneer, un ciclo 450 e a variedade 0640. “Sementamos cedo e, na maioría das fincas, démolo colleitado antes do Kirk”. Aínda así, aclara que nalgunhas fincas nas que fai dous cortes de herba sementou máis tarde, polo tanto o temporal provocoulles danos.

Iván puntualiza que se puidese “alugaría ou mercaría máis terras”, pero Mazaricos é un concello gandeiro e escasean os terreos. “Ademais, se o que ofrecen está lonxe da nosa gandería non nos compensa”. Afirma que en canto teñan a posibilidade tratarán de aumentar a base territorial.

“Contar cun estudo técnico nun concello tan gandeiro facilítanos os tramites”

Vista dende fóra da nova nave para a que contou con Enxeñería Abeleiras

Vista dende fóra da nova nave para a que contou con Enxeñería Abeleiras

Recentemente, Rey Martínez SC conta cunha nova nave para as xovencas, lote de vacas secas e preparto. Este novo espazo ofrece aos animais un maior benestar, “e isto, a longo prazo, repercute no rendemento dos animais”.

Para o deseño e xestión do proxecto, Iván contou coa xestión do estudo técnico Enxeñería Abeleiras, dirixido por Adrián Villar. “Eu xa o coñecía porque é de preto e sabía que estaba empezando a dedicarse a isto. É unha persoa moi válida e estou moi contento con el”, resalta o gandeiro. Engade Villar estivo pendente de como ía evolucionando o proxecto. “A efectos de papeis non tiven que romperme a cabeza”.

Destaca a importancia de que haxa un estudo técnico en Mazaricos. “Esta é unha zona gandeira e ter persoas que nos apoien, que sexan da zona e que coñeza as administración é moi relevante”, explicou o gandeiro e engadiu que ademais “Adrián preocúpase dende o principio ata o final”.

Un futuro marcado polo relevo
Nesta gandería non buscan medrar nin en número de animais, nin en produción, “só queremos manternos como estamos”. Esta decisión está motivada, principalmente, pola ausencia de man de obra: “Se xa temos problema agora, no futuro será peor”. Aínda así, tratará de mellorar as instalacións, para iso xa ten en marcha outro proxecto con Enxeñería Abeleiras para incorporar un esterqueiro e tamén renovará a ventilación.

Iván ten claro que foi unha gran decisión a de incorporarse, aínda que “hai días que deixarías todo de lado, pero noutros xa tes motivación para seguir”. Así, o que máis resalta de estar na gandería familiar é “a posibilidade de controlar o teu tempo, fundamental para poder organizarte”.

En canto ao relevo xeracional, que na súa gandería ata o momento houbo, destaca que “no futuro non vai haber xente que queira quedar neste sector, porque non se sabe o futuro que vai a ter”. Aínda que puntualiza que dende as institucións deberían buscar a fórmula para motivar ás novas xeracións, pero é un traballo “escravo e aínda que se mellorou, hai que estar sempre pendente, os sete días da semana”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información