
Un momento do Concurso Autonómico celebrado este sábado na Moexmu, seguido por numeroso público
Vinte ganderías galegas, cun total de 126 animais, participaron este sábado en Muimenta no XXX Concurso Autonómico de Raza Frisona FEFRIGA 2022, que se celebrou coincidindo coa Moexmu.
A gandería Rey de Miñotelo, da Pastoriza, revalida o título de Vaca Gran Campiona de Galicia con Rey 814 Beemer Yuri, mentres que Gandería Carro, de Mesía, faise co de Xovenca Gran Campiona.
O encargado de calificar os animais foi o xuíz internacional portugués Henrique Moniz, que destacou o alto nivel morfolóxico e o importante número de animais participantes e agradeceu aos distintos criadores o traballo que fan por mellorar a xenética da súa cabana en tempos de dificultades económicas no sector lácteo.
A Mostra Exposición de Muimenta levaba dous anos sen celebrarse por mor da pandemia da covid-19 e acolleu por primeira vez o Concurso Autonómico
O concurso de gando da Moexmu é o único que se celebra na provincia de Lugo, aínda que levaba dous anos sen poder celebrarse por mor da pandemia da covid-19, e acolleu por primeira vez nas súas 36 edicións o campionato galego.
Xatas e xovencas

Casa-Nova Shania Mooving 1481, de Ganadería Carro, Xata Campiona e Xovenca Gran Campiona de Galicia
Nas seccións adicadas á recría, que se desenvolveron pola mañá, resultaron gañadoras as ganderías Carro, de Mesía, coa xata Casa-Nova Shania Moovin 1481; e Rey de Miñotelo, da Pastoriza, coa xovenca Rey 967 Jordi Hole.
Como Reserva Gran Campiona de Galicia quedou Asunción King Doc Elsa 2, de Finca La Asunción
Como Xovenca Gran Campiona quedou Casa-Nova Shania Moovin 1481, unha xata de 9 meses, da que o xuíz do concurso, o portugués Henrique Moniz, destacou ser moi homoxénea e con moi boas costelas. Como Reserva queda Asunción King Doc Elsa 2, de Finca La Asunción, de Touro.
Vacas

Rey 814 Beemer Yuri, da Gandería Rey de Miñotelo, Vaca Gran Campiona de Galicia
Pola tarde foron xulgadas as vacas, entre as que volveu gañar Rey 814 Beemer Yuri, que revalida o galardón de Vaca Gran Campiona de Galicia que acadara por primeira vez o pasado mes de setembro en Lalín no Concurso Autonómico FEFRIGA 2021, celebrado en Feiradeza. Como Reserva Gran Campiona quedou outro animal da mesma gandería, en concreto Rey 747 July High Octane.
O recoñecemento para a gandería de nova participación foi para Gaigo, de Meira
De Rey 814 Beemer Yuri o xuíz do concurso destacou o seu equilibrio, profundidade corporal e calidade ósea, así como o seu ubre fino e a colocación dos pezóns. A gandería chairega propietaria fíxose tamén co título de Mellor Criador de Vacas e Mellor Criador de Xovencas, Mellor Descendencia de Vaca e Mellor Manexador do Concurso, que foi para Alberto Iglesia.
Descarga aquí a listaxe dos gañadores de todas as seccións do Concurso FEFRIGA 2022
Media de 2.640 euros na poxa da Moexmu

Un momento da poxa celebrada na Moexmu, na que se venderon 5 animais
Un total de 11 animais, entre vacas e xatas, puxéronse á venda na Poxa de Gando Selecto da Moexmu, das que se venderon de xeito efectivo 5. O prezo medio acadado foi de 2.640 euros.
O animal que máis valor logrou foi Midón Artemisa King Doc ET, da Gandería Midón, de Lalín, unha vaca de segundo parto cualificada como MB no primeiro parto, con 2.808 puntos ICO, 9.107 litros de leite co 4,04% de graxa e o 3,26% de proteína.
Foi adquirida por 3.100 euros pola Gandería Xesteiro, ubicada en Langueirón, na parroquia de Meanos (Zas).
Animal | Gandería | Prezo saída | Prezo venda |
Rey 1094 Denver Riviela ET | Rey de Miñotelo (A Pastoriza) | 1.500 € | 1.900 € |
Cundins Delirio Unstopabull Red ET | Pistulario (Santa Comba) | 2.500 € | 2.600 € |
Gracoza Sound System Renata 2 | Lar de Gracoza (Cospeito) | 2.500 € | 2.800 € |
Mantoño Tatoo Vendetta | Mantoño Holstein (Barreiros) | 2.300 € | 2.800 € |
Midón Artemisa King Doc ET | Midón (Lalín) | 2.300 € | 3.100 € |