Medio Rural contabilizou nos tres últimos anos un total de 5.944 infraccións forestais denunciadas tanto polas forzas de seguridade (Seprona, Policía Autonómica, axentes forestais…), así como por propietarios particulares forestais ou entidades forestais ou grupos de defensa do medio ambiente. A maioría delas trátase de incumprimentos das distancias mínimas, plantacións ilegais ou cambios de terras agrarias a forestais sen autorización.
Os datos foron expostos este venres no Parlamento polo director xeral de planificación e ordenación forestal, José Luis Chan, durante o transcurso da Comisión 7ª de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes. A comparecencia de Chan produciuse logo de que o grupo socialista galego solicitase coñecer os datos de cortas, plantacións e denuncias por infraccións na normativa forestal dende o 2019. O grupo socialista buscaba avaliar así o impacto que tivo a moratoria da plantación de eucalipto, unha medida que reprobaron debido ó efecto chamada que aseguran que tivo para facer cortas de piñeiros e plantacións de eucalipto no seu sitio, desbordando ó sector forestal, ademais de afear que fose realizada sen o apoio do sector e sen basearse en criterios profesionais forestais.
En canto ó volume de cortas que se produciron nestes anos, Chan recordou que os datos son públicos e que poden consultarse no Observatorio Forestal de Galicia. Porén, apuntou que no 2021 se apreciou unha recuperación con respecto do rexistrado no 2020, situándose a taxa de extracción de madeira en cifras semellantes ás que se manexaron nos anos previos á pandemia, tanto no 2018 coma no 2019.
Chan tamén incidiu en que a corta de madeira é un mercado á alza, que pon en valor en especial a madeira de coníferas. “O Plan forestal fixa como obxectivo para os próximos 20 anos acadar os 12 millóns de metros cúbicos de madeira e nestes momentos estamos xa chegando ós 10 millóns (9,6 millóns de metros cúbicos acadados pola xestión privada e 300.000 de xestión pública)”, explica.
Coruña e Lugo, os territorios con máis denuncias
O maior volume de denuncias por infraccións forestais rexistrouse no 2019, cun total de 2.397 apercibimentos, un procedemento previo ó inicio do expediente sancionador e que se aplica para aquelas accións que aínda son reversibles, según recolle a Lei de Montes e incendios. No 2020 producíronse 1.190 e no 2021 contabilizáronse 2.357. Nestes primeiros meses de 2022 formalizáronse 183 apercibimentos.
Por provincias, A Coruña cun total de 3.626 e Lugo con 1.755 apercibimentos son os territorios con maior volume de denuncias. Mentres, en Pontevedra contabilizáronse ó longo destes 3 anos un total de 320 e en Ourense rexistráronse 243.
Neste trienio tamén se tramitaron un total de 2.243 expedientes sancionadores, derivados en parte de apercibimentos no que os infractores non realizaron os cambios solicitados ou por denuncias que xa derivan directamente neste tipo de procedementos ó ser irreversibles, como as cortas ilegais ou sen autorización. No ano 2019 tramitáronse 730 expedientes, no 2020 foron 615 e no 2021 acadáronse os 898. No que levamos de 2022 xa se tramitaron 53 procedementos sancionadores.
Por provincias, de novo A Coruña sitúase á cabeza ó contabilizar 832 expedientes sancionadores, en Lugo chegaron a rexistrarse nestes 3 anos un total de 619 procedementos e en Pontevedra apenas se contabilizaron 117. Destaca que en Ourense se tramitaron 675 expedientes sancionadores.
Nun percorrido por algúns dos concellos con maior número de denuncias nestes tres anos destacan na Coruña, municipios coma Cedeira con 159 denuncias, Mazaricos (154), San Sadurniño (152), Touro (147), Santa Comba (118), Carballo (106), Carral (113), Arteixo (103), Ortigueira (90) Aranga (80), Ames (34) ou Abegondo (10).
En canto ós expedientes sancionadores, Chan detallou o número de procedementos activos en municipios lucenses coma Palas de Rei con 80 ou Lugo que suma 140. En Pontevedra, concellos coma A Estrada tramitaron 64 expedientes, Caldas de Reis suma 13, Agolada 15 ou 25 en Lalín.
Hola,donde podo denunciar Unha plantación que non cumple a distancia mínima o linde