Rexistradas 2.440 solicitudes de anticipos extraordinarios da PAC en Galicia

Estes anticipos son consecuencia dun acordo da Xunta coas entidades bancarias para facerse cargo dos gastos financieiros do anticipo. No 2021 non se convocaran, pero este ano recuperáronse a consecuencia da guerra de Ucraína

Rexistradas 2.440 solicitudes de anticipos extraordinarios da PAC en Galicia

As axudas para os anticipos da PAC activáronse de novo este ano polas consecuencias da invasión rusa de Ucraína

Neste ano 2022, e derivado das necesidades xurdidas do conflito de Ucraína, volvéronse a convocar as axudas para os anticipos extraordinarios da PAC que arrancaran no 2020. Esas axudas complétaronse cunha liña de créditos para as explotacións que precisaran maior liquidez. Cos resultados provisionais, os datos indican que “para os anticipos da PAC ou para créditos de capital circulante (para pago de facturas) rexistráronse un total de 2.440 solicitudes”, segundo indicou no Parlamento o director xeral de Gandería e Agricultura, José Balseiros.

Estas cifras son provisionais posto que “aínda se está traballando na tramitación administrativa do crédito para capital circulante”, aclara Balseiros. Igualmente, o director xeral sinala que “arredor do 60% das solicitudes e polo tanto dos beneficiarios corresponden coa provincia de Lugo, pero por consecuencia da concentración da actividade agrogandeira”, especifica.

No ano 2020 os resultados do préstamo para o adianto da PAC tiveron 1.775 beneficiarios cun valor total dos adiantos de 21 millóns de euros.

Información de contexto
Os anticipos extraordinarios da PAC arrincaron no 2020. A Consellería do Medio Rural publicou daquela no Diario Oficial de Galicia (10 de xuño do 2020) unha orde pola que se establecían as bases reguladoras para facer uns anticipos extraordinarios destinados a beneficiar a aqueles agricultores e gandeiros que tiveran unha especial dificultade económica consecuencia da pandemia.

Esta axuda estableceuse coa intención de que os solicitantes da PAC puideran acceder ao importe total das súas axudas mediante un préstamo bancario, pero sen ningún custo para os propios beneficiarios. Para conceder este adianto de ata o 100% das axudas da PAC, a Consellería asinou un convenio con varias entidades bancarias na que se financiaba a comisión de apertura de ata un 1% do importe das axudas. O obxectivo deste convenio era poñer unha liña de créditos sen intereses a favor dos beneficiarios da PAC.

Periodo ordinario
Como é habitual, os anticipios ordinarios da PAC poderán ser abonados pola Xunta a partir do 15 de outubro, unha vez que teña rematados os controis sobre o terreo. Poderá pagar nestes anticipos o 50% dos pagos directos e un 75% das axudas de desenvolvemento rural. Despois, a partir do 1 de decembro e ata o 30 de xuño do 2023, é o prazo que ten para abonar os pagos restantes da PAC.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información