O cambio do prego de condicións de Tenreira Galega Suprema, que obriga a manter aos tenreiros nunha zona acoutada durante os dous meses de cebo final, continúa xerando a oposición do Sindicato Labrego, a única organización que se posicionou contra este cambio no pleno do Consello Regulador. Na xornada de hoxe, a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba, e o coordinador de carne da organización, Brais Álvarez, mantiveron unha reunión co Ministerio para abordar este tema.
No encontro, a Subdirección Xeral de Control da Calidade Alimentaria trasladoulles que é Bruxelas a competente no cambio do prego de condicións de Tenreira Galega Suprema. Dados os impactos que a organización agraria entende que pode xerar este cambio no número de granxas en Galicia e na propia paisaxe, o Sindicato Labrego considera que Bruxelas débese opoñer á modificación do prego de condicións.
A IXP galega acordou o cambio do prego de condicións nunha procura dunha maior uniformidade e calidade no acabado das canles de Tenreira Galega Suprema.
A cuestión, para o Sindicato Labrego, é que este cambio “expulsa a 750 granxas que non estabulan, das 7.500 granxas rexistradas baixo esta indicación xeográfica protexida, e a un número indeterminado de granxas que poden non dispoñer de instalacións idóneas a día de hoxe, ao que cabe engadir que supón finalizar coa forma tradicional de cebado de centos de granxas da IXP -que facían o acabado no prado-, implicando ao mesmo tempo unha homoxeneización do produto coa carne producida na IXP baixo o selo da Ternera Gallega Normal”, valora a organización.