Reunión do Observatorio do Sector Lácteo de Galicia

Medio Rural mantén un encontro con organizacións agrarias, industrias lácteas e cadeas de distribución nun foro “de análise”, que evitou abordar a situación de contratos e prezos no campo

Reunión do Observatorio do Sector Lácteo de Galicia

Reunión do Observatorio do Sector Lácteo.

A Consellería do Medio Rural convocou un encontro do Observatorio do Sector Lácteo de Galicia, un foro ó que acudiron as principais industrias lácteas, cadeas de distribución e organizacións agrarias. A reunión era agardada con expectación no sector gandeiro, pois situouse ás portas da renovación de contratos do leite no campo, pero acabou en decepción, ó constatarse que o plantexamento da reunión era só de análise de mercado, sen entrar nas cuestións candentes.

Na reunión, Medio Rural presentou un informe coa xa coñecida evolución de prezos do leite no 2022, tanto no campo como nos supermercados. A Consellería subliñou o récord de facturación que acadou o leite no campo, así como as subas dos produtos lácteos no supermercado: desde decembro do 2021 o leite subiu un 39% no supermercado e os derivados lácteos (queixos e iogures) entre un 23 e un 26%.

O encontro, celebrado onte xoves en Santiago, serviu tamén para que a Xunta insistise nos instrumentos da Lei de Recuperación de Terras (polígonos agroforestais, aldeas modelo, agrupacións de xestión conxunta), así como para avanzar que este ano porase en marcha o Banco de Explotacións.

Ao remate do encontro, desde Unións Agrarias manifestaron a súa decepción polo que entendían como falta de contido do foro. En canto ó informe presentado pola Xunta, Unións considera que faltaba a referencia ó aumento de custos de produción, que vén afectando ás granxas xa desde o 2020-2021, moito antes de que comezase a subir o leite.

“Estamos nunha situación de custos disparados que fan preciso manter os prezos do leite no campo nos novos contratos da primavera, pero a pesar de que plantexamos esta cuestión, eludiuse. Estabamos ante unha oportunidade de abordar as perspectivas para os próximos meses, xa que se trataba dunha reunión con tódolos axentes de importancia do sector, industrias lácteas, cadeas de distribución e organizacións agrarias, pero iso non sucedeu”, lamenta Óscar Pose, de Unións Agrarias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información