A tramitación das axudas da PAC é quizais o principal cometido da Consellería do Medio Rural e, dentro delas, as vinculadas aos Plans de Mellora e ás Axudas de Incorporación (cofinanciadas cun 60% de fondos europeos Feader) son seguramente os seus programas estrela.
A convocatoria do 2024 está dotada con 47 millóns de euros, un 21% máis con respeto á anterior, segundo destacou o pasado 11 de setembro no Parlamento a conselleira María José Gómez, que cualificou estas subvencións como “recursos útiles” para os agricultores e gandeiros, a través das que poden modernizar as súas explotacións ou ben iniciarse na actividade.
Pero nos últimos anos estas axudas non deixan de estar exentas de polémica, case sempre froito do retraso na resolución, o que condiciona o seu cobro e tamén a convocatoria do ano seguinte.
“Contamos con poder resolver as axudas no entorno do marco temporal habitual doutros anos, polo que en ningún caso se pode falar de retraso”
A publicación dos beneficiarios das axudas do 2023 non se produciu até o día 2 de febreiro deste ano, unha situación que mesmo podería empeorar no caso dos expedientes do 2024, poñendo en risco a convocatoria de Plans de Mellora do ano 2025.
É algo que xa se admite a nivel interno, segundo recoñecen fontes da propia Administración autonómica, pois non se agarda poder resolver os expedientes deste ano até ben entrada a primavera, o que imposibilitaría sacar a nova convocatoria, unha posibilidade sobre a que a Consellería do Medio Rural prefire oficialmente non pronunciarse.
A Consellería nin confirma nin desminte se vai haber Plans de Mellora no 2025, pero a demora na resolución dos expedientes pon en perigo a convocatoria do vindeiro ano
“A resolución desta orde de axudas soe producirse a finais de ano ou comezos do seguinte. Contamos con poder resolver as axudas no entorno do marco temporal habitual doutros anos, polo que en ningún caso se pode falar de retraso”, asegura o departamento que dirixe María José Gómez, que nin confirma nin desminte a posibilidade de non convocar Plans de Mellora no 2025.
Na provincia de Lugo non se finalizou aínda ningún expediente
Malia que a Consellería negue oficialmente calquera tipo de retraso, a nivel interno as dilacións son máis que evidentes. A provincia de Lugo, que concentra o 49,7% dos Plans de Mellora e o 41,2% das Axudas de Incorporación, non ten neste momento grabado no sistema ningún dos expedientes, mentres que nas outras provincias o proceso está un pouco máis avanzado e estivéronse mandando nos últimos días requerimentos aos solicitantes.
O maior número dos expedientes, en torno ao 50%, atópase na provincia de Lugo
En resposta ás preguntas formuladas ao respecto por Campo Galego, a Consellería achaca os problemas ao aumento de solicitudes. “Hai que ter en conta que a carga de traballo dos técnicos que se ocupan de xestionalas é bastante importante e, ademais, este ano sumouse a nova liña para favorecer a incorporación de novos agricultores de 41 a 55 anos (171 solicitudes), así como un relevante incremento nas solicitudes de mozos e Plans de Mellora. De feito, na convocatoria de 2023 houbo 372 solicitudes de incorporación de mozos e 792 para Plans de Mellora e na deste 2024 estas cifras ascenderon a 413 e 1.350 respectivamente”, detallan.
A provincia de Lugo suma un total de 671 solicitudes de Plans de Mellora e 241 Axudas de Incorporación (159 de menores de 41 anos e 82 entre 41 e 55 anos) , o que equivale á metade dos expedientes de axudas á modernización das granxas e 4 de cada 10 solicitudes de acceso á actividade, polo que o atasco que se está a producir á hora de grabar no sistema os expedientes de Lugo afecta de maneira importante ao número e volume total das axudas no conxunto da comunidade.
Problemas na aplicación Melles
Boa parte dos retrasos acumulados débense ao mal funcionamento da aplicación Melles, que a Xunta puxo en marcha no 2020. Os problemas co Melles non son novos pero este ano agraváronse por mor das novidades introducidas na orde de axudas, que non estaban aplicadas no programa informático.
As novidades introducidas na orde de axudas deste ano non estaban contempladas na aplicación informática onde se fai a tramitación
Isto motivou que a principios do verán funcionarios do servizo de Explotacións de Lugo presentasen un escrito á Consellería advertindo dos problemas detectados, que facían inviable poder grabar os expedientes porque a aplicación informática causaba “inseguridade xurídica” aos solicitantes e mesmo cambios na puntuación final obtida.
Debido a iso, os funcionarios encargados da tramitación tomaron a decisión de non grabar no sistema ningunha solicitude do 2024 até que eses problemas se solucionaran, botando semanas en folga de tramitación.
Os funcionarios do servizo de Explotacións de Lugo, encargados de tramitar os expedientes, estiveron semanas en folga pola “inseguridade xurídica” que xeraba o programa informático
A aplicación Melles foi deseñada pola empresa Bahía Software, que tamén presta o soporte técnico, e os cambios que é necesario introducir están a ser analizados pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) un organismo da Xunta de Galicia encargado de desenvolver e executar as políticas da Administración galega no eido das novas tecnoloxías.
“A aplicación Melles é instrumento interno de traballo e, como calquera outro, necesita de certos axustes para adaptarse ás necesidades da tramitación, que van mudando co paso dos anos. As solicitudes de mellora deste aplicativo están sendo avaliadas, para a súa posta en marcha, pola Amtega, que é o departamento competente na materia”, recoñece a Consellería.
En perigo a convocatoria do 2025?
Dado que se simplificou a tramitación na orde de 2024 (o prazo de solicitude rematou o 22 de abril), as previsións iniciais da Consellería para este ano era ter resoltas as axudas a finais do mes de outubro, un prazo que vai ser imposible de cumprir.
Os pagos ás persoas beneficiarias están condicionados á publicación da resolución
O retraso na resolución supón tamén un retraso no cobro. No caso das incorporacións, o primeiro pago do 40% é automático no momento no que se publique a resolución, un pago que agora é de oficio por parte da Administración. As persoas beneficiarias teñen uns meses despois da resolución para cumprir as condicións esixidas e a novidade deste ano é que podían escoller o prazo no que cumprir e recibir o 60% restante da axuda.
A convocatoria do vindeiro ano non pode publicarse sen antes aprobar a resolución das axudas deste ano
Pero a maiores dos efectos de retraso nos cobros, outra das consecuencias de que a resolución das solicitudes do 2024 se produza ben entrado o 2025 é a posibilidade de que sexa inviable sacar a nova convocatoria do ano que vén, xa que non se pode publicar a nova convocatoria sen estar resolta a anterior.
A convocatoria dos Plans de Mellora e Axudas de Incorporación deste ano publicouse o 22 de xaneiro, antes mesmo de facer pública a resolución das axudas do 2023, que foi publicada o 2 de febreiro, pero que xa estaba feita cando saíu a convocatoria, pois tiña data de 11 de xaneiro.
No ano 2021 tampouco houbera Plans de Mellora, neste caso por mor da covid
A protesta dos traballadores de Medio Rural de Lugo acabou provocando unha reunión o día 9 de agosto á que asistiu a propia conselleira e o director xeral de Gandaría, José Balseiro, cos directores territoriais e os xefes de servizo das catro provincias.
Nesa xuntanza a conselleira chegou a dar por feito que para o ano que vén non habería Plans de Mellora, dado que o retraso na resolución do ano 2024 imposibilitaría sacar a convocatoria do 2025. Sen embargo, as incorporacións poderíanse resolverse ao longo deste ano e non comprometerían a convocatoria no vindeiro ano.
“A titorización é burocracia pura e dura; non se fai un proceso de acompañamento real nas granxas”
Outra das novidades da convocatoria deste ano, ademais da nova liña de axudas á incorporación de persoas entre 41 e 55 anos, é a obriga das persoas que empezan na actividade agraria ou gandeira a seguir un itinerario formativo baixo a titorización das Oficinas Rurais (as antigas OAC, Oficinas Agrarias Comarcais).
Esta supervisión incrementa a carga de traballo do persoal das oficinas comarcais pero non está redundando nun asesoramento técnico efectivo para as persoas que se incorporan. “A titorización temola que facer nas oficinas agrarias. O 90% é papeleo pero asesoramento pouco. Hai unha entrevista inicial coa persoa que se incorpora, unha visita á explotación, que normalmente se fai coincidir coa acta de non inicio, e a recomendación dun intinerario formativo. Basicamente é cubrir o expediente, porque a UE obriga á ter un proceso de titorización para as incorporacións e as persoas incorporadas comprométense a seguir un Plan de Titorización, pero é burocracia pura e dura”, denuncian desde as Oficinas Rurais.
A titorización supón unha carga de traballo a maiores para as Oficinas Rurais pero non se fai acompañamento real nas granxas
A Consellería do Medio Rural non conta neste momento con persoal específico para levar a cabo estas tarefas de formación e asesoramento público aos produtores e desde as Oficinas Rurais reclaman persoal especializado nas funcións de asesoramento para poder levar a cabo unha verdadeira rede de titorización e acompañamento ás novas incorporacións.
No organigrama da Subdirección Xeral de Planificación da Extensión Agraria, creada dentro da estrutura orgánica da Consellería mediante o Decreto 223/2022 (DOG 13 de xaneiro do 2023) hai so 6 persoas: un subdirector xeral e un xefe de servizo en Santiago e un coordinador en cada provincia.
Son necesarios postos específicos se se quere facer unha verdadeira titorización, como pretende a UE
A Subdirección Xeral de Extensión Agraria depende directamente da Secretaría Xeral técnica da Consellería e parte das súas funcións de formación solápanse tanto con Agacal como coa Dirección Xeral de Gandería.
Unha obriga imposta desde Bruxelas
Dos 577 Plans de Titorización que se teñen que levar a cabo no conxunto de Galicia 241 corresponden á provincia de Lugo, 169 á da Coruña, 90 a Pontevedra e 77 a Ourense. Os responsables da titorización (persoal das Oficinas Rurais) deben cubrir un total de 9 documentos, que se corresponden con outras tantas fases do proceso, entre elas a entrevista coa persoa que solicita a incorporación e a visita a explotación.
Desde este ano o Plan de Titorización é un proceso obrigatorio para ter a axuda de incorporación
O prazo límite para levar a cabo esta visita está fixado para finais do mes de outubro. Despois quedaría aínda establecer o calendario de accións formativas específicas e o Plan de Titorización a seguir pola persoa incorporada. Mentres todo este proceso non se complete o expediente non poderá estar grabado correctamente, pois faltarían aínda as fases 7, 8 e 9 do proceso para que a resolución se comezara a tramitar.
Lugo, sitio distinto
Nas Oficinas Rurais das provincias da Coruña, Pontevedra e Ourense, ademais da titorización dos novos incorporados, seguen tramitando todos os expedientes de Plans de Mellora, como se fixera até o de agora os anos anteriores nas catro provincias.
En Lugo, en cambio, estes expedientes tramítanse directamente desde o servizo de Explotacións da Delegación provincial, mentres que as oficinas agrarias encárganse da acta de non inicio e da actualización de inventario (maquinaria e instalacións). Unha vez feita esta parte sóbena ao Melles e na delegación provincial continúan a tramitación.
Desde o servizo de Explotacións da delegación provincial da Consellería en Lugo tramitan todos os Plans de Mellora, tanto os que están vinculados a novas incorporacións como os que non
Por parte das oficinas rurais só se cursan por completo os expedientes de incorporacións que non teñen vinculado un Plan de Mellora. “As diferenzas entre provincias é un síntoma máis da descoordinación que hai este ano”, conclúen os encargados de tramitar os expedientes.
Existen un total de 17 Oficinas Rurais na provincia de Lugo, repartidas en 5 áreas comarcais: Área da Mariña, da que dependen as oficinas de Viveiro, Foz, Ribadeo e Mondoñedo; Vilalba (Guitiriz, Vilalba e Meira); Becerreá (Fonsagrada e Becerreá); Lugo (Sarria, Monterroso, Lugo, Friol e Castroverde) e Monforte (Monforte, Quiroga e Chantada).