
Labores de preparación das terras na SAT Casa Carballo, en Pol, á espera de que mellore o tempo para labrar o millo
Malia que a intención da maioría das explotacións leiteiras galegas era adiantar este ano no posible a sementeira do millo, para non atoparse de novo cos problemas do outono pasado para recollelo, a climatoloxía non está a axudar e a campaña arrinca con retraso, igual que o ano pasado.
O tempo inestable das últimas semanas non permitiu en moitos casos facer o último corte de herba nin tampouco preparar as terras para o millo, polo que a campaña practicamente non se iniciou en ningunha zona de Galicia, o que vai obrigar a reducir ciclos para non demorar o ensilado máis aló do mes de outubro.
O ensilado da herba está a facerse este ano de xeito intermitente, con ventás de oportunidade moi curtas, de poucos días, para segar, facer o presecado e recoller a forraxe, o que non está a permitir aos parques de maquinaria das cooperativas e empresas de servizos traballar de xeito continuo.
Ganderías e empresas de servizos agrícolas teñen lista a súa maquinaria á espera de que o tempo permita poñerse a traballar a pleno rendemento
Ademais, a herba nalgúns casos vai chegar ao silo pasada pola necesidade de agardar unha melloría do tempo e as treboadas dos últimos días mesmo deitaron fincas enteiras, que leva máis tempo segar e nas que o risco de que apañar terra se incrementa.
As primeiras cortas de raigrás, só ou mesturado con leguminosas, foron escasas en canto a volume de forraxe apañado, xa que a falta de temperatura até o momento minguou o crecemento da herba.
A campaña, xa de por si intensa e apurada, aínda se complica máis ao retrasarse o seu inicio
O tempo frío tampouco foi propicio até o de agora para a nascencia do millo e nas poucas fincas que hai labradas o exceso de humidade podería pudrir a semente e multiplicar as faltas obrigando a facer resementeiras.
O retraso no inicio da campaña complica ademais a loxística por parte das empresas de servizos, pois se teñen o persoal e os equipos destinados a acabar a campaña da herba non poden dedicalos á preparar as terras e a botar o millo, co que a campaña de sementeira, xa de por si intensa e apurada, aínda se complica máis.
Falamos con gandeiros e cooperativas de distintas zonas de Galicia para coñecer as súas previsións e como se están a desenvolver os traballos.
Iago Villamide (SAT Casa Carballo, Pol)
“Facemos todo nós; iso permítenos aproveitar calquera raiola de sol para labrar”
Iago Villamide dirixe xunto ao seu irmán Jose a explotación familiar, SAT Casa Carballo, en Torneiros (Pol). Traballan unhas 180 hectáreas e fan eles todo o traballo de recollida da herba e sementeira do millo con maquinaria propia.
Iso permítelles, din, adaptarse mellor a este tempo cambiante. “Aproveitamos calquera ventá de bo tempo, aínda que sexa pequena, para preparar as terras ou labrar. Só paramos se chove, di desde o tractor co que está arando Iago.
Este martes cambiaron os apeiros para poñerse a segar 40 hectáreas de herba que teñen pendentes da segunda corta. A súa intención é ensilalas esta semana para despois centrarse en labrar o millo.
Outros anos a estas alturas xa tiñamos 40 ou 50 hectáreas labradas
“Outros anos xa tiñamos labradas a estas alturas 40 ou 50 hectáreas, pero esta vez levamos moitas menos. Estivemos labrando algo a semana pasada, a última de abril, nas fincas nas que sacamos unha corta soa de herba, e despois arando e preparando as terras e as outras, nas que facemos dúas cortas, en canto vella tempo sacaremos unha corta máis e despois de seguido labraremos o millo”, explica.
Malia o que choveu estes días, as súas fincas, salvo algunha excepción, valen para entrar coa maquinaria, pero noutros concellos veciños da Terra Chá, como o de Castro de Rei ou Cospeito, con moitas máis parcelas húmidas nas que quedaron fincas enteiras sen poder sacar o millo en outono, hai que deixar aínda enxugar a terra.
Silo de herba co 16,8% de proteína
SAT Casa Carballo fixo xa unha corta para silo de herba en 140 hectáreas, que son as que están agora preparando e labrando con millo, e teñen previsto facer esta semana unha segunda corta noutras 40 hectáreas.
“Facemos dúas cortas nas fincas que son máis secas e que sementaramos antes porque tamén collemos antes o millo nelas. Tratamos de escalonar a sementeira da herba herba para que non veña toda a herba xunta, porque senón non damos feito porque facemos nós todo o traballo de ensilado”, explica Iago.
As mesturas con leguminosa dan bo resultado; con raigrás só non se logra esa calidade
O silo de herba que fixeron este ano collérono en moi bo estado. “Botamos raigrás con veza e con trevo en todas as fincas, usamos a mesma mestura en todas. A primeira corta que fixemos en 40 hectáreas ten unha porcentaxe do 16,8% de proteína, analizado xa no silo. Esta segunda corta terá algo menos, cara un 15%. Iso con raigrás só non se logra. Nós xa fai 3 anos, cando se anunciaba o cambio da PAC cara os ecorreximes, que probamos e vimos que ía ben. É algo máis cara a semente pero a calidade do ensilado tamén é outra. Nós cortámola tenra, máis ou menos como segábamos o raigrás só antes, e segamos alto e mesmo retroñou a veza”, di.
A segunda corta segárona hoxe e teñen previsto recollela mañá mércores. Levoulles máis tempo porque tiñan algunha finca tirada polos efectos das chuvias torrencias dos últimos días. “Choveu moito de tormenta e a herba xa era grande e tirouna. Algo levanta despois pero leva máis tempo segala porque hai que procurar facelo ao xeito que está tirada, gadañando así vala deixando bastante ben”, detalla.
Ensilar cedo o millo para facer rotación
Malia as dificultades do outono pasado para labrar as pradeiras polas continuas chuvias, nesta explotación de Pol non deixaron ningunha finca de millo baleira. “Fixemos como puidemos, pero labramos herba en todas”, destacan.
Están a botar un ciclo 300 en todas as parcelas para recoller a colleita de xeito escalonado, empezando polas fincas máis secas cara o 20 de setembro. “Non queremos deixar o millo para moi tarde para poder labrar a herba”, defende Iago.
Non botamos ciclos moi longos para que nos dea tempo a labrar despois a pradeira en todas as fincas
Para preparar as terras andan traballando con dous tractores de maneira continua. Botan o esterco e o purín primeiro (dispoñen dunha cisterna con tubos colgantes) e logo aran para enterralo. A continuación botan o abono mineral e pasan unha grada rotativa ou unha grada rápida, dependendo da cantidade de pedra que haxa (se hai máis pedra decántanse pola grada rápida). Despois vai xa a sementadora, que leva 7 regos á vez.
Antón Chaín (SAT Murado Portela, A Pastoriza)
“Tivemos que deixar 12 hectáreas de millo sen ensilar porque non dabamos entrado”
SAT Murado Portela, situada en Baltar, no municipio da Pastoriza, aínda non puido empezar a labrar o millo. “Aínda non metimos a herba. Imos facer un só corte esta semana porque parece que dan 3 ou 4 días bos”, explica Antón Chaín, que está a piques de graduarse no ciclo superior de Gandería en Fonteboa e está xa incorporado á explotación familiar.
Este ano teñen moita menos herba para ensilar do habitual. “Tiñamos moita cantidade no silo do ano anterior e as condicións do outono tampouco se prestaron nin para ensilar o millo nin para labrar a herba, polo que decidimos deixar descansar un pouco as terras”, conta.
Este ano decidimos deixar descansar un pouco as terras porque tiñamos moita herba nos silos que nos sobrara do ano anterior
“Normalmente sementabamos entre 70 e 75 hectáreas de pradeira e faciamos segas escalonadas, pero desta volta só botamos 40 hectáreas en dúas fases, sementadas con 3 semanas de diferenza entre elas, polo que estamos agardando que as fincas que labramos despois medrasen un pouco para facer un único corte en todas á vez. Desta maneira unha ten máis fibra e outra máis proteína e ao ir mesturada compensamos unha coa outra”, explica.
Esperamos algo máis para que medrase a herba que botamos máis tarde e coller así unha boa corta
SAT Murado Portela botou 30 hectáreas con raigrás só e 10 cunha mestura de veza, trevo e raigrás. A chuvia e o vento fixo algún destrozo, pero agardan coller un silo de herba de boa calidade. “Tirounos algo a auga, a que estaba máis grande, pero pensei que ía ser peor”, recoñece Antón.
12 hectáreas quedaron co millo na terra
A previsión de cara a sementeira do millo nesta explotación é chegar ás 85 hectáreas, que botan en todas as terras que son aptas para este cultivo. “Aquí é o que hai, terra pouca e hai que pelexarse por ela. Nós estamos muxindo neste momento 190 vacas e traballamos case 100 hectáreas; nesta zona non hai fincas dispoñibles”, admite.
O outono pasado víronse obrigados a deixar na terra 12 hectáreas de millo sen recoller, en fincas molladas nas que non daba entrado a maquinaria para ensilalas. Agora para preparar esas terras para volver sementarlles millo terán que triturar o que quedou do ano pasado.
“Pasarémoslle unha trituradora para que quede ben esparcido pola terra, despois fresaremos e araremos”, detalla Antón. Pensaron na posibilidade de facer unha falsa sementeira, triturando primeiro o millo vello e deixando nacer os grans que queden na terra, para despois queimar o cultivo cun pase de glifosato antes de facer a sementeira definitiva, pero non veu tempo nin sequera para iso e neste momento retrasaría moito a nascencia.
Xa estamos preparando as terras nas que non botamos herba, pero tampouco veu tempo ao xeito para labrar
Están valorando tamén facerlles a esas fincas algún sistema de drenaxe. “Temos 6 hectáreas nunha peza, pero non son nosas, son por renda. Agora mesmo ten un rego nada máis pero non chega a drenar o suficiente. Queriamos facer algún rego máis para que mellorara nese aspecto. Levamos xa 15 anos con esas fincas, desde que se xubilou o seu dono, e a nosa intención é seguir con elas. Están na parroquia do lado, en Crecente, moi cerca do río Magdalena, un afluente do Miño. O terreo é moi bo, produce moi ben, pero a parte pegada ao río é moi mollada e ten ese problema”, explica.
“Este ano queríamos botar o millo un poco antes pero tampouco veu tempo ao xeito. Xa estamos preparando nas terras que quedaron baleiras, nas que non botamos a herba, pero aínda non empezamos a labrar”, conta. O ano pasado usaron un ciclo 250 e desta volta terán que valorar se repetilo ou baixalo, en función de cando poidan sementar. “O millo ensilámolo todo dunha tacada e ten que vir todo xunto e a poder ser non moi tarde, para que non nos pase o mesmo que o ano pasado”, di.
Juanjo Fraga (Gandería Casa Barbeiro, Alfoz)
“Co mínimo laboreo aforramos moitos pases de maquinaria e non temos que deixar enxugar tanto a terra”
Juanjo Fraga, da Gandería Casa Barbeiro, con dúas granxas na Mariña en Lagoa (Alfoz) e Arante (Ribadeo), comezou a usar no 2023 un sistema para labrar o millo mediante mínimo laboreo que lle permite sementar sen ter que arar e fresar, o que evita varios pases de maquinaria e que a terra apelmace cando está mollada, como acontece nesta campaña.
Esta maquinaria, pioneira en Galicia, está composta por unha cisterna autopropulsada equipada con strep-till e sementadora que permite labrar directamente sobre a pradeira nunha única pasada e sen usar abono químico.
Este ano colleron máis fincas e a estimación que fan para esta campaña é labrar unhas 300 hectáreas de millo, todas con este sistema. “Choveu moito pero en canto veña un día bo a podemos sementar, porque non temos que arar. Entre hoxe e mañá arrincaremos”, explica Juanjo, enxeñeiro agrónomo de formación.
Empezamos normalmente cun ciclo 700 e despois cada 15 días baixamos 100 para que nos veña agrupado para ensilar todo xunto
Gandería Barbeiro xoga tamén moito cos ciclos do millo, en función do tipo de terra e o momento da sementeira. “Empezamos normalmente cun ciclo 700 e despois cada 15 días baixámoslle 100 para que nos veña agrupado para colleitar todo xunto. A nosa idea é que este mes de maio quedara todo sementado. En 15 días efectivos de traballo poderiamos ter todo labrado”, di.
Co sistema de cisterna con inxectores, strep-till e sementadora na mesma máquina logran aforrar tempo. “Sementamos entre 2,5 e 3 hectáreas por hora e dunha soa vez facemos todo. Aforras 3 pases: abonar, gradar e arar. Nós facemos todo cunha persoa soa e unha máquina soa”, destaca.
“No silo de herba buscamos sobre todo dixestibilidade”
Gandería Barbeiro ten aínda máis de 100 hectáreas de herba por ensilar. “Metemos unhas 170 hectáreas e quédannos 20 de prado natural e 110 de veza”, detallan. Labraron en total 200 hectáreas de veza con cereal, que ensilan a un so corte, e teñen tamén unhas 50 hectáreas de raigrás e 40 de prado natural, ás que fan dous cortes (fixeron o primeiro no mes de marzo).
“A herba collímola ben. O que segamos até agora tivo unha produción normal, porque tampouco veu calor nin para a herba nin para o cereal con veza. Agora ao subir a temperatura e haber humidade medra moito máis”, evidencia.
En canto á calidade, o prado natural e o raigrás ten bo resultado cortándoo con frecuencia e nas mesturas depende moito de como vaia o cereal. “Tivemos silos do 17% e outros do 15% pero nós buscamos sobre todo dixestibilidade, porque de nada nos serve ter proteína se a fibra non é dixestible, porque o que gañas por un lado pérdelo polo outro”, defende.
Luis Castro (Forxabar, Mazaricos)
“Nesta zona moitas explotacións non deron ensilado a herba aínda”
Forxabar, a planta de xestión de forraxes en común que a cooperativa de Gandeiros de Xallas e A Barcala ten en Mazaricos está a rematar a campaña de ensilado da herba para poñerse de cheo co millo.
“Traballamos de xeito moi intermitente este ano. Fixemos unha corta de limpeza en xaneiro e agora xa dúas cortas en abril no raigrás híbrido e na mestura de trevos, que é nas terras onde se rota co millo. Iso xa o temos todo collido”, explica Luis Castro, xerente das instalacións.
Este martes segaron o raigrás inglés e a pradeira permanente para ensilalo mañá. Son unhas 150 hectáreas. En total, contando o raigrás híbrido e as leguminosas teñen unhas 590 hectáreas de herba, das que dous terzos xa as teñen nos silos. “Se o mércores damos metido o corte de raigrás inglés non me queixo, porque tal como veu o tempo de inestable non contaba nin sequera ter esas 400 hectáreas xa metidas”, admite.
Hai moita xente que non meteu aínda as mesturas, que son as que corren máis risco de tirarse
Para apurar na recollida, traballaron con varias colleitadoras ao mesmo tempo nas cortas feitas o 24 e 25 de abril e o 28 e 29. “Choveunos un pouco o 25, pero a que se meteu o 28 e 29 ía espectacular”, destaca.
Nesta zona da provincia da Coruña “hai moita xente que non meteu as mesturas aínda e se non as colles no momento xusto acostuman tumbarse máis. No raigrás inglés é máis raro que tire”, indica.
900 hectáreas de millo
Forxabar conta botar este ano unhas 900 hectáreas de millo pero a campaña de sementeira leva retraso. “Traballamos con empresas de servizos contratadas, pero se están segando a herba non poden estar labrando”, argumenta Luis.
Traballamos de maneira moi intermitente este ano porque o tempo non deu tregua
“Nas fincas que había paradas ou nas que fixemos a primeira corta xa labramos, pero estase aínda empezando no resto”, admite. A cooperativa reforza con maquinaria dos socios algúns traballos para tratar de axilizalos. “Normalmente nós imos arando diante e agás o venres, que choveu bastante, seguimos arando”, explica.
Jorge Meiriño (Cooperativa Aira, Chantada)
“Este ano imos máis retrasados, pero até agora non se deron condicións para o millo”
Jorge Meiriño é técnico de Aira na zona de Chantada, onde o parque de maquinaria da cooperativa ten previsto botar preto de 1.500 hectáreas de millo. “Este ano imos xa tarde, pero até agora non houbo condicións. Empezamos un día pero despois xa houbo que parar”, di.
Jorge calcula que unha parte das 40 hectáreas que teñen botadas poderían ter problemas de nascencia. “Nas primeiras sementeiras vai haber fallos nunha porcentaxe grande, porque a temperatura do solo baixa e a humidade excesiva non lles axudou e pode que haxa que facer algunha resembra”, augura.
Nesta zona é importante labrar cedo; outros anos quedaba todo botado na primeira quincena de maio
Nesta zona o habitual é comezar cun ciclo 400 e ir baixando a medida que pasan as semanas até un 250 ou mesmo até un 200 ou un 180 para as resembras. “Outros anos quedaba todo labrado na primeira quincena de maio. O millo aquí é importante sementalo antes do 15 de maio porque son zonas areosas que despois no verán soportan mal a seca”, razoa.
O solo nesta zona do sur de Lugo é franco areoso, polo que “por moita humidade que haxa agora, retén pouca auga e non a garda para o verán. Serían boas dúas semanas de chuvias coma estas xusto antes da floración, pero non agora”, argumenta.
O ensilado da herba, tamén con retraso
A campaña de ensilado da herba estivo tamén parada pola inestabilidade climatolóxica. “O tempo non nos deixou acabar. Só se puido traballar forte unha semana. Foise facendo pero con retraso. Hai xente que non sementa millo e fai dúas cortas pero os que fan rotación con millo fan unha corta soa e dependen desa corta para poder labrar”, detalla.
A terra que quedou preparada encharcou máis e agora hai que esperar a que seque para labrar
O parque de maquinaria de Aira traballa con varias sementadoras e varios equipos combinados. “Hai xente que ten maquinaria e ara e pasan eles unha grada rápida e nós solo sementamos e outros casos nos que facemos nós todo cun equipo combinado”, explica.
“Hai terra preparada pero esa está aínda peor; agora hai que esperar a que seque. Esas fincas van estar paradas ata o día antes de labrar, ou até o mesmo día, no caso de ir cunha combinada traballando diante da sementadora”, di Jorge.