Ultímase a resolución das axudas para a gandería de carne, con novas queixas polas súas condicións

As organizacións agrarias insisten en pedir cambios nas bases reguladoras, publicadas hai dous meses

Ultímase a resolución das axudas para a gandería de carne, con novas queixas polas súas condicións

Os apoios previstos para a gandería de carne a raíz do aumento dos custos de produción, en especial dos pensos, están a piques de resolverse. Cando o Ministerio convocou as axudas, o 8 de xuño, estableceu un prazo máximo de 3 meses para a súa resolución e fixou como data límite para o pago ás granxas o 30 de setembro. Tanto a resolución como o pago corresponde ás comunidades autónomas. A Xunta aínda non publicou a resolución das axudas, pero sí a listaxe provisional de explotacións beneficiarias, polo que se espera que a resolución final e o pago das subvencións sexa inminente.

A concesión dos apoios é directa, en función do número de cabezas que teñan declaradas as explotacións na solicitude da PAC 2021, no caso do vacún de carne e do ovino – caprino. Para o caso das granxas de polos e de coellos, tense en conta a última declaración censal ó Rexistro de Explotacións Gandeiras.

Dado que a Xunta dispón de todos eses datos, no sector espérase unha resolución áxil. Trala convocatoria do Ministerio o 8 de xuño, Medio Rural publicou o 22 de xullo unha resolución na que concretaba a partida económica que recibirían as ganderías de carne galegas: 11,8 millóns de euros (7,9 de financiamento estatal e 3,9 da Unión Europea). O 28 de xullo publicou unha listaxe provisional de granxas beneficiarias e para os próximos días espérase a resolución final.

Bases
Tanto Unións Agrarias como o Sindicato Labrego están a aproveitar estes días para criticar novamente as condicións marcadas na convocatoria, pois consideran que os apoios que recibirán as ganderías galegas son insuficientes.

A orde ministerial estableceu un pago de 60 euros por vaca nodriza, 12 por becerro en cebadeiro, e 5 euros por cabra ou ovella; así como pagos para as granxas intensivas de polos e de coellos en función da súa capacidade, entre 600 e 4.800 euros no caso dos polos e entre 2.580 e 5.160 no caso dos coellos.

Apoios para as granxas de vacas nodrizas
Para Unións Agrarias, os apoios para as granxas de vacas nodrizas son insuficientes, pois considera que non se ten en conta o modelo galego, no que as granxas de vacas nodrizas ceban ós becerros na propia explotación. A organización defende que as granxas de vacas nodrizas teñen que cobrar pola vaca e polo becerro.

De tódolos xeitos, cómpre ter en conta que o pago por animal para as explotacións de vacas nodrizas (60 euros por vaca) é moi superior ó pago por becerro en explotacións de cebo (12 euros), polo que pode considerarse que hai unha certa compensación. Polo lado contrario, tamén se pode argumentar que hai certa discriminación entre as ganderías de vacas nodrizas que venden ó becerro cebado e aquelas que venden pasteiros, é dicir, xatos de 4-7 meses sen o cebado final; pois en ambos modelos van cobrar a mesma axuda por vaca.

Ovino – caprino
Doutro lado, o Sindicato Labrego e Ovica teñen prevista unha rolda de prensa hoxe en Lugo para criticar as bases reguladoras das axudas para as granxas de ovino e caprino, así como para as explotacións de vacún de carne.

En calquera caso, dous meses despois de que se teñan convocado os apoios, no sector considérase complicado que a estas alturas se vaian a modificar as condicións das axudas, que, cómpre lembrar, estiveran tamén a exposición pública antes da súa convocatoria.

Fe de erratas: O Fondo Galego de Garantía Agraria publicou o 28 de xullo unha lista provisional das granxas beneficiarias das axudas, cuestión que non se sinalaba na primeira versión da información.

Listaxe provisional de beneficiarios das axudas de vacún de carne

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información