RetraBio, un prototipo para aproveitar a biomasa, adaptado ó monte galego

O CIS-Madeira amosa as prestacións do seu equipo para o aproveitamento e triturado da biomasa forestal, nun acto para celebrar o 25 aniversario do centro de investigación. A máquina preséntase como unha alternativa para valorizar restos forestais que doutro xeito quedarían no monte e rendibilizar este proceso

RetraBio, un prototipo para aproveitar a biomasa, adaptado ó monte galego

Instante da demostración do funcionamento do RetraBio no monte rexenerado de piñeiro galego en Castrelo do Val (Ourense).

Un monte rexenerado de piñeiro galego de xeito natural foi o escenario escollido polo Centro de Investigación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia (CIS-Madeira) para amosar o funcionamento e as prestacións que ofrece o seu prototipo RetraBio, unha máquina deseñada para o aproveitamento da biomasa de xeito rendible. Con esta experiencia o CIS-Madeira puxo de novo a vista no potencial da biomasa nos montes galegos á par que iniciou os actos de celebración polo 25 aniversario do centro de investigacións forestais.

A demostración, realizada nunha parcela no monte veciñal en man común de Gondulfes e Marbán, no concello ourensán de Castrelo do Val, amosou a versatilidade deste prototipo ó proceder á apertura de espazos limpos de vexetación e arborado para o mantemento desta masa forestal de piñeiro. O emprego do prototipo RetraBio permite acometer os traballos de silvicultura precisos para o desenvolvemento axeitado dos piñeiros e á par aproveitar a biomasa. Trátase dunha máquina que substitúe ás tradicionais desbrozadoras e que ó mesmo tempo permite ir recollendo a biomasa que con outra maquinaria quedaría no solo sen outro aproveitamento.

“Estamos vendo como rendibilizar a biomasa desaprovietada no monte. Este aproveitamento vai xerar riqueza en Galicia”: Gonzalo Piñeiro, técnico en Xera e CIS-Madeira

“Se queremos descarbonizar a sociedade, necesitamos aproveitar a biomasa que ata o momento quedaba no monte. Aínda hai biomasa procedente de matogueiras ou rexenerados que polo de agora non teñen unha utilidade e un aproveitamento. Estamos vendo como rendibilizar eses materiais nun futuro”, explica Gonzalo Piñeiro, técnico da Axencia da Industria Forestal (Xera) e do CIS-Madeira, fondamente implicado no desenvolvemento deste prototipo. “O aproveitamento da biomasa vai xerar riqueza en Galicia”, reivindica.

O prototipo amósase como unha oportunidade para aproveitar a biomasa e, ó mesmo tempo, rebaixar os custes asociados, ó reducir o volume desta para o seu traslado. Polo momento, este prototipo é a única máquina en Galicia que logra obter biomasa de xeito directo xa no monte na propia parcela, sen trasladala a un punto de procesamento. O proceso de trituración ó que se somete a vexetación permite o seu aproveitamento con fins enerxéticos de xeito directo ou que esta biomasa se someta a unha segunda transformación, xa en fábricas, para a elaboración de produtos como os pélets.

Unha máquina para distintos escenarios

O RetraBio é un deseño que busca adaptarse á realidade e ás necesidades do monte galego. O prototipo foi creado  polo CIS-Madeira para o que contou co apoio da Xunta de Galicia. A máquina está formada por tres partes diferenciadas: un vehículo automotriz 8×8, semellante ó das procesadoras ou autocargadores forestais; un cabezal colleitador situado na parte dianteira e un contedor de carga da biomasa lozalizado na parte posterior do vehículo.

Nesta demostración de recollida de biomasa empregaron un cabezal para matogueira, pero este pode substituirse por outros cabezais en función do material a triturar. Así, o RetraBio é tamén unha opción para a valorización doutros tipos de biomasa como restos de podas en plantacións agrícolas coma o kiwi ou no viñedo. “O vehículo é totalmente hidráulico para poder ser versátil e adaptarse a calquera tipo de necesidade”, explica Piñeiro.

O RetraBio é un prototipo totalmente hidráulico para poder adaptarse a calquera necesidade e cunha potencia que permite o triturado e transporte da biomasa

Cunha potencia de 300 cabalos, o prototipo ten un motor térmico cunha caixa de distribución con tres saídas con cadansúa toma hidráulica: unha delas para o propio movemento do vehículo, outra parte das bombas emprégase para o funcionamento do triturador e o ventilador que aspira a biomasa e a terceira saída é para o resto de requirimentos da máquina. “É un equipo que pode fabricarse en Galicia e ata o momento non hai ningún semellante, con tanta potencia como para poder colleitar, triturar e transportar a biomasa”, detalla o técnico.

O contedor do Retrabio ten unha capacidade de 24 metros cúbicos o que equivale a entre 3 e 4 toneladas de biomasa de matogueira, unha cantidade que recolle nuns 20 minutos. O consumo sitúase entre 25 e 30 litros por hora para producir entre 7 e 9 toneladas de biomasa en matogueira, aínda que estas cifras varían en función do tipo de vexetación. Aínda que esta proposta é totalmente hidráulica, para o seu desenvolvemento comercial valórase unha alternativa mixta co que se podería conseguir un aforro de case o 20% no gasto de combustible, segundo apunta o técnico.

25 aniversario do CIS-Madeira

Con a demostración de recollida de biomasa realizada este martes, o CIS-Madeira iniciou os actos de celebración do 25 aniversario do centro de investigación situado en Ourense. Así, ó longo dos vindeiros meses farán un percorrido polas diferentes actividades nas que se estivo a traballar nestes anos.

“A biomasa foi un dos primeiros proxectos nos que se afondou no CIS-Madeira e o primeiro que queremos lembrar”, reivindicou Montserrat Rodríguez Ogea, directora de área de Xera. “Nestes primeiros proxectos do CIS destacou unha iniciativa singular na que se caracterizou, ó longo de toda a cadea de valor, a dispoñibilidade da biomasa, e a partir de aí desenvolvéronse diversos proxectos de innovación para ver como aproveitala, fose con fins enerxéticos ou novos bioprodutos nos que se está a traballar no centro”, recorda Rodríguez Ogea.

O CIS-Madeira inicia os actos de celebración do 25 aniversario redordando a importancia do aproveitamento da biomasas forestal e agraria e as oportunidades que pode xerar en Galicia 

Algúns dos proxectos nos que actualmente se está a traballar no CIS-Madeira é o desenvolvemento de novos produtos aproveitando a recollida de restos vexetais forestais e agrícolas para o que o desenvolvemento do prototipo RetraBio resultou fundamental, ó proporcionar unha alternativa para obtención de biomasa.

Nesta liña de innovación, o CIS-Madeira está a investigar tamén o desenvolvemento de composites, a base de combinar madeira e plástico, demandados xa en sectores como a automoción e que permiten un aforro de plástico e mellorar as prestacións ó incorporar a madeira.

José Ignacio Lema Piñeiro e Francisco Conde xunto con outros asistentes á demostración de recollida de biomasa.

José Ignacio Lema Piñeiro e Francisco Conde xunto con outros asistentes á demostración de recollida de biomasa.

A transición ecolóxica, unha oportunidade para o monte galego

Esta demostración de recollida de biomasa, a modo de conmemoración do 25 aniversario, contou coa participación do vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, que destacou o compromiso da Xunta por dar valor engadido ó sector forestal galego a través do impulso á biomasa.

“Galicia ten, a través da biomasa, unha oportunidade para liderar a transición ecolóxica”, salientou Conde durante a demostración, ó tempo que recoñeceu o compromiso do CIS-Madeira coa I+D+i e coa transferencia dese coñecemento á industria para dar maior valor engadido ao sector forestal galego.

O vicepresidente económico subliñou ademais que Galicia reúne tódalas condicións para avanzar nunha transición ecolóxica xusta onde o sector forestal ten que ter un papel protagonista. “Galicia vai seguir traballando a través dos fondos europeos Next Generation, coa visión de que o sector forestal siga xerando valor engadido e, sobre todo, emprego”, indica.

“Galicia vai seguir traballando a través dos fondos europeos Next Generation, coa visión de que o sector forestal siga xerando valor engadido e, sobre todo, emprego”, Francisco Conde, conselleiro de Economía

Nesta liña, Conde destacou proxectos como a creación dunha fábrica de fibras téxtiles a partir da madeira e de residuos celulósicos, con capacidade para producir 150.000 toneladas ao ano. Tamén incidiu na aposta da Xunta por impulsar o sector forestal coa Estratexia de Impulso á Biomasa (2021-2025), coa que fomentar a eficiencia enerxética ó contribuír a implantar esta fonte de enerxía alternativa nos fogares e edificios públicos de Galicia. De feito, segundo apuntou, en 6 anos instaláronse 7.000 caldeiras que mobilizan 80 millóns de euros e xeráronse máis de 700 empregos.

Ó acto, condicionado polas limitacións actuais da pandemia do coronarivus tamén asistiron entre outros, o director da Axencia da Industria Forestal (Xera), José Ignacio Lema, así como Francisco Álvarez, presidente do novo Clúster da Biomasa, creado hai pouco máis dun mes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información