Retos para o futuro do viño en Galicia: Falan 7 expertos

O I Encontro do Viño Galego Revera Vinum congregou este xoves nun debate a 7 expertos para abordar os desafíos do sector. Todos coinciden en que o viño galego ten un futuro moi prometedor pero tamén importantes desafíos por diante. Son estes....

Publicidade
Retos para o futuro do viño en Galicia: Falan 7 expertos

Imaxe da mesa de debate celebrada en Santiago de Compostela

O sector do viño galego é un exemplo de éxito na creación de valor e dun produto diferenciado. Proba diso é que cada vez son máis os grandes grupos adegueiros foráneos que invisten na comunidade, atraídos polas boas expectativas de mercado dos viños galegos, en especial dos brancos.

Para detectar cales son os principais desafíos aos que debe enfrontarse o sector, o I Encontro do Viño Galego ?Revera Vinum congregou este xoves en Santiago de Compostela nun debate baixo o título Que queremos ser? Ou futuro do viño en Galicia, a 7 destacados representantes do sector: Juan Manuel Casares Gándara, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro; Alberto Nanclares, viticultor rioxano asentado desde fai trinta anos na Denominación de Orixe Rías Baixas; Xosé Lois Sebio, enólogo; Juan Vázquez, director da adega cooperativa Martín Códax, un dos buques insignias da DO. Rías Baixas; Ana Méndez, xerente de Galicia Calidade e aos enólogos Guillermo Cruz e Eva Pizarro.

O debate, moderado polo tamén catador e distribuidor de viños, Alberto Varela, analizou varios bloques temáticos: valoración da situación actual; cambios normativos; xestión do viñedo e da adega e mercadotecnia.

Este é un resumo das achegas dos distintos participantes:

1) Situación e perspectivas do sector do viño galego:

-Alberto Nanclares, viticultor da DO. Rías Baixas: “O mercado do viño a nivel mundial busca viños máis frescos, elegantes e gastronómicos, con máis personalidade. Neste panorama Galicia está moi ben situada pola súa riqueza de variedades autóctonas de vide, riqueza de microclimas e de terruños”.

“Os grandes retos son profundar no coñecemento das nosas variedades e terreos, así como camiñar cara a unha viticultura e unha enoloxía máis sustentables. O terceiro reto sería trasladar ese maior valor do viño galego ao prezo que se paga pola uva, para atraer xente nova á viticultura”, subliñou.

-Guillermo Cruz, enólogo: “Hai moi poucas zonas en España con tantas variedades autóctonas de vide, e Galicia é a única comunidade onde as variedades foráneas non están permitidas nas distintas Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas. Conta ademais cuns solos, uns microclimas e un estilo que reflicte a paisaxe. Sodes afortunados de contar con isto”.

-Xosé Lois Sebio, enólogo: “O sector vitivinícola galego está a camiñar cara a un modelo polarizado con grandes adegas, que compiten máis por volume, e por outro pequenas adegas con viños moi diferenciados e de alto valor. Os que queden no medio, como viticultores de fin de semana, van desaparecer”.

“Creo tamén que non podemos vender variedades de cara ao exterior, como xa se fixo coa albariño ou a godello, porque se poden cultivar fóra de Galicia como xa se está facendo. Pola contra, temos que pór en valor os nosos territorios, vender identidade”, subliñou.

-Juan Manuel Casares, presidente do consello regulador da DO Ribeiro: “O sector do viño galego vive un momento doce que temos que aproveitar”.

 Juan Vázquez (Martín Códax): “O consumidor a nivel internacional quere viños brancos e frescos, como os que producimos en Galicia”

– Juan Vázquez, director da adega cooperativa Martín Códax: “O consumidor a nivel internacional quere viños brancos e frescos, como os que producimos en Galicia. Cando as grandes adegas veñen investir aquí por algo será”.

-Eva Pizarro, enóloga: “Para os catadores Galicia é un tesouro polas súas variedades, territorio e discurso e ao cliente final temos que darlle a coñecer a diversidade dos viños galegos”.

2) Normativa: Que hai que cambiar nos consellos reguladores das DO´s e IXP´s vitivinícolas galegas?

-Juan Casares (DO. Ribeiro): “Creo que o sistema de Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas co que contamos no sector do viño é o menos malo dos sistemas coñecidos. No caso do Ribeiro contamos cunha DO, desde o ano 1932 pero alá por 1579 xa o concello de Ribadavia preocupouse de regular o viño do Ribeiro, para garantir a orixe e loitar contra as falsificacións. Iso si, creo na reforma continua dos pregos de condicións das Denominacións de Orixe para adaptarse a unha realidade que é dinámica”.

En canto a se é necesaria unha Denominación de Orixe ou similar de carácter galego para mellorar a comercialización exterior, Juan Casares asegurou que “non creo nunha DO de Viños de Galicia pero si en aproveitar o paraugas de Galicia Calidade para vender no exterior, pero a condición de que cada unha das DO´s e IXP´s galegas poidan garantir a súa personalizade propia”.

Juan Casares (DO Ribeiro): “Preocúpame a estandarización dos viños galegos debido aos paneis de cata acreditados por ENAC”

“A nivel normativo -engadiu-, preocúpame máis a estandarización dos viños galegos que poidan vir polos paneis de cata, debido ao requisito de que deben estar acreditados por ENAC e cumprir unhas regras ISO, máis pensadas para produtos industriais que para este sector do viño”.

En canto ao debate entre pequenas e grandes adegas ou entre pequenos viticultores e grandes adegas, Juan Manuel Casares mostrouse claro: “Na miña opinión persoal é un debate artificial porque as dúas son necesarias e compleméntanse, de forma que os grandes, pola súa capacidade, abren mercados dos que logo se benefician tamén as pequenas adegas. O problema é que hai produtores aos que lles interesa alimentar ese debate por motivos empresariais e persoais”.

-Alberto Nanclares (viticultor): “O labor das Denominacións de Orixe foi fundamental, pero creo que sobra unha definición tan estrita do produto, que leva a que se descarten viños que, curiosamente, logo o mercado valora moito. Dáme pena que non sexan capaces de integrar dentro das DO´s eses viños tan persoais”.

-Juan Vázquez (Martín Códax): “Os consellos reguladores están para garantir a orixe e que os ´malos´non fagan cousas raras e esnaquicen o que custou tanto tempo lograr. No caso de Rías Baixas o Consello Regulador é flexible e de feito incorporou novas variedades, como a ratiño, e con anterioridade empezou a amparar os viños espumosos”.

REVERA VINUM 3

3) Hai que clasificar os viñedos en Galicia segundo a súa calidade?

-Xosé Lois Sebio (enólogo): “A nivel normativo non ten sentido en Galicia que para os viños que non están dentro dunha DO ou IXP se lles prohíba pór na etiqueta que están elaborados con Albariño, Godello ou Treixadura, cando se vas a León ou a Portugal si se pode facer. É unha competencia en situación de desvantaxe”.

Así mesmo, mostrouse a favor dunha clasificación dos viñedos segundo a súa calidade produtiva, tal e como sucede nas DO´s francesas máis prestixiosas ou en Alemaña. “Iso teríao que facer a administración, na Rioxa fíxose e no Bierzo está a empezarse a realizar”, asegurou.

-Guillermo Cruz (enólogo): “Clasificar o viñedo pola súa calidade ten todo o sentido en Galicia, onde non hai grandes producións e pode axudar sobre todo para a comercialización no mercado internacional. Se hai unha Comunidade de España onde tería sentido clasificar as leiras de viñedo segundo a súa calidade é en Galicia”.

Guillermo Cruz (enólogo): “Clasificar o viñedo pola súa calidade ten todo o sentido en Galicia”

-Ana Méndez, xerente de Galicia Calidade: “Creo que case todas as adegas galegas xa están a elaborar viños de parcela, separando a uva non só por variedade senón tamén polo terreo, co que xa lle damos un valor económico diferenciado. Hai un interese nas propias adegas na diferenciación a nivel de parcela”.

-Juan Vázquez (Martín Códax): “En Galicia, debido ao minifundio e á orografía véxoo moi difícil porque en sitios moi próximos pode haber unhas diferenzas de calidade moi grandes. Creo que é un modelo ao que chegamos tarde. Ademais o cambio climático tamén está a cambiar a aptitude das parcelas: Nas zonas altas onde antes se consideraban máis aptas para o viñedo agora madura peor pola tensión hídrica e térmica, e pola contra nas zonas máis de val lógranse mellores maduracións”.

4) Cambios no etiquetaxe das botellas: Menos é máis

-Guillermo Cruz (enólogo): “Nas etiquetas das botellas menos é máis, porque o exceso de información penaliza ao viño”.

-Xosé Lois Sebio (enólogo): “A imaxe e o packaging son fundamentais á hora de chegar aos clientes. É mellor incluír menos información e engadir un código QR con ligazón á páxina web da adega para aqueles clientes interesados en máis información”.

Por último, todos os relatores valoraron positivamente a chegada de grandes adegas foráneas a Galicia. “Debería ser un motivo de orgullo para Galicia e é a proba de que aquí as cousas no sector estivéronse facendo moi ben”, destacou a enóloga Eva Pizarro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información