Resumo dos Encontros Gandeiros de Xundeva: Últimos avances en control de Ectoparásitos, EHE ou febre Q

A ADSG Xundeva celebrou o pasado xoves unha nova edición na que abordaron temas como a febre Q, que ten alta prevalencia en Galicia, ou como xestionar os ectoparásitos

Resumo dos Encontros Gandeiros de Xundeva: Últimos avances en control de Ectoparásitos, EHE ou febre Q

Mesa de clausura da edición coas autoridades

Lalín acolleu o pasado xoves a 19ª edición dos Encontros Gandeiros da ADSG Xundeva. Contou coa presenza de diferentes expertos que abordaron temáticas coma o control da EHE, problemáticas da febre Q, o benestar animal ou o impacto económico dos ectoparásitos. O encontro estivo presidido polo presidente da ADSG, Arsenio Presas Campos, e foi clausurado polo presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López Diéguez, e o concelleiro de Medio Rural do Concello de Lalín, Marcos Mariño García.

O presidente da Deputación destacou na súa intervención a importancia do sector na provincia e, en especial, na Comarca de Deza. Así mesmo, indicou que a liña de subvencións a cooperativas agrogandeiras en 2025 increméntase nun 40 % até alcanzar os 350.000 euros.

Antonio Jiménez Rodríguez  “En 2024, o 60 % de explotacións foron positivas á febre Q en Galicia”

antonio jimenez ceva xundeva
O técnico de Vacún en Ceva Sanidade Animal, Antonio Jiménez Rodríguez foi o encargado de abrir os encontros cun relatorio centrado nos problemas e o control da febre Q en gando bovino. Trátase dunha enfermidade infecciosa producida por Coxiella Burnetii, que afecta a moitas especies de animais e tamén aos humanos, “por iso falamos dun problema de saúde pública a nivel mundial”. Aínda que é pouco coñecida, en vacún causa problemas reprodutivos importantes.

Esta enfermidade entra nas células da vaca e a Coxiella infecta os macrófagos no endometrio, o que explica algunhas endometrites ou infertilidades. “Outra maneira na que produce problemas é a nivel da placenta”, que leva a unha placentite, o que explica que ás veces haxa un parto anormal ou que poida ter unha retención de placenta ou un complexo ASPW (abortos, nados mortos, mortalidade perinatal ou becerros débiles).

Jiménez mostrou un estudo realizado en 260 granxas de Pontevedra, Lugo e A Coruña. Clasificaron as granxas positivas e negativas a ELISA no seu tanque. Nas granxas positivas tiñan tres puntos menos de media en canto a taxa de concepción global e taxa de concepción a primeira inseminación artificial (IA).

A prevalencia a nivel mundial é do 38 % a nivel de explotación (2011). En España, o 93,7 % de explotacións teñen polo menos un animal positivo en vacas de carne en sistemas de devesa (2012). En 2024, o 60 % de explotacións eran positivas en Galicia.

En canto ás medidas a ter en conta para saber se hai problemas de febre Q, destacou algúns datos: Retención de placenta >8 %; endometrite >15 %, taxa de concepción< 30 %; perdas temperás de xestación >10 %; taxa de abortos >5 % e mortalidade perinatal > 5 %. “Se están eses valores fóra do que nos gustaría, pódese incluír a febre Q no panel de diagnóstico”.

Polo que respecta ás medidas, o primeiro a ter en conta, aínda que o máis complicado, é un control de entrada de animais infectados na explotación e valoración custo/beneficio do sacrifico de animais excretores. Tamén dispor de locais para partos separados e fáciles de limpar; ademais do uso de luvas desbotables nas manipulacións obstétricas e considerar fetos e placentas como material de risco. Tamén realizar unha desinfección do local despois do parto.

Tamén puxo de manifesto a importancia da vacina, “que se a aplicas de maneira correcta conseguirás unha redución da enfermidade nas vacas”.

Enrique Ruiz: “É necesario aplicar tratamento con repelentes e medicamentos para facer un control dos Culicoides”

enrique ruiz zotal xundeva
Enrique Ruiz, director de I+D+i de Laboratorios Zotal, abordou o control de vectores de EHE en explotacións gandeiras. En concreto, falou dos culicoides, “dos cales temos pouca información”. Destacou que “non son moscas nin mosquitos e teñen un tamaño de 1 a 3 mm”. Están vinculados á transmisión de enfermidades como a peste equina africana, a Lingua Azul, a EHE ou a febre efémera bovina, entre outras moitas.

Puxo o foco na temperatura, que aguantan graos que van dos 13 aos case 40 graos centígrados, en función da especie. “Non necesitan corpos de auga estancada, pero poden criar perfectamente en medios acuáticos”. O que buscan é humidade alta e materia orgánica en descomposición.
“Pódense atopar en dúas áreas diferenciadas: na nave e na súa contorna ou no prado”. Aínda que a crenza é que en pradarías salvaxes haxa máis posibilidade de poboación, “a realidade é que teñen baixa”.

En canto ás medidas de control estruturais, é dicir de deseño, é Ruiz destacou empregar materiais de construción adecuados, ordenamento dos parques, naves pechadas/abertas, evacuación de residuos e localización do estiércol almacenado. En referencia ás de manexo, incidiu na separación de animais infectados, rotacións de pasto, estabulamiento de animais pola noite, tratamento de animais e da contorna e instalacións. “Neste sentido, hai que destacar que o estabulamento polas noites só é efectivo se as condicións de limpeza e tratamentos insecticidas do cortello son bos”.

Para os tratamentos das instalacións, recomendou piretroides sintéticos, que mostran grande eficacia fronte a culicoides e son persistentes. “As moléculas como a deltametrina ofrecen capacidade de repelente polos que poden dificultar a entrada reentrada de insectos na instalación”. Outras moléculas de interese son a cipermetrina, a alfacipermetrina, a permetrina, o etofenprox e a flumetrina. Estes actúan en contacto e deben aplicarse nas zonas correctas. O uso de repelentes pode variar o comportamento desde poucos minutos até días.

Tamén valorou o transporte dos animais e recalcou que os “vehículos deben ser desinfectados cun insecticida rexistrado como praguicida de uso gandeiro ou biocida con autorización específica para produción animal”.

Miker Imaz Cabanas: “Non somos capaces de calcular as perdas que nos produce un ectoparasito na nosa produción, pero pódese intuír”

Para abordar o impacto económico dos ectoparásitos interveu Miker Imaz Cabanas, responsable de Mercadotecnia e Servizo Técnico de animais de produción en Laboratorios Virbac. “Estes parasitos normalmente afectan directamente aos nosos animais”, afirmou.

Destacou algúns deles como as garrapatas, as pulgas ou a sarna, pero puxo o foco “nos culicoides, que son os grandes protagonistas dos últimos tempos”. Logo de facer un repaso polas diferentes enfermidades e danos que provocan algúns destes ectoparasitos nas gandarías, centrouse no custo económico do cal indicou que “non somos capaces de calcular as perdas que nos produce un ectoparásito na nosa produción, pero pódese intuír”.

Unha clasificación do custo económico divídese en perdas directas, como pode ser a mortalidade e os sacrificios forzados, e perdas indirectas, que estarían relacionadas coa produción ou perdas de peso nos animais. “Estas últimas poden ser difíciles de calcular, xa que poden estar causadas por outros problemas”.

Falou de perdas na cantidade e a calidade de leite. Por exemplo, observaron que coa EHE presente, a caída pode ser dun 15-50 % durante varias semanas. Isto leva a que unha redución dun 30 % nunha vaca que produce 25 litros diarios, podería xerar unha perda de 7,5 litros/vaca.

Para investigar como afecta á produción, realizou un pequeno estudo nunha gandaría para calcular o leite que producen nos picos de lactación durante os primeiros 90 días. Colleron unha mostra de 100 novillas e dividíronas nun grupo control con 50 novillas e outro con outras tantas. “O que observamos é unha diferenza 2 kg de leite en pico de lactación, que produciron a maiores o grupo vacinado con deltrametina”. Imaz detallou que se perde moito diñeiro en protocolos de produción e só para gañar medio punto en taxa de preñez, pero, por exemplo, non nos damos conta de que se gaña máis con ter aos animais desparasitados. Na fertilidade coa EHE é evidente, ?as vacas afectadas poden ter dificultades para volver a ciclar e o custo dun aborto ou un atraso en concepción pode ser de 500 a 1.000 euros por vaca afectada; é unha barbaridade?.

Isabel Branco Penedo: “Se non temos en conta as accións de manexo, poderanse xerar reaccións negativas no comportamento dos animais e mesmo problemas de rendemento”

O benestar animal tamén foi unha das temáticas que se abordaron nos Encontros, nesta ocasión da man da investigadora Isabel Branco Penedo. A profesional fixo fincapé na importancia que ten este aspecto para as gandarías e explico que “se pode medir a través de varios indicadores”.

Algúns dos aspectos que hai que ter en conta son, por exemplo, coidar o comportamento grupal, “porque é importante para a intelixencia experimental dos animais; como seres sociais, necesitan unha estrutura de grupo”. Outro aspecto é que, se un animal está enfermo “o máis normal é separalo”, pero iso implicará un estrés”, por iso incidiu en revisar os patóxenos implicados.

“Realmente, cando temos problemas de benestar, observamos perdas de animais e mortes en granxa. Baixamos a eficiencia técnica e podemos chegar a perder produtividade e minguar a calidade de produto. Tamén aumentamos os custos de produción, ademais de pór en risco a vida dos propios traballadores”, subliñou a investigadora.

Durante a exposición incidiu en temas como os comederos ou bebedoiros, “que debe haber os suficientes para que non haxa competitividade e cáusense tensións aos animais”. Tamén o espazo do que dispoñen para o descanso ou a limpeza, así como os períodos de transporte. Para conseguir ofrecerlles o maior benestar, incidiu en coñecer ben ao animal. Ter en conta como ven ou escoitan é fundamental para adaptarlles os espazos a esas condicións.

Recalcou a importancia de ter en conta que se está traballando con animais “e non con máquinas”. Por iso, as condicións ás que sexan expostos provocarán que os animais se teñan que adaptar, “por iso é necesario ofrecerlles o máximo benestar”. Concluíu afirmando que, “se non temos en conta as accións de manexo, poderanse xerar reaccións negativas no comportamento dos animais e mesmo problemas de rendemento”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información