Resultados por comarca da colleita de millo 2018 en Galicia

As altas temperaturas rexistradas no final da campaña condicionaron en boa parte de Galicia a colleita de millo forraxeiro. En xeral, o rendemento foi superior ó agardado. Analizamos os resultados nas principais comarcas gandeiras

Resultados por comarca da colleita de millo 2018 en Galicia

A colleita de millo resentiuse pola calor do mes de outubro

A campaña de ensilado do millo, a principal forrraxe para o gando vacún de leite en Galicia, apura os últimos días de colleita. Cando boa parte dos gandeiros e cooperativas xa remataron de preparar os seus silos, a valoración xeral é que esta campaña acadáronse uns rendementos superiores ao agardado, a pesar de que as inclemencias meteorolóxicas nos meses de primavera obrigaron a retrasar a sementeira e condicionaron tamén a elección dos ciclos. Nalgunhas zonas, o rendemento foi incluso maior ó dos últimos anos.

A vaga de calor rexistrada a mediados deste mes de outubro foi outro dos factores determinantes desta campaña. Así, as altas temperaturas limitaron os rendementos do millo, apurando a seca da cana, nalgúns casos, coa espiga sen completar os ciclos.

Facemos un repaso dos resultados da campaña nalgunhas das principais comarcas gandeiras de Galicia:

A Mariña-Terra Chá: “Uns rendementos medios de 40 toneladas por hectárea”

O responsable da Área de Cultivos e Mecanización da Cooperativa Os Irmandiños, Santiago Sousa, dá case por rematada a campaña esta mesma semana na zona da Terra Chá e na Mariña.

“Creo que imos quedar nunha media dunhas 40 toneladas de materia húmida por hectárea”, comenta, aínda pendente das últimas estimacións. Nos últimos anos o rendemento medio situábase en torno ás 38 toneladas polo que danse por satisfeitos cos resultados da campaña, aínda que ó comezo do ensilado lograran incluso unha media de 42 toneladas. “Baixou un pouco nestes últimos días, pero en xeral cremos que é un rendemento bo para o que se agardaba este ano e para a zona”, concreta Sousa.

Pendentes aínda das analíticas definitivas, as perspectivas son de acadar tamén unhas boas calidades do silo.

Xallas e A Barcala: “Non había mazarocas como outros anos”

Nas comarcas do Xallas e da Barcala, na provincia da Coruña, a campaña dáse por rematada. Adrián Cundíns, técnico de Forraxes de Forxabar, onde este ano sementaron unhas 700 hectáreas de millo, apunta que se lograron uns rendementos medios de entre 41 e 42 toneladas de materia húmida por hectárea.

Estas cifras supoñen unhas 5 toneladas menos que o recollido na campaña do ano pasado. “Este ano o último tramo da campaña foi desastrosa, con moita calor e moito vento o que fixo que o millo non rematase de completar as mazarocas, que é onde realmente está o peso”, comenta.

A falta de analíticas concluíntes que o confirmen, a previsión é de que non alcancen grandes valores de amidón nos silos ó non acabar de formarse as espigas pese a contar con boa cantidade de forraxe, o que propiciou silos máis abundantes. “Había gran cantidade de palla, déronse plantas moi altas e boas, pero o millo quedou a medias e non había mazarocas coma outros anos”, apunta.

Ademais do calor, o retraso da sementeira puido motivar tamén esta redución de rendementos. “Fíxose que se optase máis por ciclos máis curtos e os ciclos longos non conseguiron acadar todo o seu potencial o que tamén se notou á hora dos rendementos”, conclúe.

O Deza: “Colleita mellor á dos últimos anos, cunha media do 32% de amidón”

Na zona central de Galicia e unha das principais comarcas leiteiras, no Deza o calor e o vento dos últimos 15 días da campaña tamén apurou a colleita máis do agardado. “Unha porcentaxe importante foi algo máis seco do desexable”, explica Anxo Escariz, técnico agrónomo da cooperativa Cobideza que colleitou con maquinaria propia arredor de 500 hectáreas na zona.

A media por hectárea situouse arredor das 40 toneladas de materia húmida “Á marxe dese calor dos últimos días os rendementos foron bastante bos, a media foi máis alta que a de anos pasados”, comenta.

Nesta cooperativa deron por rematada a campaña esta mesma semana e contan xa cos primeiros datos das analíticas realizadas en verde. Rexistraron unha porcentaxe de Materia Seca de entre o 30 e o 35% e arredor do 32 ou 33% de amidón, o parámetro máis indicativo do valor enerxético do silo do millo.

Nesta campaña a cooperativa tamén adquiriu, a través dun convenio con agricultores da comarca ourensá da Limia, unhas 2.000 toneladas de millo. “Nesta zona estamos limitados pola superficie agraria útil e este convenio permítenos liberar superficie para dedicar á plantación de raigrás. Este ano foi a modo experimental, pero moitos socios quedaron satisfeitos e xa demandan máis cantidade para o ano”, apunta Escariz.

Ademais, a elevada incidencia dos ataques do xabarín nas plantacións de millo no Deza tamén está a condicionar que moitos gandeiros opten por outras alternativas.

Lugo Centro: Unha campaña moi irregular, pero con mellores resultados nas terras altas

Nos concellos do centro da provincia de Lugo como Friol, Guntín, a campaña está case finalizada, apenas quedan fincas por ensilar. As que restan son aquelas nas que optaron por ciclos máis longos ou zonas nas que os primeiros fríos de outubro non lle están a afectar ó desenrolo do millo.

A campaña foi moi irregular nesta zona como explica Rocío Cabado, técnica de cultivo da cooperativa Agris (Aira). “En xeral, non foi tan bo como o do ano pasado pero foi bastante aceptable e mellor do que se agardaba nun principio”, comenta. A campaña foi tamén moi irregular nestas zonas. “A meteoroloxía da primavera e de comezos de verán e o atraso da sementeira fixo que fose moi irregular incluso nas mesmas fincas”, detalla.

As altas temperaturas polo día e o descenso polas noites rexistradas a mediados deste mes de outubro tamén fixeron acelerar o ensilado aínda que o millo non estaba completamente desenrolado. “De súpeto, nunha semana quería recoller todo o mundo. Nalgúns casos o millo non estaba no punto óptimo cando se recolleu pero o frío estaba xa a serlle máis prexudicial do que o beneficiaba o tempo madurando na leira”, explica.

En zonas da Terra Chá e do concello de Pol, remataron a campaña xa hai máis de dez días. María Rivera, tamén técnica de cultivo desta mesma cooperativa, indica que os resultados non foron tan bos como os de outros anos pero, “en xeral os gandeiros están moi satisfeitos ca campaña do millo”, comenta. A colleita foi especialmente boa nas zonas de montaña, onde a seca de setembro e outubro non se notou e tanto a cantidade como a calidade en canto a fibra e amidón está a ser moi boa. Lograron uns rendementos de entre 40 e 50 toneladas de materia húmida por hectárea. Pola contra, nas zonas da Terra Chá, houbo algunhas fincas nas que tamén afectou a seca dos últimos días de campaña.

Sur de Lugo: Un 30% máis de rendementos que o ano pasado 

Nas zonas do sur de Lugo, apenas queda xa millo por ensilar. O rendemento desta campaña foi case un 30% superior ó do ano pasado, alcanzando unha media de arredor das 40 toneladas de materia húmida por hectárea, segundo explican dende o servizo agronómico da cooperativa Icos (Aira).

Pendentes de analíticas, agardan que as calidades tamén sexan boas xa que “estaba en moi boas condicións. Tiña moi boa rama e os pesados que se fixeron das espigas tamén foron bos”, recordan. Nesta zona a campaña foi unha das mellores dos últimos anos segundo apuntan dende a cooperativa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información