Resultados das poxas de Rubia Galega en Sarria e Cervantes

Resultados das poxas de Rubia Galega en Sarria e Cervantes

O recinto gandeiro de Sarria acolleu esta mañá a poxa máis exitosa de cantas leva celebradas a Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, Acruga, no que vai de ano. As altas cotizacións que lograron as tres xovencas  presentadas á poxa arroxaron unha nova marca, no que a prezo medio se refire, até alcanzar os 2.833 euros.

A venda das tres xovencas de 25 e 26 meses de idade, e preñadas de 5 e 6 meses, lograron un récord en canto ao prezo medio, que se situou nos 2.833 euros. A primeira das xovencas, adxudicouse en 2.850 euros e os dous seguintes exemplares, en 2.800 e en 2.850 euros. Dáse a circunstancia de que tanto a primeira das xovencas poxadas, como as dúas seguintes, irán parar a dúas explotacións de Láncara, un dos concellos lucenses nos que hai unha maior presenza de rubia galega.

O presidente de ACRUGA, César Dorado, sinalou ademais que “estar presente nunha feira como o San Isidro, coa exhibición duns 40 exemplares de Raza Rubia Galega tamén serve para dar promoción á raza, que é outro dos nosos obxectivos, polo que agradecemos ao alcalde de Sarria a súa petición para realizar a poxa e estar presentes na exhibición de razas. Ademais, contamos coa presenza da conselleira de Medio Rural, María José Gómez, o que tamén supón un apoio aos gandeiros e gandeiras que integramos esta asociación”.

Media de 2516 euros na poxa de Cervantes

O sábado tamén se celebrou unha poxa de tres xovencas preñadas en Cervantes, como parte do programa de actos da cuarta edición da Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña, na que logrou adxudicar os animais cun prezo medio de 2.516 euros. A primeira das xovencas foi a que obtivo a maior cotización da poxa, xa que se adxudicou en 2.850 euros, un dos prezos máis elevados no que vai de tempada.

Do mesmo xeito que o resto, trátase dunha xovenca do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo, de 28 meses de idade e preñada de outubro do pasado ano, con xenealoxía de Gayoso AG, un dos sementais máis destacados do catálogo de Acruga. Adquiriuna unha gandeira de Cervantes, que tamén levou a segunda poxa da mañá, por un prezo de 2.400 euros.

O terceiro exemplar adquiriuno un criador de Navia de Suarna, por un prezo de 2.300 euros. En total houbo 14 cartóns, de gandeiros e gandeiras de dez municipios lucenses.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información