A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (ACRUGA) estivo hoxe moi presente na Feira da Tenreira Galega, celebrada na Pobra de San Xillao, en Láncara. Como é habitual, Acruga participou na exposición, coa presenza de 75 excelentes exemplares da raza, pertencentes a algunhas das ganderías e explotacións máis premiadas da provincia de Lugo.
Ao mesmo tempo, e por segundo ano consecutivo, Acruga celebrou unha poxa de xovencas preñadas da granxa Gayoso Castro. Os tres animais vendéronse ao prezo de 2.700 euros, é dicir 400 euros por encima do prezo de saída.
No que respecta ao concurso, 75 exemplares dalgunhas das ganderías máis destacadas e premiadas da provincia, competiron para facerse con algún dos premios nas distintas categorías. Destaca a explotación de José Antonio Ferreiro Palacios, situada no Corgo, que gañou tres primeiros premios en tres das seis categorías totais. Esta gandería do Corgo venceu nos apartados de crías de 0 a 10 meses; xatas de 11 a 24 meses; e vacas maiores de dous anos. Curiosamente, a primeira posición nas tres categorías restantes foron para a gandería Da Morena, de Friol, que cos seus exemplares logrou a primeira posición nas categorías de xatos de 11 a 24 meses; sementais de máis de dous anos e mellor lote.
Os podios nestas tres categorías completáronse con tres segundos premios para a gandería de Manuel López Quiroga, de Samos, que logrou esta segunda posición en categorías como a de sementais e que tamén conseguiu dous terceiros premios. Pola súa banda, a gandería Santalla, tamén do municipio do Corgo, obtivo un total de catro premios, mentres que a explotación de Javier Santalla Prado fíxose co segundo posto en xatos de 11 a 24 meses.
En total, no concurso tomaron parte uns 75 exemplares, entre crías, xovencas, xatos, vacas paridas e sementais, pertencentes a cinco ganderías do Corgo, Samos e Friol.
Próximas poxas de ACRUGA
O próximo día 11 poderanse adquirir exemplares de rubia galega na feira de Cervantes, mentres que un día despois, está programada unha nova poxa no recinto feiral de Sarria. Ademais, para o 17 de maio, Acruga ten programada a súa participación nunha feira que cada ano gaña enteiros e na que os exemplares de rubia galega adoitan lograr altas cotizacións, como é a poxa de O Courel.