Resultados da poxa de Rubia Galega celebrada en Adai

Resultados da poxa de Rubia Galega celebrada en Adai

O recinto gandeiro de Adai, no Corgo, volveu ser un referente para a rubia galega a pesar de acoller unha poxa con menos animais dos habituais, que non impediron os bos prezos e a alta participación. Este ano non houbo xovencas procedentes do Centro de Recría da Granxa Gayoso Castro da Deputación de Lugo, polo que Acruga e criadores achegaron a poxa tres xovencas e nove machos, que alcanzaron prezos medios de 2.400 e 2.250 euros, respectivamente.

O nove machos presentados a poxa procedían das explotacións de varios gandeiros, así como da nave de testaje de Acruga, e unicamente quedaron desertos dous. Con prezos de saída de entre 1.800 e 2.350 euros, tras a poxa, os machos alcanzaron un prezo medio de 2.257 euros. De feito un deles levou a cotización máis alta da mañá, ao lograr a súa adxudicación por 2.950 euros, tras abrirse a poxa nos 1.900.

Tamén as xovencas presentadas por varios gandeiros lograron un bo prezo medio, de 2.400 euros, aínda que hai que ter en conta que os prezos de saída foron máis altos. O presidente de Acruga, César Dorado mostrouse satisfeito cos resultados da poxa, aínda que aclarou que “foi unha pena non poder traer xovencas da granxa Gayoso Castro, pola inmobilización do centro. Está claro que hai demanda e que a xente quería comprar. Houbo uns 50 cartóns de posibles compradores, o que proba que en circunstancias normais, vendeuse todo”.

Concurso Morfolóxico

En canto ao concurso morfolóxico de raza Rubia Galega, un ano máis houbo tres gandeiros lucenses que sobresaíron nos premios desta nova edición do concurso, con exemplares procedentes de explotacións que son xa sinónimo de boas prácticas e de coidado pola mellora da raza. Jose Antonio Ferreiro, do Corgo, logrou seis premios, varios deles primeiros, e ademais o de mellor lote. O mesmo número de trofeos levou Manuel López Quiroga, outro dos asiduos a estes certames e a levar recoñecementos para os seus animais. Tamén destacou a gandaría Penín Ponte S.C, de Friol, que en cada edición vai incrementando o número de trofeos que van á súa explotación. Outros gandeiros e gandeiras destacados neste concurso morfológico, tamén con distincións para os seus exemplares, foron Gonzalo Seoane; Alejandro Prado e Ana Isabel Quiroga.

rubia Adai-2-2022

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información