A restricción da maquinaria no verán complica as campañas agrícolas e forestais

O sector forestal advirte de que as limitacións horarias dificultan a execución dos traballos de prevención de incendios, como a roza de cortalumes e faixas auxiliares de pistas. Organizacións agrarias, cooperativas e empresas forestais piden diálogo da Administración para adaptar a norma á realidade do rural

Publicidade
A restricción da maquinaria no verán complica as campañas agrícolas e forestais

O 29 de xuño a Consellería do Medio Rural dictou unha orde que restrinxe o uso de maquinaria agrícola nas horas centrais do día como medida preventiva fronte os incendios. O risco de que as máquinas -independentemente do seu tamaño- provoquen lumes foi a base dunha medida ante un verán que os meteorólogos prevén de calor extrema e reducidas precipitacións.

As reaccións á medida sucédense nos últimos días. Organizacións agrarias, serradoiros e asociacións do sector demandan maior flexibilidade fronte a unha norma que, consideran, debera contemplar as diferentes realidades das comarcas galegas e incluír medidas de acompañamento orzamentario.

Héctor González. Cooperativa Cobideza

“Calquera labor de recollida de herba seca serve como cortalumes. Non ten sentido penalizala, sempre que se tomen precaucións”

Héctor González, técnico da cooperativa Cobideza (Lalín), considera que hai aspectos positivos na orde. Por exemplo ter a man equipos básicos de extinción cando se vai traballar. Pero, por contra, cre que se debe priorizar a capacidade de cumprir cos labores agrícolas desta época do ano.

“O traballo de gandeiros e labregos é o xeito máis representativo de custodia do territorio. Onde hai gando e cultivos, non hai lumes masivos. Vimos o ano pasado como nin sequera as autovías serviron como cortalumes. Porque a intensidade dos incendios está cambiando e son moito máis agresivos”.

O técnico de Cobideza insiste en que as actividades diarias que exercen as explotacións non deben paralizarse porque, asegura, “os terreos que están producindo son a barreira máis eficaz. Limitar o traballo agrario non favorece a protección.”

Esas horas centrais do día son as idóneas para recoller a herba seca, porque é cando presenta menor humidade

A elección do horario de restricións de uso de maquinaria é, a xuizo do técnico, pouco axeitada para as explotacións gandeiras que están inmersas en plena campaña de recollida de herba seca. “Esas horas centrais do día son as máis idóneas para recoller a herba seca porque é cando presenta o menor grao de humidade.”

Que os equipos de extinción estean presentes nas zonas de maior carga gandeira nos momentos de corta da herba é unha medida que, suxire o técnico, sería de utilidade. “O gandeiro xa está concienciado dos riscos que hai. Cos equipos propios, e tendo en conta a presenza próxima no rural de persoal de extinción de incendios, pódese realizar o traballo e reaccionar de xeito rápido ante calquera conato de lume”.

En relación ós posibles controis sobre o cumprimento da orde, González opina que os axentes forestais e medioambientais deben cumprir un labor de asesoría e non de vixilancia, con fins sancionadores. “Porque calquera labor de roza e recollida de herba serve como cortalumes. Non ten sentido penalizar esas accións sempre e cando se fagan adoptando todas as medidas de protección”.

O traballo de gandeiros e labregos é o xeito máis representativo de custodia do territorio. Onde hai gando e cultivos, non hai lumes masivos

A reorganización do traballo das máquinas e do persoal é un dos inconvenientes que detectan en Cobideza. “Estamos condicionados polos orballos das e mañás das noitiñas. As horas centrais do día son as boas para traballar. Pero esta orde implica duplicar o persoal e incrementar os custes do traballo. E eso repercute no gandeiro.”

Aplicar a orde conleva uns gastos engadidos en medidas de protección e en posibles sancións

González reclama que se especifiquen as sancións que se derivarían do incumprimento da orde. “Non se nos comunicou que consecuencias conleva para o gandeiro e o agricultor incumprir esta norma. Estamos falando de persoas que, en moitas ocasións, traballan soas e non teñen máis tempo que esas horas vedadas.”

Asociación Forestal de Galicia

“A prioridade é defender o territorio do lume, pero o forte do traballo no monte faise no verán”

Xosé Covelo, director da Asociación Forestal de Galicia cre que sería preciso un diálogo entre todos os axentes do sector antes de tomar unha decisión como a que se reflicte na orde de Medio Rural. “Os propietarios forestais e, penso, toda a sociedade temos claro que a prioridade é protexer o territorio dos lumes. Pero cremos que esta decisión debera ter sido consensuada co sector”.

Unha cuestión a ter en conta é a dos traballos forestais que hai que acometer no monte durante o verán. O 30 de xuño rematou o prazo de execución de axudas a silvicultura, pero ata o 30 de setembro hai prazo para executar as subvencións para prevención de lumes, que inclúen rozas de mato no monte.

Por iso, Covelo opina que a orde chegou con certa demora e que tería sido máis útil establecer mesas de traballo con todos os axentes implicados, de cara a facela máis efectiva.

Tería sido de máis utilidade convocar a todo o sector hai meses e enfocar entre todos esta problemática (AFG)

“A orde, entendo, é moi xenérica e non ten en conta detalles técnicos. Por exemplo, non implica o mesmo risco un tractor de gran tonelaxe que unha desbrozadora individual de fío. E creo que se debera ter en conta que a carga de traballo en silvicultura recae nestes meses, que son os de máis horas de luz”.

Covelo entende que as medidas concretas de protección fronte ao lume – que implican incoporar equipos de extinción- debera conlevar algún tipo de axuda. “Adquirir ese material que esixe a orde implica unha suba de custos, Tanto para o propietario como para a empresa que realiza as limpezas, que teñen que repercutilo”.

As axudas para prevención de lumes, que inclúen rozas no monte, débense executar antes do 30 de setembro

Dende a Asociación Forestal de Galicia reclaman unha mesa de negociación na que se poidan expoñer as necesidades e as particularidades técnicas que implica a aplicación da orde. “Hai severas diferencias climáticas e forestais entre o norte e o sur de Galicia. Así como entre as diferentes comarcas. Sería lóxico atender a esas diferencias e, se cadra, tería sido lóxico falar co sector e desenvolver esta orde hai meses”

Covelo amosou a total disposición da AFG a participar en calquera mesa ou órgano de debate onde se poidan plantexar as cuestións relativas a esta orde. “A prioridade é defender o territorio do lume. Pero hai cuestións técnicas nas que, penso, deberamos ser escoitados.”

Alfonso Fernández. Serfoga

“É precisa unha reunión coa Xunta para aclarar esta normativa, hai que adaptala á realidade do traballo no monte”

Alfonso Fernández, da Asociación de Empresas de Servizos Forestais de Galicia (Serfoga), amósase moi crítico coa orde. “Non ten ningún sentido. Un autocargador quitando madeira ou un bulldozer facendo cortalumes nunca provocaron incendios. Ademais, a orde obriga a cousas que as empresas levamos décadas facendo, como levar equipos de protección e non traballar nos momentos de máis calor.”

O representante de Serfoga pregúntase se os condicionantes que implica a orde se van aplicar tamén á limpeza de gavias e a outras actividades financiadas pola ou executadas pola Administración. “Estes horarios levan a que sexa moi difícil ter limpas as faixas lindeiras coas pistas, que adoitan ser elementos de propagación dos lumes”.

As gavias e as faixas lindeiras coas pistas adoitan ser elementos de propagación do lume. Este horario dificultará máis a súa limpeza

A capacidade técnica dos actuais equipos forestais é algo que Fernández considera que tamén se debera ter valorado. “Hoxe temos equipos homologados de resposta inmediata. Ante a mínima lapa, as máquinas levan mecanismos de resposta”.

A nivel do traballo das empresas forestais, as necesidades varían en función da comarca, algo que Fernández considera que se debería ter tido en conta, sobre todo tendo en conta as particularidades orográficas de cada zona. “O que no macizo central ourensán leva unha hora e media, na Terra Chá faise en vinte minutos. Non se tiveron en conta as necesidades e condicionantes que temos as empresas en cada momento”.

Non vemos claro que esta orde reduza os riscos de lume. E crea un problema de rendemento nas empresas forestais (Serfoga)

O incremento de custes tamén preocupa a Serfoga. “Adquirir todos eses equipos de protección ten un custe elevado. Nalgúns casos podémolo asumir as empresas pero, noutros, haillo que repercutir ao propietario forestal. Veremos se compensa a calquera das dúas partes”.

Fernández atopa un contrasentido no feito de que se lle concederan axudas de prevención de incendios ás comunidades de montes veciñais, a executar ata outubro, e se lles restrinxa a actividade de traballo no monte ás empresas en función da nova orde da Xunta.

“Fíxose un importante investimento en medidas de protección e maquinaria especializada e agora dinnos que non a podemos empregar. Cremos necesaria unha reunión cos secretarios técnicos das consellerías para aclarar todos estes aspectos”.

Unións Agrarias

“Reforzar a prevención de incendios é lóxico, pero non se poden comprometer as campañas agrícolas”

Desde Unións Agrarias (UUAA) comparten a filosofía da orde de reforzar a prevención de incendios nos períodos de maior risco. Ven lóxico que as limitacións se calculen diariamente en función do Índice de Risco Diario de Incendio (IRDI), tendo en conta condicións como a temperatura, a humidade, o vento ou a seca acumulada.

E entenden que, en situacións de risco moi alto ou extremo, os traballos forestais teñan restricións moi severas ou mesmo unha prohibición total, ao realizarse directamente sobre combustible forestal.

Pero, no caso da actividade agraria, consideran que “as tarefas agrícolas non son sempre comparables cos traballos forestais e, en Galicia, moitas parcelas están próximas ao monte. Por iso, o criterio xeral de vetar a actividade agraria a menos de 400 metros do monte pode afectar a unha parte moi importante da actividade das explotacións”, cuestionan.

Os criterios da orde son demasiado xenéricos e non atenden ás particularidades de cada comarca (Unións Agrarias)

Tamén solicitan que se faga unha clasificación en función das áreas xeográficas. “En veráns secos, e segundo as comarcas, estas restricións poden aplicarse durante 45 ou 60 días, coincidindo con campañas fundamentais como a sega, o empacado ou a colleita de forraxes, que dependen de periodos de traballo moi concretos.”

Unións propón manter a vinculación das restricións ao IRDI, pero permitindo “unha prevención equivalente adaptada á realidade agraria. Isto debería permitir substituír determinadas obrigas persoais, como a presenza dunha segunda persoa dedicada exclusivamente á vixilancia, por medidas alternativas, cando se garanta un nivel de seguridade equivalente”.

Nesa liña, din dende a organización agraria, poderíanse incluír medios de extinción dispoñibles, comunicación permanente, revisión e limpeza da maquinaria, eliminación de restos vexetais nas zonas quentes da máquina, vixilancia durante e despois do traballo, e ausencia de continuidade directa de combustible seco entre a parcela e o monte.

UUAA pide unha regulación que manteña a máxima prevención fronte aos incendios, pero que gradúe as esixencias segundo o tipo de traballo, a maquinaria empregada, o estado da parcela, a continuidade do combustible e as medidas de autoprotección existentes.

E ven necesario matizar a aplicación automática da distancia fixa dos 400 metros, para evitar que unha regra uniforme comprometa a viabilidade das explotacións agrarias e o desenvolvemento das campañas agrícolas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información