O Consello da Xunta abordou este luns o acordo de colaboración que vai subscribir a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), dependente da Consellería de Economía e Industria, coa Universidade da Coruña (UDC) para promover o emprego de madeira galega de frondosas no proxecto de rehabilitación e cambio de usos previsto para a Finca de Lourizán (Pontevedra).
O acordo entre a Administración galega e a institución universitaria reforzará a cooperación, promoverá a innovación e a transferencia de coñecemento nos ámbitos da arquitectura e o paisaxismo cun abano de actividades que inclúen desde apoio técnico, seminarios e exposicións ata un concurso de deseño.
O plan de accións inclúe tanto o edificio como a súa contorna e reflicte o compromiso da Xunta pola recuperación do patrimonio arquitectónico e a valorización dos recursos naturais.
Unha das principais propostas do convenio, en vigor ata decembro de 2027, é a convocatoria dun concurso de ideas, que terá carácter aberto pero que promoverá a participación de alumnos e alumnas da Escola de Arquitectura da Coruña e a Escola de Deseño de Ferrol.
O seu obxectivo é formular solucións cunha materia prima concreta: a madeira galega de frondosas como carballo, castiñeiro ou bidueiro que, ademais, deberá ser obtida nas parcelas de experimentación do proxecto de valorización sustentable de frondosas caducifolias que impulsa o Goberno galego.
Os elementos presentados terán que ser usados en construción, interiorismo ou mobiliario e os prototipos gañadores poderán formar parte dos elementos que se deberán incluír na rehabilitación do pazo de Lourizán. O concurso terá lugar este ano.
A madeira de frondosas é un recurso infrautilizado, que representa máis do 40 % da superficie forestal de Galicia e conseguir que se poida obter unha maior rendibilidade desa superficie forestal «redundará nun mellor coidado dos nosos bosques, favorecendo o efecto de cortalumes natural recoñecido ás masas de frondosas, e nunhas mellores condicións de vida no rural ao xerar máis actividade económica ligada aos aproveitamentos forestais», explican na Xera.
Prestar apoio técnico no ámbito da arquitectura e do paisaxismo e unha xornada de peche que incluirá unha mostra das propostas presentadas e premiadas no concurso, co fin de ver a viabilidade técnica e económica do emprego de madeira galega de frondosas de baixa calidade e diámetro na elaboración de produtos comerciais, son outras das actividades que dan forma ao convenio.
A rehabilitación do pazo de Lourizán corre a cargo do estudio de arquitectura formado pola UTE Pinós-Enrich e permitirá recuperar un espazo emblemático que forma parte da historia de Galicia e cun alto valor cultural e histórico –o edificio está incluído no Catálogo de patrimonio cultural de Galicia– e impulsar o seu posicionamento como centro de referencia forestal no ámbito nacional.
O proxecto busca darlle novos usos ao pazo, para o que se habilitá unha sala de usos múltiples e unha zona para exposicións, e as instalacións albergarán un hotel e un espazo gastronómico.
O obxectivo é conxugar o Centro de Investigación Forestal con usos hoteleiros e de restauración, pero moi apegado ao sector da investigación, de maneira que o proxecto manterá Lourizán como punto de encontro entre investigadores e empresas forestais. Conservará o Xardín Botánico de Galicia, creará o Centro de Conservación do Xermoplasma Forestal e porá en marcha aceleradoras de empresas para reforzar o seu posicionamento como centro de referencia forestal a nivel nacional
Galego









Control OJD