En relación ao recente comunicado remitido por un grupo de seis extraballadores do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM-AGACAL) no que denuncia a situación de abondono do centro por parte da Consellería do Medio Rural e problemas da xestión do persoal por parte da dirección da AGACAL, o departamento que dirixe María José Gómez, manifesta o seguinte:
“O compromiso da Consellería do Medio Rural cos centros de investigación e formación dependentes da Administración é absoluto, tal e como demostran os investimentos realizados e os previstos. Por exemplo, nos Orzamentos do vindeiro ano 2026 inclúese unha partida para rematar o Banco de Xermoplasma do CIAM e daranse tamén os primeiros pasos para a implantación dun novo laboratorio de seguridade biolóxica de nivel 3, principalmente para o estudo e control de enfermidades bacterianas e virolóxicas no ámbito gandeiro. Cómpre lembrar que, neste 2025, arredor do 79% dos investimentos con fondo propio da Axencia Galega da Calidade Alimentaria destináronse ao CIAM.
O persoal que envía ese escrito, efectivamente participou no concurso de traslados e escolleu voluntariamente outro destino fóra do CIAM. Este concurso implicou varios cambios na Consellería e, como calquera proceso similar, enmárcase dentro da normalidade de calquera administración pública. A maiores, e como xa se dixo nalgunha ocasión, a Consellería non vai entrar a valorar o clima de traballo no centro, dado que se apela á profesionalidade de todos e cada un dos traballadores”.
Galego









Control OJD