O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución das axudas para a colleita en verde da viña en Galicia. Esta práctica permite retirar parte da produción antes da súa maduración, o que contribúe a regular o volume da uva no mercado e evitar situacións de sobreoferta. Cómpre lembrar que a medida foi solicitada polos Consellos Reguladores da Ribeira Sacra e do Ribeiro ante os excedentes de viño tinto, como consecuencia da caída do consumo internacional deste tipo de viño.
Por tanto, ante esta petición dos Consellos Reguladores, a Consellería do Medio Rural solicitou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a activación desta medida para Galicia no ano 2025, coa finalidade de evitar unha crise de mercado e contribuír a recuperar o equilibrio entre a oferta e a demanda no sector vitivinícola.
Estas axudas foron dirixidas ás persoas viticultoras cuxos viñedos se destinan á produción de uva para vinificación e que cumpren coa normativa vixente sobre plantacións de viñedo. En total resultaron beneficiarias un total de 75 parcelas vitícolas que suman arredor de 16 hectáreas. O importe asignado foi de 63.477,79 euros.
A través destas achegas subvenciónanse accións de vendima manual na que se colleiten os acios de uvas cando aínda están inmaturos, de maneira que se reduza o rendemento da parcela. A execución desta colleita deberá realizarse como data máxima o 15 de xullo de 2025, segundo se establece na resolución.
Ligazón á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250702/AnuncioG0426-250625-0001_gl.html