O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria de 2024 das axudas á reestruturación e reconversión da viña en Galicia, coas que se beneficiará a 172 persoas viticultoras para actuar en 237 hectáreas cun investimento de 3,1 millóns de euros. Os principais beneficiarios destas achegas son as persoas titulares das explotacións vitícolas, tanto as que xa as veñen xestionando como as futuras viticultoras.
En canto á distribución por provincias, a maioría dos expedientes aprobados son de solicitantes de Pontevedra e Ourense, con 76 cada unha, seguidas de Lugo con 11 e finalmente A Coruña con 9.
Estas axudas á reestruturación e reconversión concédese para favorecer a replantación de viñedos, a reconversión varietal e a mellora das técnicas de xestión de viñedos.
Esta medida é estratéxica para a nosa comunidade, coa principal finalidade de incrementar a competitividade das explotacións vitícolas. Faino mediante os reaxustes estruturais necesarios do viñedo galego para que se diminúan os custos de produción das explotacións, nas que hai un gran predominio do minifundio. Tamén coas melloras técnicas da xestión dos viñedos galegos que contribúan a redimensionar as explotacións e cos reaxustes varietais necesarios para favorecer a orientación ao mercado.
Deste xeito, adáptanse as producións á demanda á vez que se preservan as viníferas autóctonas galegas de menores rendementos e elevada calidade diferenciada, aproveitando así a gran vantaxe competitiva que supón a súa diferenciación nun mercado cada vez máis globalizado.
Con estas axudas búscase perfeccionar o cultivo da vide en Galicia para reducir custos e orientarse mellor aos diferentes mercados, potenciando o grao de profesionalización cos conseguintes beneficios económicos para este tipo de explotacións, ao tempo que se promove a remuda xeracional.
Ligazón á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250129/AnuncioG0426-090125-0009_gl.html