O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución da convocatoria de 2023 das axudas por parte da Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC (PEPAC) 2023-2027. En total, concedéronse subvencións por un importe de 3,99 millóns de euros.
O obxectivo destas achegas é impulsar a creación e funcionamento de grupos operativos que contribúan á modernización da agricultura e das zonas rurais, fomentando e compartindo o coñecemento, a innovación e a dixitalización nas zonas agrícolas e rurais. Así, promóvese a adopción destas prácticas polos agricultores mediante a mellora do acceso á investigación, á innovación, ao intercambio de coñecementos e á formación.
Os grupos operativos —formados polo menos por dous membros— teñen como finalidade promover novas formas de cooperación para a execución de proxectos innovadores. O obxectivo último é resolver un problema ou aproveitar unha oportunidade específica nos sectores agroalimentario e forestal.
Os beneficiarios destes fondos son agricultores, gandeiros, silvicultores e as súas organizacións representativas, investigadores ou persoas que desenvolvan a súa actividade no ámbito rural. Tamén poden ser beneficiarios empresas do sector agrícola, gandeiro ou forestal, as súas organizacións representativas, cooperativas agrarias e as súas asociacións, así como outras entidades que demostren interese no fomento da competitividade da agricultura, na sustentabilidade dos recursos naturais e do clima ou no desenvolvemento das economías e comunidades rurais.