Resolto o concurso de ideas para a rehabilitación do Pazo de Lourizán

Resolto o concurso de ideas para a rehabilitación do Pazo de Lourizán

Apertura das plicas cos premiados.

O equipo de arquitectura composto por Estudio Carme Pinós SLP e Carles Enrich Studio SLP resultou gañador do concurso de ideas para a rehabilitación do Pazo de Lourizán, en Pontevedra, co seu proxecto Xard1n 2.0.

A elección deste proxecto foi unánime, como deu a coñecer o xurado en San Caetano, trala apertura das plicas do concurso promovido pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera). Con 90 puntos sobre 100, Xard1n 2.0 destacou por unha proposta que sitúa o xardín como o fío condutor da intervención, creando unha conexión harmoniosa entre natureza e arquitectura.

O xurado considera que Pinós-Enrich “presenta unha solución moi clara e racional dos aspectos funcionais e construtivos” respectando a arquitectura e os elementos valiosos preexistentes. A organización dos accesos e circulacións crea espazos novos e atractivos, recuperando e poñendo en valor aspectos estruturais do Pazo que adoitan pasar desapercibidos.

Valórase especialmente “a forma de actuar sensible, silandeira e meticulosa que se estende a todo o ámbito da Finca e ao resto dos edificios”, limitada ao mínimo necesario para cumprir cos obxectivos do concurso. Tamén se destaca a introdución de criterios de aforro de custos, que favorecen a viabilidade e sustentabilidade do proxecto.

O equipo gañador recibirá un premio de 48.400€ e o contrato para redactar o proxecto básico e de execución da obra. Este equipo de prestixio xa conta con traballos galardoados, como a ampliación do Mercado da Boquería en Barcelona e a rehabilitación do Hotel-Spa Son Brull en Mallorca, entre outros, obras que foron distinguidas con premios como o Premio Nacional de Arquitectura 2021.

En segundo lugar, cunha puntuación de 84 sobre 100, clasificouse a proposta “Buxus 117”, desenvolvida polos arquitectos Elizabeth Abalo Díaz, Gonzalo Alonso Núñez e María Fandiño González. Este equipo recibirá un premio de 24.200 euros polo seu proxecto, que fai fincapé na eficiencia enerxética e na sustentabilidade ambiental.

O terceiro premio, cunha dotación de 18.150 euros, foi para o proxecto “Lalop 123”, realizado polos estudios MGM Morales de Giles SLP, Irisarri Piñeira SL, Ola Arquitectura SLP e García Fontán, con experiencia en proxectos de rehabilitación, como a Sede dos Rexistros da Propiedade en Vigo.

Ademais dos tres primeiros premios, o concurso concedeu catro accésits de 12.100 euros a proxectos finalistas. A entrega de premios celebrarase o sábado 9 de novembro en Pontevedra, e os sete proxectos finalistas formarán parte dunha exposición aberta ao público que se inaugurará o xoves 14 de novembro na cidade.

A Xunta conta cun orzamento estimado de máis de 17 millóns de euros ata 2026 para o proxecto de reforma integral do Pazo e a súa contorna. A súa previsión é comezar as obras o vindeiro ano 2025 para rematar a rehabilitación deste edificio histórico en 2027.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información