O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas para incorporación ó agro e investimentos en explotacións agrarias. Poden consultarse os listados de beneficiarios nas resolucións das distintas ordes da Consellería de Medio Rural nas que se dividían as convocatorias de incorporación e plans de mellora.
En resumo, Medio Rural concedeu apoios para a incorporación de 320 persoas mozas ó agro (menores de 40 anos) e de 133 novos agricultores, maiores de 40 anos. Pola contra, denegou por distintos motivos de incumprimento a incorporación de 26 persoas mozas e de 13 novos agricultores.
O escenario nos plans de mellora é distinto, pois con case 1.200 solicitudes, entre as distintas liñas da convocatoria, aprobáronse uns 370. Os números confirman o temor das organizacións agrarias, que xa advertiron meses atrás da necesidade de buscar solucións para evitar que a maior parte dos plans de mellora fosen denegados. Finalmente, aprobáronse en torno a un 30% das solicitudes de plans de mellora e denegáronse un 70%.
Os plans de mellora son claves para as explotacións gandeiras, e en menor medida para as agrícolas, pois permiten afrontar a ampliación ou construción de instalacións, así como a compra de maquinaria. Son apoios cofinanciados nun 12% pola Administración xeral do Estado, nun 28% pola Xunta de Galicia e nun 60% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).
En 2024, a partida total asignada foi de 47 millóns de euros. En concreto, para sufragar investimentos en explotacións agrícolas (os coñecidos como plans de mellora) destináronse 27 millóns de euros; para a incorporación de persoas mozas ao campo destináronse 16 millóns de euros, aos que se lle suman 3 millóns dunha nova liña destinada para persoas entre 41 e 55 anos, e, por último, para pequenas explotacións consignouse 1 millón de euros.
Con estas axudas búscase mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción co obxectivo de mellorar a competitividade. Ao mesmo tempo, procúrase conseguir un rexuvenecemento da poboación activa agraria e fomentar o emprego neste sector, con especial consideración cara ás mulleres, co fin último de fixar poboación no rural.
Ligazóns ás resolucións no DOG
Plans de mellora:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250129/AnuncioG0426-080125-0011_gl.html.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250129/AnuncioG0426-080125-0010_gl.html.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250129/AnuncioG0426-090125-0008_gl.html.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250129/AnuncioG0426-090125-0007_gl.html.
Incorporación de mozos:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250129/AnuncioG0426-080125-0009_gl.html.
Establecemento de novas persoas agricultoras:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250129/AnuncioG0426-090125-0006_gl.html