Resoltas as axudas de prevención de incendios en plena vaga de lumes en Ourense

Medio Rural comezou a comunicar este luns as subvencións aprobadas para executar desbroces no monte e para crear puntos de auga. A concesión dos apoios retrasouse este ano máis do habitual polo estado de alarma derivado do coronavirus

Resoltas as axudas de prevención de incendios en plena vaga de lumes en Ourense

Devasa nun monte. / Arquivo.

Os retrasos na resolución das axudas de prevención de incendios son un problema endémico da Administración galega. Son subvencións dirixidas a financiar rozas no monte e a crear puntos de auga, traballos que o sector forestal entende que hai que ter executados antes do verán, pero o habitual é que as axudas se concedan xa coa época de alto risco de incendios avanzada. Foi o que sucedeu o ano pasado, cando se resolveron as axudas o 15 de xullo, e este ano, a resolución atrasouse máis do habitual polo estado de alarma derivado do coronavirus.

A concesión das axudas de prevención de incendios, dirixidas principalmente a comunidades de montes, comezouse a comunicar este luns, en plena vaga de lumes de Ourense, segundo confirman distintas fontes do sector forestal.

Unha vez recibida a comunicación da concesión da axuda, as comunidades de montes beneficiarias terán agora un prazo de 10 días para presentar unha memoria explicativa dos traballos. Despois, os técnicos de Medio Rural terán que supervisar o proxecto sobre o terreo, antes de autorizar o inicio das accións preventivas.

Cando esas medidas se poidan aplicar será xa o mes de outubro e a época de alto risco de incendios estará rematada. “A conclusión é que na tempada de incendios 2020 non houbo medidas de prevención feitas polas comunidades de montes con financiación da Xunta”, explican distintas fontes do sector forestal. Así as cousas, as accións preventivas que se teñen feito no monte este ano foron ben as executadas con fondos propios polas propias comunidades, ben as executadas directamente pola Xunta, principalmente en montes conveniados, públicos, pistas forestais e áreas cedidas para puntos de auga.

Prazos
A cuestión é que a concesión das axudas para os traballos das comunidades retrasouse debido ó estado de alarma. As axudas convocáronse a mediados de febreiro, cun mes de prazo para solicitalas, ata o 19 de marzo, pero houbo que interrumpir os prazos polo estado de alarma derivado do coronavirus, decretado o 14 de marzo. Unha vez reanudada a conta dos prazos administrativos, o 1 de xuño, o prazo de presentación das solicitudes das axudas de prevención rematou seis días despois.

A resolución das solicitudes comezou a notificarse onte, máis de tres meses despois. Puido terse feito antes?.

A parte boa do asunto é que este ano a convocatoria era bianual, co cal os traballos poderán executarse ata a primavera do próximo ano, deixando o monte listo para o inicio da próxima época de alto risco de incendios. Desde Medio Rural inciden en que este é o primeiro ano en que as axudas son bianuais, cunha orde de execución que remata en abril do ano seguinte, o que permitirá un correcto desenvolvemento de tódolos traballos sen que ningunha comunidade perda as axudas por falta de prazo.

Fragmento dunha das notificacións de resolución das axudas que recibiron onte os beneficiarios.

Fragmento dunha das notificacións de resolución das axudas que recibiron onte os beneficiarios.

Liñas das axudas de prevención de incendios
As liñas de apoio que inclúen as axudas son dúas, unha para control selectivo do combustible en áreas de devasas, faixas auxiliares de pista, rexenerados forestais e entrefaixas. Esta liña ten por obxectivo a reducción da carga de combustible presente no monte e a creación de áreas de descontinuidade, tanto horizontal como vertical, que reduzan a velocidade de propagación dun posible lume.

A segunda liña é para a creación de puntos de auga que poidan prestar apoio ós servizos de extinción de incendios.

Os fondos destinados a estes apoios na convocatoria 2020 foron de 5,8 millóns de euros (3 millóns de euros para a anualidade 2020 e 2,8 millóns para o 2021). Da cantidade total, 4,8 millóns oriéntanse a financiar rozas no monte e a cantidade restante á creación de puntos de auga.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información